luns, 31 de decembro de 2012

A páxina de Rock Santerre.

Non se trata dunha páxina musical, é que o señor Rock Santerre é profesor da Universidade Laval de Quebec e ten un sitio molón sobre xeodesia, do que me chama moito a atención a galería fotográfica sobre aparatos topográficos, con algún que nin aparece nos libros modernos máis que en debuxos. 

Aparte ten unha boa colección de ligazóns de Internet sobre xeodesia, apuntes, e moita información sobre aparatos GPS. É moi actual e podemos atopalo en idiomas inglés, francés e castelán, por todo o cal considero o site digno de ser tido en conta. 

E con isto creo que pecho o ano! Felices festas a todos!


domingo, 30 de decembro de 2012

Ingeniería y algo más.

Dende a marabillosa República Dominicana nos chega este blogue moi currado por Yimmy Alba cunha impresionante bibliografía sobre todo o que nos afecta aos que estamos na enxeñería: libros e máis libros sobre matemáticas, física, estruturas, pavimentos ou normas internacionais ao voso alcance con tal de facer clic nos enlaces que vos ofrecen. Aparte o blogue ten a súa propia páxina en FB na que vai poñendo as actualizacións das ofertas que aporta, por todo o cal o considero máis que recomendable. 

Sexas estudante, profesional ou profesor é un dos sitios que hai que ter en favoritos e revisar de cando en vez. 

Saúdos e feliz ano novo. 

sábado, 22 de decembro de 2012

O máis sinxelo programa de deseño de pontes articuladas.


Como dicía o clásico “as ciencias adiantan que é unha barbaridade!”, e a día que pasa máis aínda.

Creo que tería eu sobre cinco anos cando vin por primeira vez “Morreron coas botas postas” (cunha tele en branco e negro que soio collía dúas cadeas que de propina pechaban a emisión á hora da sesta) e chamárame a atención a parte do film desenrolada na academia militar de West Point, toda unha institución nos USA. O que menos podía esperarme daquela é que eu podera un día chegar a trastear con programas feitos directamente dende tal academia, pero o certo é que aquí temos un que ademáis é chistosísimo e francamente útil para desenrolar conceptos básicos e non tan básicos do cálculo estructural, que a verdade o de facer polígonos de Cremona sempre me pareceu pouco didáctico (a ver se non me levo unha bronca á volta das vacacións por dicir isto).  



Cando elaborei unha UD de estruturas para tecnoloxía xa me vira con este programiña, na súa versión de 2007, que atopei case de casualidade buscando información para deseño de pontes, se ben en West Point teñen unha sección de enxeñeiros que no parece para nada conformista e ano a ano vanlle facendo melloras, esperándose a nova versión 2013 para xaneiro próximo. Cabe engadir que a academia fai un concurso de creación de pontes on-line dirixido ao equivalente á ESO en Norteamérica, con premio para o mellor deseño de ponte. Por suposto que o programa é de descarga libre con dominio público e instálase en Windows sen problemas. A versión 2012, dende esta ligazón.  



O funcionamento é moi sinxelo e intuitivo aínda que non saibas inglés, basicamente consiste en establecer unha luz de ponte (polo que vin poden facerse pontes de ata dous tramos con apoio intermedio) e unha altura sobre río, coa posibilidade de darlle apoio en estribos normais ou asegurando mediante cableado. 



Faise un deseño básico baseándose en barras e nodos (encontros de barras) que o propio programa dimensiona e que non teñen maior complicación para delinearse. 



Unha vez deseñada a ponte podemos facerlle sen máis unha proba dinámica para comprobar a resposta da estrutura ao paso dun camión, proba que podemos ver dende fóra da ponte ou incluso dende a cabina do camión, e na que se mostran en bermello as barras comprimidas e en azul as traccionadas, e se indican as deformacións producidas en cada momento do paso do camión, indicando qué elementos deben reforzarse. 



Comprobada a ponte cabe logo facer un traballo máis técnico buscando a optimización de elementos da mesma a fin de obter o mínimo custe de construción, custe que tamén calcula o programa en tempo real. 




