sábado, 20 de setembro de 2014

MOLA Structural Kit.

Disculparedes o chiste do título, pero a verdade creo que isto é o que máis me emociona dende os xogos para PC.  

Resulta ser que cando Marcio Sequeira de Oliveira facía un máster de arquitectura pensou que, efectivamente, o cálculo estrutural era un tema moi teórico e bastante abstracto, polo que matinou en efectuar un modelo visual que permitira contemplar dun xeito próximo o comportamento estrutural. 

Isto levouno a crear un kit de pezas na liña dos LEGO ou MECANO que servira, mediante a diferente combinación de elementos, para crear diferentes modelos estruturais. A relación básica de pezas podedes vela na seguinte imaxe. 


O resultado é sorprendente, xa que efectivamente diferentes combinacións de pezas levan a obter diferentes tipos de estruturas. Un exemplo o temos nas seguintes imaxes, nas que as pezas imantadas redondas con designación C fan o papel dos nós estruturais, mentres que a colocación nos bordos dos nós de elementos triangulares RC como cartelas permiten a estes nós funcionar como empotramentos. Deste xeito podemos combinar unhas poucas barras (pezas con forma de muelle) con pezas C para facer unha estrutura isostática, que podemos transformar en hiperestática coa colocación das pezas RC arredor do nó para coartar o xiro e converter unha articulación en empotramento, como vemos nas seguintes fotos. 



A tese do Marcio (que podedes descargar dende esta ligazón) demostrou que MOLA pode empregarse como un modelo válido cun funcionamento moi similar ao dunha estrutura real, o que o convirte nunha ferramenta en principio bastante válida para o estudo. 

O interese mostrado polo funcionamento do aparello por outros profesionais dende que en 2005 comezou a deseñalo moveu a Marcio a efectuar o prototipo dun kit que poidera poñerse á venda, o que ten moi bo aspecto e permite para unhas poucas pezas efectuar a montaxe de máis de 100 tipoloxías estruturais, pero que para ser producido a escala industrial e distribuido comercialmente require de crowfunding. 




Para que obteñan os 50.000 reais precisos podes facer unha aportación que pode ir de 20 a 10.000 reais, recibindo unha recompensa que vai dende o mail de agradecemento con mención no libro ata recibir, incluíndo gastos de envío internacionais, 10 kits MOLA para aulas cunha conferencia e sesión práctica. 


As aportacións que podes facer e as vantaxes que podes recibir están todas moi ben explicadas na páxina do proxecto. E, se ben apenas queda un mes para rematar o período de financiamento, os 50.000 reais están superados ampliamente, polo que de seguirse o planning teríamos MOLA nas tendas a partir de xullo de 2015. 

E se non queres ou non podes apoiar económicamente contribúe á difusión da idea compartindo esta entrada. Eu tampouco me beneficio por isto! :) En todo caso se MOLA xa me gustaba polo seu aspecto e utilidade, o seu xeito de procurar financiación mediante crowfunding xa me encanta. 

E para terminar e por se queredes saber máis, un pequeno video coa explicación do proxecto e as ligazóns pertinentes de seguido para ter algo máis que mirar. 







Deica.

martes, 9 de setembro de 2014

Mail dende Kenia.

Hai tempo xa que traballara en Madrid nunha oficina dunha xa desaparecida empresa galega. Raios, a verdade esta crise foi demasiado longa: os dous primeiros anos caeron sobre todo empresas que "sobraban", pero os malos tempos prolongáronse tanto que incluso empresas punteiras que facían I+D+i e que traballaban moi en serio tamén caeron. Esta foi, lamentablemente, unha delas. 

Do paso por aquela oficina non podo evitar lembrar a dous compañeiros, Pablo Moñino e Germán Martín. Estes dous enxeñeiros eran literalmente uns cocazos. Germán era moi bó no desenrolo de proxectos, pero Pablo era un caso aparte. Bilingüe en inglés, o principal aporte que lle vía era a creación de arquivos en formato Excel para o cálculo de elementos estruturais de formigón prefabricado. A verdade acojonaba un pouco velo chegar co seu libro de Cálculo de forjados do doctor Calavera e velo poñerse a encher celdas con fórmulas e táboas, que despois nos pasaba ao resto para que simplemente poñendo uns poucos datos poideramos calcular cerchas, forxados ou losas para os proxectos ou orzamentos que levábamos a cabo. Xunto con Germán crearon unha especie de manual de cálculo de prefabricados que incluía todos os produtos da empresa e resumía o seu emprego e cálculo con táboas e gráficos, aforrandonos moitísimo traballo aos demáis técnicos. Tamén Pablo daba conferencias aos compañeiros (foi él quen me meteu na cabeza o famoso concepto de "trúput") e de propina impartía conferencias sobre a empresa polo mundo endiante. 

E se chegáchedes ler isto se cadra pensaredes que estou falando de dous frikis ao estilo de Big Bang Theory metidos a enxeñeiros de obra civil, pero a realidade era moi outra. Ambos eran persoas cercanas, sinxelas e amigables que cando deixaban os ordenadores divertíanse como o que máis. Das farras que temos corrido non falarei, non é contexto adecuado :) pero tampouco foron nocivas, a verdade.

Posteriormente a empresa non me renovou e busqueime a vida por Galicia. Tiven algún contacto moi esporádico coa antiga empresa, e souben no ano 2010 que estaba en dificultades, e que finalmente botara o peche en 2013. Pensaba a veces no que pasara cos meus antigos compañeiros, pero sentíame bastante tranquilo por Germán e sobre todo por Pablo, estaba seguro que haberían atopar traballo onde fora, e que seguramente habería empresarios dispostos a pelearse por telos en plantilla. Con todo non me atrevía a contactarlles, demasiada xente que coñezo o pasou mal e simplemente non tes ganas de chamar para escoitar historias cada unha máis tremenda que a anterior.

Pero non puiden resistirme cando vin o perfil de Pablo nunha rede social profesional, así que lle mandei unha mensaxe e pedinlle novas, a ver cómo lle iba, e mandoume de volta outro mail facilitándome o contacto con Germán Martín, que estivo en Oriente Próximo pero xa está de volta en Madrid dando caña novamente. Ainda que con respecto a Pablo quedei branco cando me dixo que estaba de misionero en Kenia! Se me esperaba velo nunha oficina punteira dunha empresa inglesa ou norteamericana facendo investigación ou anáilse comparado de metodoloxías de cálculo estrutural resulta que, sumado á Comunidad Misionera de San Pablo Apóstol adica os seus esforzos a construír presas para asegurar o subministro de auga nos períodos de seca para poboacións que están pouco menos que na idade de ferro, facendo fornos de cal para non depender do subministro de cemento e construíndo con terra. Todo isto rodeado de poboación armada e predadores nocturnos, é o que segundo me comenta, e non o dudo, son os anos máis felices da súa vida.  



E como se supón que nos derradeiros párrafos hai que poñer unha conclusión, pois que Pablo é un tipo fóra do común co que comprendín ao pouco de coñecelo que simplemente non podía competir contra él. Pero é que aparte de ser un xenio e un profesional como a copa dun pino é un gran tipo. E síntome orgulloso de telo coñecido. 

Ah, que tampouco despreciedes as redes sociais, que son algo máis que un escaparate, e que hai outras opcións vitais aparte de ser un yuppie. Antes que ser un meigo da enxeñería hai que ser persoa, e tanto Germán como Pablo son grandes persoas ás que recomendo como profesionais e como amigos, aínda que despois de ter escrito isto espero que non me corran a gorrazos!

Deica.