sábado, 29 de novembro de 2014

Inasus, enxeñería galega internacional.

Hai tempo xa que estaba seguindo a traxectoria de Inasus, a empresa orixinada polo falecido Xosé Cuíña Crespo, que da man da súa filial Metaldeza vai sorteando a crise e afianza a súa proxección internacional en toda Europa. 


Torre Caja Madrid.

Na súa páxina web ofrécennos máis novas sobre a súa laboura e produtos como as fachadas ECOFAC e as certificacións que ten autorizadas. Se cadra agradeceríase aparte a inclusión na mesma de detalles técnicos e unha descrición máis ampla de produtos, se ben podes observar unha boa relación das súas obras rematadas no seu catálogo multimedia de produtos


Inasus parteu dun taller de aplicación de aluminio para construción situado en Lalín, Pontevedra, diversificando ata especializarse na execución de fachadas estruturais e especiais. Lonxe de estancarse no mercado galego a firma continúa abrindo campos e a día de hoxe está completamente internacionalizada ata o punto de ter aberto oficiñas en Madrid, Londres e Panamá, aínda que mantén a súa sé en Lalín. Esta inquietude permítelle agora optar a obras clave como o contrato de 11 millóns de euros para a fachada da nova biblioteca da Universidade de Birmingham, as fachadas do novo hospital de Belfast a sé de Sagrave en Lausanne, a fachada do Concello de Burdeos ou o centro operativo do BBVA en México. 


Universidade de Sheffield. 


Centro operativo Bancomer, México. 

Dada a problemática actual da construción no Estado español polo menos é de alegrarse polos éxitos dunha empresa galega no exterior, un sector aos que poucos apuntaron no seu momento e que hoxe en día é efectivamente unha táboa de salvación, xa que como comentan dende a súa páxina actualmente o 85% dos ingresos de Inasus proveñen dende o exterior. Dende o blogue, un saúdo aos empresarios e os desexos de máis éxitos no futuro.