sábado, 11 de xullo de 2015

Replanteo (non topográfico) dun edificio.

Xa cos planos en fase final e concedida a licencia de edificación, o primeiro que temos que facer para continuar unha obra é trasladar as medidas do edificio dende o plano á realidade, nun proceso denominado "replanteo", que, como é lóxico, debe levarse con todo coidado. Ao respecto cabe engadir que cando a edificación a realizar ten certa entidade, e en todo caso sempre que se trate de obra civil, tal operación lévaa a cabo un topógrafo designado pola construtora, que tamén é supervisado pola dirección facultativa. Pero en edificación de obras de escasa entidade construtiva é habitual que tal operación sexa realizada polo encargado de obra tras un estudo dos planos e mediante ferramentas típicas do oficio (sedenla, escantillón, nivel de auga, cal e chumbadas). Por suposto que este xeito de traballo non é válido para obras liñais ou que requiran alta precisión, nas que é imprescindible o auxilio do topógrafo. 

Cabe engadir que este proceso é moi pouco atendido na literatura técnica en castelán que teño manexado. Pola contra sí que teño atopado estudos e publicacións moi completas sobre esta fase de preparación de obra en libros franceses, especialmente o título "Implantation des maisons et branchements", de Henri Renaud, do que engado un pequeno gráfico de seguido. 



Como podemos advertir no debuxo anterior, o plano feito representa o terreo, a orientación xeográfica, escala, elementos existentes naturais ou artificiais, redes de servizos, accesos, altimetría e límites do soar xunto coas distancias a lindeiros, edificacións veciñas e eixo da vía de acceso. 

Especialmente os últimos tres puntos teñen gran importancia incluso en vivendas pequenas, xa que o artigo 217.3.a) da vixente lei 9/2002 de Ordenación Urbanística de Galicia define como infraccións graves as seguintes: 

"As accións e omisións que constitúan incumprimento das normas relativas a parcelacións, aproveitamento urbanístico, uso do solo, altura e número de plantas, superficie e volume máximo edificables, situación das edificacións, distancias mínimas de separación a lindes e outros elementos e ocupación permitida da superficie das parcelas ou de habitabilidade das vivendas, cando non teñan o carácter de moi graves." 

Por outra parte se implantamos unha nova vivenda unifamiliar, é case seguro que o PXOUM vixente a ubicará nunha zona de ordenanza de vivenda unifamiliar que marcará as distancias a lindeiros e eixos de vía das novas edificacións. Se estamos a seguir un Plan Parcial, no mesmo virán as condicións de edificación das fincas, onde virán especificados os espazos a ser ocupados polas edificacións, máis ou menos como temos no seguinte debuxo extraído da mesma obra citada anteirormente, onde se reflexa unha urbanización de vivendas familiares illadas. 



Ao respecto cabe engadir aquí a diferenciación entre dous documentos que poden vir en proxecto: o replanteo do proxecto, que consiste en comprobar a realidade xeométrica da obra e a dispoñibilidade dos terreos previamente á tramitación do expediente de obra (Ley 30/2007 de Contratos del Sector Público, art. 110) e a acta de comprobación de replanteo (Ley 30/2007 artigo 212) que consiste na comprobación do replanteo feito previamente á licitación, no prazo dun mes dende a formalización do contrato. En todo caso hai que lerse tamén a Ley 38/99 de Ordenación de la Edificación, que indica cales son os asinantes da acta de comprobación de replanteo. Estes documentos non teñen valor técnico senon xurídico indicando que a obra pode empezarse, polo que non están involucrados nas operacións que logo se describen, e ademáis son de aplicación ás obras promovidas por administracións públicas, se ben crin convinte marcalos aquí a fin de evitar confusións co tema. Ao final poño tamén un modelo de acta de replanteo a cubrir para obra privada conforme aos artigos da LOE.  

