sábado, 28 de xuño de 2014

Nova ferramenta unificada LIDER-CALENER.

Vou con retraso, e últimamente despístaste un mes por culpa dos exames e estás perdido de novo, xa que foi o 12 de maio cando se publicou a nova ferramenta unificada LIDER-CALENER (xa houbo unha publicación en marzo, pero con fallos), que agrupa os programas empregados ata agora para avaliar a demanda enerxética e o consumo enerxético, antes calculadas respectivamente por LIDER e CALENER.

Podemos verificar mediante esta ferramenta as esixencias 2.2.1 da sección HE0 do CTE DB HE, así como o punto 2 do apartado 2.2.2.1 do HE1.

A esixencia establecida para edificios de nova construción de uso distinto ao residencial privado no apartado 2.2.2 da sección HE0 debe verificarse segundo o procedemento básico para a certificación enerxética de edificios. Outras esixencias que resulten da aplicación das seccións HE0 e HE1 deben verificarse por outros medios. Palabras textuais.

En definitiva, que a ferramenta serve para xustificar o CTE, pero non para emitir unha calificación enerxética, que seguirá a efectuarse coas ferramentas dispoñibles ata a data:

Para obra nova: CALENER e CERMA.

Para edificios existentes: CALENER, CE3, CE3x e CERMA.

Dende logo imos ter que facer un cursiño máis (xa fixen un bastante completo e está visto que non chega a nada) para ir aprendendo isto. De momento vos poño as seguintes ligazóns para que vaiades descargando e metendo no ordenata.

Ferramenta de cálculo LIDER-CALENER. 

Manual da ferramenta LIDER-CALENER. 


O blogue de Manuel Alvarez López.

A verdade paso moito tempo surfeando na rede, moitas veces vendo páxinas que prometen moito máis do que dan (normalmente esixindo unha membresía ou o pago directo por cada un dos arquivos descargados) e levando moitas decepcións, pero a veces atopas blogues francamente interesantes imbuidos do espíritu da libre divulgación da información que aportan bastante a aqueles que estamos en temas construtivos, tanto se é polo diario interese da profesión como por aumentar coñecementos, que nunca sobran.

Un destes casos que me animaron foi ver o blogue de Manuel Alvarez López, enxeñeiro de estruturas actualmente afincado en Perú, que me ten ganado pola mano xa que no seu blogue, aparte de artigos e apuntes sobre estruturas, divulga libros de narrativa, fálanos de viaxes, películas, ten a súa lista de páxinas web, ofrece enlaces para aprender inglés ou francés, ou tomar cursos gratuítos ou simplemente falar de política.

A verdade é que sospeito que lle pasou como a min e que cando veu a súa carpeta de favoritos a rebosar pensou que era mellor metelo todo nun blogue e de paso compartir de xeito altruísta a súa información :).

Aqueles interesados na enxeñería civil podedes pasar un bo rato mirandoo, e os que non tamén.

Para sinalar e que non o perdades os que esteades interesados no cálculo estrutural, un recurso bastante útil que tendes á vosa disposición é este curso gratuíto de muros pantalla impartido por Zigurat, no que podedes matricularvos para seguir o proceso dun caso real de muro pantalla empregando o programa CYPE.

Un abrazo a Manuel e saúdos a todos.

sábado, 14 de xuño de 2014

Os apuntes de Enxeñería Civil da UPM en aberto.

Onte, mentres mirábades cómo a selección holandesa facía un pandeiro da española, eu estaba paseando pola nube e atopeime coa páxina web da delegación de alumnos da ETSI de Caminos, Canales y Puertos da Universidad Politécnica de Madrid e leveime de novo unha grata sorpresa.

Xa que se abristedes a ligazón e mirastedes un pouco chegaríades á páxina de descargas, onde vos podedes descarregar literalmente ferrados de apuntes, exames, traballos e prácticas das asignaturas de enxeñería superior de camiños, enxeñería de materiais e enxeñería civil e territorial.

Boteilles un ollo e únicamente lamentaría que a maior parte sexan escaneos dos apuntes tomados a man en aulas, se ben uns cantos son presentacións bastante curradas.