Como problemiña, pois que as unidades non se dan en SI se non en sistema saxón (xa sabedes, pes, pulgadas, etc...) e por suposto o orzamento do mesmo tamén aparece en dólares, se ben como traballo base non está nada mal. O que me pregunto mirando isto é se os programas de cálculo que manexamos os técnicos europeos non poderían ser igual de simples e transparentes. De todas maneiras aquí vos queda por se queredes xogar un pouco os que poidades disfrutar dunhas vacacións e teñades curiosidade polas obras civís. 




Disfrutade del coma se fora un xogo.

Boas festas. 

Operacións básicas de campo en topografía.

Ainda que xa puxen un destes vídeos, vou agrupar estes tres en outro post xa que agrupan as principais operacións con nivel e teodolito electrónico, incluíndo as fundamentais operacións de estacionamento de aparatos que debemos mirar en aulas e que varían según empreguemos nivel ou estación total. Como sempre, agradecer a distribución da canle Youtube da UPV e esperar que máis universidades e centros educativos se apunten a iniciativas como estas. 

Nivelación xeométrica. 



Estacionamento e lectura con teodolito. 


Enlace de Moinot para itinerario con estación total. 





martes, 18 de decembro de 2012

Bioconstruirme

Deixovos tamén un interesante blogue sobre bioconstrución e permacultura en Galicia, feito por unha compañeira aparelladora e unha bióloga (Carolina e Paula, respectivamente) con cantidade de información sobre materiais ecolóxicos, bioconstrución e eficiencia enerxética. Van poñendo un interesante listado de cursos para min insospeitados e moitos enlaces a páxinas relacionadas co tema, así que se estades no mundo da construción ben podedes botarlle un olliño, seguro que vos aproveita.

Vai para o listado de blogues amigos e tamén vos deixo aquí ligazón

luns, 17 de decembro de 2012

Adiante a revisión do PXOM de A Coruña

Como informa a día de hoxe COPE Coruña, o concello da cidade anuncia que o próximo 26 levarase a pleno a revisión do PXOM para obter a aprobación inicial, a fin de contar co visto bo da Xunta nos tres primeiros meses do ano próximo.

Como se cadra se vos da por consultalo, vos poño a ligazón correspondente.

Espero que vos sexa útil, sempre podemos discutilo por aquí. Deica.

domingo, 16 de decembro de 2012

O viaducto do encoro de Contreras.

Se ben os cálculos e o deseño son unha parte clave na construción dunha ponte, a complexidade desta que vos traio hoxe obriga a un proceso construtivo que constitúe todo un traballo en sí mesmo. Como podedes comprobar unha cousa é facer os planos desta obra de enxeñería e outra é levala a cabo. O que ocorre é que sen unha execución adecuada os planos non pasan de ser unha elaboración mental.

O que vos ven aquí ven sendo o viaducto do AVE no encoro de Contreras, entre Castilla La Mancha e Valencia. A ponte pertenece a ADIF, foi construída pola UTE San José-AZVI e tivo como proxectistas a Javier Manterola, Antonio Martínez, Juan Antonio Navarro e Silvia Fonte.
 
E como corresponde a unha obra de tales características a precisión adquire niveis incomprensibles, como mostra a infografía.
 

Tamén considero digna de destacar a integración no ambiente lograda, para mostra un botón achegado por un compañeiro pescador.
 

10 anos de licenzas Creative Commons.


Cúmprense 10 anos da creación das licenzas Creative Commons. E dez anos despois apenas parecemos saber nada das mesmas, así que plantexo esta entrada como outro recordatorio.

A primeira cuestión que debemos plantexar é que cada vez que facemos un contido divulgativo temos que apoiarnos en fontes e que as mesmas sempre estarán dun ou outro xeito sometidas a dereitos de propiedade intelectual. Así, cada vez que eu faga un artigo no blogue tería que solicitar permisos para difundir información, xa que a maior parte da que cito non me pertence. Isto podería acabar sendo un lío para o propio autor, que podería verse asaltado na rede por solicitudes para empregar o material, e o certo é que dificultaría a distribución de documentación posta a libre disposición dos internautas.

