luns, 29 de decembro de 2014

Dialux. Titoriais para proxectos de iluminación.

Xa teño feita outra entrada de recomendable letura referíndome a Dialux, a páxina dende  a que podemos descargarnos de xeito completamente gratuíto as aplicacións Dialux EVO e Dialux 4.12, mediante as cales podemos efectuar os cálculos de iluminación tanto para interiores como para estradas ou pavillóns deportivos. Incluso podemos baixar unha App para levala no móbil.

Como estes días cambio o ordenador e estou a reinstalar todo, ao descargar os programas observo que están actualizados e con utilidades bastante xeitosas. Así, por exemplo, para escoller luminarias simplemente escolles o fabricante que queres (por poñer un exemplo, Benito Urban) e o programa envíate directamente á casa do subministrador para escoller as luminarias que te interesen. Nas versións anteriores tiñas que buscar na páxina do fabricante e efectuar unha descarga para despois meter a súa base de datos nas utilidades de Dialux, o que era máis ben engorroso e aquí está francamente mellorado. O manexo do programa non parece fácil, e se ben na páxina de Dialux tendes unha sección de cursos, o certo é que estes son caros incluso aínda que os fagas vía Internet. 

Pero podemos regresar ás boas novas, xa que dende o IES San Roque, en Badajoz, o profesor José María Delgado efectuou un par de titorias colgadas en Youtube nos que nos explica cómo abordar o proxecto de iluminación dunha biblioteca ou cómo calcular o índice de deslumbramento molesto con esta útil ferramenta. E como unha imaxe vale máis que mil palabras, aquí temos os vídeos reflexando o proceso con emprego de Dialux. Nos mesmos explica tamén o proceso de importación de datos dos fabricantes. 





Se se vos fai pouco, en Youtube tendes tamén a canle oficial Youtube de Dialux, na que poñen diferentes videos para iniciarse no proceso de cálculo da iluminación partindo desde o inicio. O problema é que están en inglés, claro, pero para iso eu sempre recomendo That's English. E vos aviso que tedes a matrícula aberta entre os días 7 e 20 de xaneiro de 2015.

Se non, aínda que sexa correndo o risco de ir un pouquiño a remolque coas versións, hai outras canles Youtube con titoriais do programa, como a canle de Rivanisimo.

Webgrafía sobre luminotecnia:

Recursos luminotecnia. UPC.

Catálogos y curso luminotecnia Indalux. Construmática. 

xoves, 25 de decembro de 2014

A academia Nancy-Metz: construción en francés.

Dende Francia tamén chéganos hoxe a páxina da academia Nancy-Metz, que ofrece un baccaulauréat en arquitectura e construción dispensado en tres liceos distintos. Polo que teño visto este baccaulauréat, xunto con tres anos máis, serían a formación correspondente en Francia ao título de Enxeñeiro de Edificación, ou Arquitecto Técnico de grao ou o que sexa que son eu, que xa non teño nin idea.

Nesta páxina podes rexistrarte cunha conta como usuario, se ben para iso requírese un mail profesional educativo, polo que parece reservado ao alumnado.
O problema se cadra é organizar a información que colgan na rede, xa que en moitos casos trátase de tips, se ben son novedosos e penso que bastante ben enfocados, presentados como fichas pedagóxicas, que de todos os xeitos non está de máis remirar de cando en vez. Con todo ao parecer danlle bastante importancia ao uso de programas (asunto polo demáis completamente lóxico) polo que podemos comezar pola maqueta urbanística efectuada mediante Sketch Up.

O seguinte, por seguir con outro, sería esta ficha co cálculo dunha viga de formigón armado mediante Autodesk Robot Structural Analysis


Outra podería ser a de predimensionamento dunha ponte mixta mediante Eurocódigo, facendo uso do programa ACOBRI. 


A información aportada é bastante ampla, e como vemos abarca obra civil e edificación, sen deixar de lado urbanismo e eficiencia enerxética. De feito un dos documentos que máis me chamou a atención foi un estudio multidominio dun local, que partindo dunha maqueta BIM analiza a distribución de pezas, a iluminación, condicións térmicas e acústicas, así como a resistencia mecánica dos elementos. 


Se seguimos a procurar temos, aparte dos tips, tamén temos ligazóns a cursos interesantes como os cursos on line de Nicolas Tixier ou Nicolas Rémy, a propia páxina de cursos online da Université de Grenoble, ficheiros de carga de estruturas, a base de datos alemana Structurae ou utilidades sobre modelizado 3D e maquetas e prototipos.

Hai que aprender algo de francés, se ben eu podería axudar un pouco na labor. Espero que vos sexa útil.

Felices festas e feliz aninovo. 


domingo, 21 de decembro de 2014

Infociments: unha interesante páxina francesa sobre formigón armado.

O que vos traio desta vez, lastimosamente, me temo que solo servirá para aqueles que teñan algunhas nocións de francés. Aínda que a verdade hoxe en día hai múltiples recursos na rede para aprender francés ou calquera outro idioma.


Infociments defínese a si mesmo como o site da industria cementera francesa, agrupada en cinco principales produtoras. 


