venres, 20 de decembro de 2013

ETICS: Illar os edificios cambiando a súa pel polo exterior.

Logo teríamos que buscarlle un nome non anglosaxón para o sistema ETICS (External Thermal Insulation Composite Systems with Rendering), pero polo momento é como se lle coñece á técnica de incrementar a inercia térmica da envolvente do edificio mediante a aplicación de illamento polo exterior sen destrución de fachada. Podemos irnos facendo cargo que a técnica ten moitas posibilidades se ben dúas vantaxes sobresaen da mesma: con ela eliminamos por completo as pontes térmicas e podemos facer unha rehabilitación destiñada a mellorar a eficiencia enerxética dun edificio sen perda de superficie útil nin desaloxo dos ocupantes, dun xeito relativamente pouco agresivo. 

Sistema: 

Os ETICS consisten nun illamento térmico polo exterior, conformados por un panel illante prefabricado adherido á envolvente do edificio, mediante adhesivo e fixación mecánica. 

O illamento queda protexido mediante unha ou varias capas de morteiro, unha das cales leva unha malla como reforzo. O revestimento aplícase diretamente sobre o illante, sen cámara de aire. 



Vantaxes técnicas do sistema: 

1 Os ETICS aplícanse de xeito contínuo por toda a fachada, de xeito que o seu emprego evita a formación das pontes térmicas habituais en pilares de fachada, encontros fachada-forxado e dintel e peana de ocos. 

2 Redución das oscilacións térmicas en fachadas, o que repercute nunha diminución das fisuras provocadas en fachada polos continuos cambios climáticos. 

3 Mellora sensible do comportamento da fachada ante a penetración de auga. 


Compoñentes do sistema: 



1 Placas illantes: a máis empregada é a placa de poliestireno expandido EPS con densidade de 20 kg/m3 e espesores de 40, 50, 60 e 80 mm, con marcado CE según UNE EN 13163. Son válidas tamén as placas de poliestireno extruído XPS con marcado CE según UNE EN 13164 e as placas de lá mineral con marcado CE según UNE EN 13162. 


2 Ancoraxe mecánica: ancoraxe plástica de polipropileno con aditivos. Debe escollerse a súa lonxitude en función do espesor da placa de illamento a fin de que a atravesen por completo ata o soporte, cunha profundidade de ancoraxe mínima de 40 mm. Os tamaños comúns atópanse entre 90 e 120 mm. Dispoñen de marcado CE segundo guía DITE 014. Cada casa subministradora fai indicacións do xeito de colocación e número de ancoraxes precisos. 




3 Morteiro adhesivo: de base cementosa, con áridos, adhesivos e resinas, queda listo para o seu emprego unha vez mesturado con auga. Por toda a cara adherida, preferentemente percorrendo o borde e aplicando pegotes no centro. 



4 Morteiro de capa base: aplicado directamente sobre as placas de illamento para reforzo da superficie, con llana ou máquina de proxectar cun espesor aproximado de 2 mm. Aplicarase en dúas capas, e ao rematar a primeira colocarase a malla de reforzo. 

5 Malla de reforzo: armadura de fibra de vidro con misión estabilizante fronte a variacións térmicas e resistencias mecánicas. Existen dous tipos: malla normal para as partes altas do edificio (con peso de 130-200 g/m2) e malla reforzada (con peso de 735 g/m2) para zonas onde exista maior risco de impactos: zócalos, tramos inferiores de fachada, cantos de ocos ou alféizares, etc.Con solapes de 10 cm e nas aristas dando unha volta de 25 cm, e colocada a 45º en esquiñas de ocos. 
Colocarase sobre a primeira capa de morteiro mentres está fresca facendo presión para que quede embebida, e tras o secado da primeira capa de morteiro botarase unha segunda que cubrirá completamente a malla de fibra de vidro. Tras aplicar a segunda capa e esperar un pouco se pasará por todo o enfoscado unha esponxa ou fratás, deixando a superficie o máis lisa posible. 




6 Perfís: de aluminio para aportar resistencia mecánica. En forma de U para a liña máis inferior do revestimento e en esquiñeiro para reforzo das placas en encontros. 




7 Imprimación: aplicada 24 horas da segunda capa de morteiro aplícase unha imprimación de fondeo con brocha ou rodillo para igualar e como ponte antes do acabado final. 



8 Capa de acabado: mediante proxección, fratasado, raiado, talochado ou directo. como remate final.  

Beneficios: 

Múltiples. Comezan por un importante aforro enerxético, un aumento da inercia térmica do edificio que favorece tanto en estación cálida como fría, aforro económico para o propietario e un nada desdeñable incremento do período de vida da fachada. 

Como sempre hai que saber algo máis, vos deixo as referencias web de onde tirei a información. Saúdos. 


http://www.anfapa.com/pdfs/etics.pdf#page=2

http://www.anfapa.com/pdfs/articulos_etics5.pdf

http://www.arquisolux.com/herramienta.php/es/40

http://www.topox.es/media/pdf/esp/Aislamiento_por_el_Exterior_TOPOX.pdf

http://www.basf.es/ecp1/Spain/es_ES/function/conversions:/publish/upload/02_Products_Industries/02_Solutions/SM10MAD-Final

http://basf.xeradordeprezos.info/basf_ob_heck_mad/index.html

http://www.sate-etics.com/

http://www.interempresas.net/Logistica/Articulos/42811-Sistemas-ETICS-una-nueva-piel-para-los-edificios.html


Primeira sanción por falsear unha certificación enerxética.

Nesta nova publicada no diario El Mundo observamos que un técnico, do que non se recolle a titulación, foi multado pola comunidade de Madrid por falsear unha certificación enerxética. 

Debemos prestar atención ao feito de que o técnico asinou unha cualificación enerxética A, cando a vivenda correspondíalle unha clase C. 

Ao parecer, a Comunidade está efectuando labouras de vixiancia das certificacións expedidas, centrándose nas que obteñen cualificación A ou B. 

O importe da sanción foi de 4.000 euros. Cabe recordar que os seguros de responsabilidade civil normalmente non inclúen o abono de multas.  

Coidadiño e saúdos.