Se ben cando nos atopamos con material protexido por copyright nos atopamos con que tódolos dereitos están reservados, cando temos un material protexido por unha licenza Creative Commons (a partir daquí CC) algúns dos seus dereitos están reservados. Se atopamos un curso con licenza CC o dereito de facer copias pode estar aberto ao público. Pode parecer un pouco difícil de explicar, así que igual este vídeo vos aclara algo. 



O que quere dicir isto é que o material baixo licenza CC non é de libre emprego como nalgunhas ocasións temos escoitado. CC adopta unha posición intermedia entre a libre distribución e o copyright, de xeito que se convirte nunha ferramenta útil para o autor novel, que pode distribuír por Internet coa pretensión de que o seu traballo sexa recoñecido sen que as multinacionais se apropien do seu traballo, o auténtico gran perigo para a distribución libre na rede.

Agora ben, cando se emprega unha licenza CC o autor pode escoller entre diferentes condicións da mesma, o que dará lugar a diferentes xeitos de manexo do traballo. Son os seguintes:

Recoñecemento (Attribution): o creador permite copiar, distribuír e comunicar publicamente a obra a condición de citar adecuadamente ao autor orixinal. Exprésase coa seguinte icona: 

Non comercial (Non commercial): permítese comunicar, distribuír e comunicar publicamente a obra mentres non se empregue con fins comerciais.
Exprésase coa seguinte icona: 

Prohibición de obras derivadas (No derivate works):  permítese comunicar, distribuír e comunicar publicamente unha copia da obra, pero non realizar traballos derivados dela.
Exprésase coa seguinte icona: 

Redistribución baixo a mesma licenza (Share alike): permítese distribuír obras derivadas soio baixo unha licenza idéntica á que regula a obra orixinal.
Exprésase coa seguinte icona: 

Agora ben, estas catro condicións básicas poden reagruparse de xeito que podemos efectuar ata 11 combinacións posibles da licenza CC, poidendo quedar a mesma como segue:


Agora ben, o emprego deste tipo de licenzas conduce a cousas tan chamativas e interesantes como a creación do Barcelona Creative Commons Film Festival, un festival de cine tan metido na web 3.0 que están na procura de asociacións e particulares que queiran copiar o festival. Sí, como acabades de ler, podedes realizar este festival en calquera lugar do mundo

E simplemente con estas ideas pretendía deixar a entrada no blogue, aínda que se hai dudas ou consultas ao respecto, o que suscribe intentará, dentro das súas limitacións, dar resposta ás mesmas.


Ainda que como confío nas ansias de coñecer máis persoalmente e de ir ás raíces deste novo xeito de distribución, vos deixo as fontes das que tirei información para o artigo. 







Espero que vos tivera servido de algo. Feliz fin de semana.  

venres, 7 de decembro de 2012

A páxina de Emma Pérez para deseño web.

Pois hoxe tócalle á páxina da compañeira da EASD Antonio Faílde Emma Pérez Teijeiro.

Dende a páxina podedes acceder a varios temas, ainda que o que máis me chama a atención é a súa lista de enlaces para deseño web.

Titorias, plantillas, tipografía, ferramentas e hosting, case todo de libre acceso, á disposición de todos, e se sabedes dalgún enlace máis que se lle poida pasar facédello saber, que seguro que o agradece.

Deica.

domingo, 2 de decembro de 2012

Subtitula as túas películas.

Como son novato en esto de subtitular vou poñer isto máis que nada para guiarme a min mesmo, polo que seguramente vaia modificando e na medida do posible ampliando este post. Seguramente vou engadir outros métodos a medida que vaia probando, pero de momento vos propoño un bastante simple. 

Como xa teño dito cenes e cenes de veces un idioma estranxeiro éntrache polo oído, así que escoitar pelis subtituladas é un exercicio fantástico para meterse noutros idiomas. Agora ben, se te baixas unha peli, dado que moitas veñen sen subtítulos, cómo subtitular a mesma?