Lóxicamente farémonos cargo que vale a pena adicarlle un tempiño de estudo aos datos de implantación a fin de ubicar a nova edificación alí onde a permite a licenza de edificación, co que evitaremos a posteriori problemas moi serios que poden impricar mesmo a orde de derruba do novo edificio se éste sobrepasa os lindeiros marcados pola ordeación urbana. 




Para efectuar o replanteo da obra o encargado comeza por marcar liñas de eixes ou de bordo de piares e muros. Para manter estas liñas materializadas en calquera intre coloca escantillóns nos que se marca o paso destas liñas mediante un cravo no que poden atarse os fíos ou ben mediante unha marca de lápis. Na seguinte imaxe observamos dous escantillóns marcando as aliñacións exteriores dun muro no seu encontro en esquiña: ao pasar fíos polas mesmas e mantelas tensas materialízase o encontro dos dous muros e cunha chumbada podemos ubicar exactamente a posición da esquiña. En calquera momento podemos retirar os fíos para traballar e en caso de duda poñelos de novo para localizar novamente a esquiña. Obsérvese que os escantillóns deben estar nivelados á mesma cota (preferentemente entre 30 e 50 cm por enriba da cota de explanación), obtendo un plano horizontal de referencia que cubre a obra toda e que permite localizar sen problemas o encontro dos fíos e determinar con claridade a esquiña. A seguinte imaxe pertence ao libro "Lecciones de topografía e replanteos" reseñado ao final na bibliografía. 


Na seguinte ilustración obtida da mesma publicación observamos o perímetro exterior dun edificio con soto materializado mediante escantillóns e fíos. Obsérvese que tras materializar o bordo exterior do muro de soto (marcado a trazos) procedeuse a efectuar a excavación do soto deixando noiros para impedir o desplome do terreo, e que unha vez feito este traballo procédese a colocar novamente os fíos para marcar a posición do encofrado exterior e poder colocalo previamente ao verquido de formigón. 


Agora ben, incluso estas operacións deben levarse con coidado e oficio. Ao respecto téñome atopado uns vídeos elaborados polo profesor Luis Blázquez, da EUAT da Universidad de Sevilla no ano 1992 onde reflexa con bastante agarimo este proceso, levado a cabo dun xeito completamente profesional. Guindoos de seguido para que os miredes con atención, paga a pena. 


No primeiro observamos as fases iniciais: comprobación ocular do soar (comprobar que non se aparta das previsións de proxecto) e confección (se non a elaborou o proxectista, cousa altamente recomendable) dun plano de replanteo en base ás medidas de proxecto. Trazado das aliñacións de fachada e comprobación da ortogonalidade coa regra dos múltiplos de 3-4-5 xa explicada nesta outra entrada, e comprobación das edificacións colindantes. 


Planos a consultar antes de poñer as medidas definitivas e elaboración de plano base de replanteo. Ferrramentas. 


Materialización e comprobación das aliñacións e escuadrías. Colocación de escantillóns. Situación de eixos de piares. 


Materialización das medidas con xeso. Sinalización de zapatas e eixos de piares. 


Outro xeito de representar esta operación é o ofrecido polo arquitecto arxentino Martín Bonari, que ten unha interesante canle de Youtube. O primeiro vídeo nos indica cómo efectuar un plano de replanteo e o segundo cómo materializar o replanteo en obra. 




Aquí a colocación dos escantillóns ou camillas. 




E como o saber nunca está de máis vos colgo tamén unha práctica de replanteo elaborada por alumnos dunha escola latinoamericana onde resumen o proceso dun xeito máis curto e sinxelo. 



Bibliografía: 

Lecciones de topografía y replanteos. Antonio Miguel González Cabezas. 5ª edición. Editorial Club Universitario. Alicante, 2008. 

Replanteo de obras de edificación. Jordi Crespell i Serra. Tornapunta ediciones. Madrid, 2012. 

Topografía de obras. Ignacio de Corral Manuel de Villena. Alfaomega grupo editor, S.A. de C.V. México, 2000.

Implantation des maisons et branchements. Henri Renaud. Éditions Eyrolles, Paris 2006. 



Lexislación: 






Webgrafía: 







Deica.