domingo, 20 de outubro de 2013

Algunhas puntualizacións sobre o novo DB HE.


Tras unha visual aos novos elementos, indicar que o novo DB HE, aprobado por Orden FOM 1635/2013, vai máis aló do simple aforro enerxético nos edificios. A pretensión deste documento é seguir a Directiva Europea 2010/31, co obxectivo de diminuír o consumo enerxético nos edificios ata que no ano 2020 os edificios de nova construción sexan practicamente autosuficientes, rebaixando o prazo para 2018 no caso dos edificios das Administracións Públicas. As esixencias non chegan aínda a tal extremo, se ben son previsibles novos cambios nun futuro ben próximo a fin de acadar tal obxectivo.

De momento a modificación non é obrigatoria ata o próximo marzo de 2014. Por outra parte afecta a edificios de nova construción e a ampliacións de edificios existentes.

Con respecto aos cambios, do que é unha vista por enriba podemos destacar as seguintes novidades:

1 Aparición da nova sección HE 0. A partir de agora non chega con dar unha cualificación enerxética ao edificio ou ampliación proxectados, se non que o documento establece un límite directo ao seu consumo mediante expresión de kwh/año m2, límite que se establece en función da zona climática onde se atope o edificio e da superficie útil do mesmo. Para isto emprégase unha fórmula que calcula o consumo máximo de enerxía nos servizos de calefacción, refrixeración e ACS.
Se ata agora metíamos o edificio proxectado en LIDER ou CALENER e simplemente mirábamos que letra obtiñamos en función de como o tiveramos deseñado, agora temos unha limitación clara ao consumo máximo. Agora ben, o que se fixa agora é o consumo de enerxía, e non as emisións de CO2. Loxicamente son esperables actualizacións nos programas LIDER e CALENER para poder efectuar con eles esta labor.

2 Cambios na sección HE 1: esta é a sección de limitación de demanda enerxética. Pois ben, o documento comeza por poñer un límite ás demandas de calefacción e refrixeración, o que obriga a unha incidencia clara nos valores de illamento, que poden elevar o espesor do mesmo ata 8 cm.
Tamén debemos recordar que neste documento do ano 2006 deseñábamos o noso edificio, que era o edificio obxecto, e que tanto LIDER como a opción simplificada creaban un edificio de referencia, igual ao edificio obxecto pero que cumpría o DB HE1, e a esixencia consistía en lograr que o noso edificio tivera unha demanda igual ou mellor que a do edificio de referencia.
No documento do ano 2013 a esixencia é unha demanda determinada para calefacción e refrixeración, polo que LIDER e a opción simplificada CE2 deixan de ser válidos ao non dar directamente os valores límites das demandas.

3 Cambios na sección HE 3: esta é a sección de instalacións de iluminación. Fanse máis esixentes os valores VEEI para cada uso, e efectúase unha limitación de potencia máxima en función do uso.

4 Cambios na sección HE 4: esta é a sección de contribución solar da ACS. Simplifícanse táboas e cálculos. A contribución solar mínima depende nada máis que da zona climática e modifícanse os valores unitarios de consumo de ACS en función do uso. Deixamos mapa e táboas de zonas climáticas para empregar o dato de radiación media diaria da localidade.

Por último, deixar os documentos de apoio (DA) seguintes publicados un pouco despois da publicación do novo EH.