Dende a súa páxina temos acceso completamente libre e sen necesidade de rexistro a máis de 1.000 artigos técnicos adicados ao cemento, ao formigón e ás súas aplicacións na edificación, na estrada e na enxeñería civil.  


O seu apartado de publicacións é francamente amplo, e abrangue a propia industria cementeira francesa (con informes de actividade, dossier de prensa, estatísticas), cementos e formigóns (cunha completa coleción de fichas técnicas, trípticos e revistas), edificación (cunha impresionante colección de fichas, solucións, conferencias e coloquios) a estradas e enxeñería civil


A temática abarcada é bastante ampla, e por ende exhaustiva. Todos os compoñentes, incluíndo armaduras pasivas e activas, os procesos construtivos, o deseño e a calidade e medio ambiente ou incluso a posibilidade de emprego de ferralla de aceiro inoxidable están tratados dun xeito tan minucioso que é francamente difícil atoparlle tacha algunha, e fan que esta páxina deba estar ineludiblemente na carpeta de favoritos de calquera técnico.


Sen pretender establecer comparacións odiosas, sí que podería indicar que en IECA xa poderían botarlle un vistazo, aparte de deixar como de acceso libre programas como o Prontuario Informático do Formigón, felizmente substituído por Zaida Rincón, que non sei a qué ven cobrar, ainda que sexa por un prezo asequible, por unha utilidade da que eles son os primeiros beneficiados.

Calquera outra cousa, deixade un comentario.

Deica. 

xoves, 11 de decembro de 2014

Unha guía visual para escaleiras.

Creo que non está mal esta entradiña, a ver se teño tempo de traducila. 

Ti vai facendo.

Unha pena. A día de hoxe vemos na prensa cómo se prevé a legalización de 6.000 edificacións situadas en solo rústico, quedando a regularización a criterio dos concellos.

Se cadra non ten nada que ver a proximidade das eleccións municipais. Se cadra.

Se cadra un día faise en Galicia unha lei mediante consenso entre os grupos maioritarios a fin de parar dunha vez o proceso de marbellización da franxa atlántica. Se cadra. 

domingo, 7 de decembro de 2014

Guía práctica para el desarrollo de los proyectos de arquitectura (lousa en cubertas)

Dado que comparto lugar de traballo co Clúster da Pizarra de Galicia, resulta un pracer darlle un pouco de saída dixital ao último traballo que presentaron. 


Para os que non conocérades ao Clúster da Pizarra de Galicia, informarvos que está constituído pola Asociación Gallega de Pizarristas, a Asociación Nacional de Colocadores de Pizarra e a Fundación Centro Tecnológico da Pizarra. Ten a súa sé en Sobradelo, Carballeda de Valdeorras, e no seu edificio administrativo ten despachos, sá de conferencias, laboratorio, obradoiro de colocación e as aulas do IES Sección Sobradelo-Carballeda. A agrupación pretende promover e impulsar o sector da pizarra, así como a innovación tecnolóxica e a adaptación do sector á normativa española e europea. Dado que agrupa a extractores, transformadores e colocadores, abarca tecnolóxicamente a todo o sector pizarreiro, de capital importancia na comarca de Valdeorras e tamén na veciña comarca leonesa do Bierzo. 


Na súa páxina web podedes atopar información detallada sobre todo o proceso produtivo, empresas asociadas, propiedades do material ou normalización e selos de calidade. Con todo, a súa última publicación que motiva esta entrada consiste no libriño "Diseño y construcción de cubiertas de pizarra", elaborado por Fernando López González Mesones, Dr Enxeñeiro de Minas da UPM. O libriño en cuestión podedes descarregalo de xeito completamente legal e gratuíto dende esta ligazón da páxina web do clúster. 


No libro tendes información variada e completa sobre todo o sector da pizarra, abarcando igualmente extracción, conformación de produto, xeitos de subministro, tipoloxías de colocación e aspectos regulamentarios e normativos que abranguen tamén a adaptación ao Código Técnico da Edificación


Con todo, o principal aspecto e máis desenvolvido consiste no cálculo das seccións resistentes de rastreis e dos solapes e cravados precisos en función da inclinación, illamento, pesos propios do material, ascensión capilar e sobrecargas de uso e neve. 


Tras botarlle un vistazo rápido se cadra se podería facer algo de crítica no feito de que a aportación céntrase moito nos apartados de cálculo e se ben especifica os procesos de colcoación non presta tanta atención a detalles construtivos concretos, encontros e seccións detalladas. Con todo, as antigas NTE QTP de cubertas de pizarra aportan bastantes destes detalles e isto non desmerece para nada a utilidade da publicación proporcionada. 


En suma, un simpático regalo para Nadal ao que podedes sumarlle a folla de cálculo que dende a mesma ligazón permítenos efectuar cálculos para determinar a sección e cravado dos rastreis de madeira que constituirán a base de entramado para apoio da lousa.

Esperando que vos sexa útil, envíovos un saúdo.

(Nota: todas as imaxes foron obtidas da páxina do Clúster da Pizarra de Galicia ou da publicación reseñada).