Empezando por ahí imos ter que baixarnos unha peli en VO. Se non conocedes enlaces temos uns cantos, eu manéxome con películas yonkis, por descarga directa, movies planet, ou telechargementz segundo o idioma que me pareza. 

Unha vez baixada a película en idioma orixinal o que temos que localizar son os subtítulos, e localicei outra páxina na que podemos atopalos en calquer idioma: sí, tamén os hai en galego! Estes subtítulos veñen en arquivos de extensión .srt, non é habitual que dean problemas de virus e non me teñen dado problemas ao descargar. 

Cando se descargan, o que fago é unha carpeta para a peli onde deben ir  xuntos o arquivo de subtítulos e o arquivo de vídeo. E agora ven un punto importante: qué tipo de arquivo de vídeo nos baixamos?

Moitas veces os arquivos de video baixados dan problemas pola falta de códecs, especialmente de sonido, polo que é bastante habitual descargar unha peli das páxinas anteriores e que non teña sonido, ás veces nin siquiera imaxe. O que teño feito para remedialo é tan simple como baixarme un programa específico para ver videos, trátase do Media Player Classic - Home Cinema, e podedes baixalo dende aquí. Con él non tiven problema para ver ningún tipo de película, sempre e cando o arquivo da mesma non estivera danado, e valeume para todas as extensións de video que teño probado. 

Así pois, a estas alturas teremos nunha carpeta o arquivo da peli (seguramente un .avi) e o arquivo de subtítulos con extensión .srt.

Pois o importante a estas alturas é que ambos arquivos deben ter exactamente o mesmo nome. Así que dádelle a modificar un ou outro, pero que teñan, fóra da extensión, o mesmo título ou non funcionará o procedemento que vos detallo.

Cos dous nomes iguales facemos click co botón dereito sobre o arquivo de vídeo, escollemos Abrir con e dámoslle a Media Player Classic. Cando abra no menú de comandos, á esquerda de todo, entramos en File, facemos click en Load Subtitle e nos abre unha pestaña que xa debera estar restrinxida á carpeta do video, polo cal escolleríamos o .srt e directamente cargaríamos os textos de subtítulo.

Se non vos sale á primeira intentádeo máis veces. Se cadra o procedemento vos parece algo peñazo, pero con esto te evitas baixar programas específicos de cargado de subtítulos, algo que pretendo poñer neste mesmo post cando teña tempo de miralo. Por último indicar que os subtítulos se ven á par da película, pero non quedan incrustados na mesma e podedes eliminalos simplemente volvendo a entrar no menú File. Como contrapartida, tenme pasado que ao adiantar a peli movendo o cursor de avance do arquivo os subtítulos moitas veces se me descoordinan e non seguen o tempo da peli. Máis endiante intentarei remedialo.

Boas noites a todos. 

sábado, 1 de decembro de 2012

Oficalc, a mellor calculadora científica no teu PC.

Pois non conocía Oficalc e leveime unha sorpresa cando o atopei instalado nos ordenadores do centro. 

Trátase dun programiña elaborado polo centro de formación Ofimega academies s.l. de Salou como medio de aprendizaxe de linguaxe Pascal, polo que podes acceder ao código fonte.  

Como ferramenta paréceme moito máis útil e potente que a tradicional calculadora de Windows, xa que aporta multitude de funcións trigonométricas e estatísticas, aparte de cálculo directo de áreas, conversión universal de unidades, xeometría e un área de química coa táboa periódica e características atómicas. De todos os xeitos as sucesivas versións (agora mesmo van pola 10.1) van incorporando melloras e funcións. 

Recomendable para estudantes e profesionais, para min é a mellor calculadora que me atopei desde que se estropeou a miña añorada Casio FX-702P. Tamén pode ser instalada en varios idiomas, ainda que non en galego, cachis...

E a tendes aquí, na área de descargas, completamente de balde. 

Deica logo.