En todo caso o volume e orde das publicacións fai desta unha páxina de referencia para todos aqueles que pretendades seguir os camiños da enxeñería civil. Xa tendes para botar un tempiño mirando para eles, incluso se buscades informacións concretas como de asignaturas de cálculo de estruturas.

Saúdos e grazas ao alumnado da escola por poñer toda esta información ao alcance do público.

luns, 9 de xuño de 2014

Programas e textos de mecánica de solos dende Holanda.

Pois púxenme a revisar posts antigos da páxina CivilGeeks, que sinceiramente paréceme recomendable, cando vou e me topo con este post que me leva a un OCW da Universidade Tecnolóxica de Delft (con outros OCWs que parecen interesantes) e máis en concreto a esta páxina, sinxela pero efectiva, publicada polo profesor Arnold Verruijt.


Como veredes se entrades na páxina web do profesor, na mesma ofértanse de balde programas de cálculo de estabilidade de noiros, compresión de soportes metálicos e un curso básico sobre mecánica de solos. Podedes descarregalos sen problemas, xa que son de libre distribución, se ben o autor non se responsabiliza dos resultados.



Tampouco é para nada despreciable a ligazón concreta ao libro de mecánica do solo elaborado polo profesor e actualizado a data do ano 2012. Unha ollada por enriba fíxome bastante graza pola claridade ilustrativa e a formulación. Ten o problema de estar en inglés, pero non vos queixedes, que non está en holandés e todos teremos que aprender algo da lingua do imperio, para o cal non faltan recursos na rede. Iso sí, non despreciedes outras linguas.

Espero que vos sirva de algo. Saúdos.

domingo, 8 de xuño de 2014

NG Structures: a App de "Números gordos en el proyecto de estructuras".

Se estades metidos nesto do cálculo de estruturas, moi probablemente coñecedes un fantástico libriño titulado "Números gordos en el proyecto de estructuras".

A filosofía dos autores deste libriño é sinxela: se ben non podemos evitar hoxe en día a utilización de programas informáticos que elaboren un cálculo complexo dunha estrutura de edificación ou obra civil para rematar o proxecto estrutural da mesma, sí é certo que no proceso de elaboración debéramos pasar por unha fase de predimensionado na que establecéramos, coa exactitude suficiente para desenrolar logo os cálculos precisos, un dimensionado de ancho de vigas, sección de columnas e pranta de zapatas que, sendo modificable en función do cálculo obtido, evite un exceso de modificacións durante os cálculos e elabore os mesmos sen desperdicios considerables de material. Eu engadiría que o libriño está francamente ben e non é unha mala introdución ao alumnado que quere aprender a calcular estruturas.

Pois ben, os seus autores pretenderon ir un paso máis aló e xa nos presentan na súa páxina web e na súa páxina de Facebook unha aplicación que nos da os resultados do libriño pero xa sen ter que coller unha servilleta e un portaminas para comprobar o número gordo.


A verdade a aplicación xa nos presta un servicio dende o momento en que probablemente teñamos que tomar unha decisión rápida nunha obra sen ter a man os famosos formularios para cada tipo de viga.

E tamén, por suposto, por se estamos en obra e nos entra a duda da lonxitude de ancoraxe que require unha barra determinada.


Cada problema é abordado de xeito rápido con solución certeira e unha pequena explicación teórica das hipótesis consideradas e o xeito de resolución. 


Outros detalles da interface, por se vos interesan: 




Como pode vir ben, vos deixo lista dalgúns dos problemas estruturais que aborda: 

SECCIONES
- Flexión simple en hormigón armado
- Cortante en hormigón armado
HORMIGÓN
- Zapata
- Muro
- Pilar
- Armado de vigas biapoyadas y continuas
- Flechas en vigas biapoyadas y continuas
- Punzonamiento en pilares centrales, de borde y de esquina
ACERO
- Vigas biapoyadas y continuas
- Pilar / Pandeo
EJECUCIÓN
- Durabilidad
- Descimbrado
- Curado
- Anclaje y solapo
- Control de calidad


A aplicación é descargable dende esta ligazón pagando menos de seis euros, dispoñible para iPhone (compatible con iPad) e tamén para Android.

E vale que é facer propaganda gratuíta, pero penso que a utilidade da aplicación o merece.

Vémonos.