sábado, 31 de decembro de 2016

Navisworks: BIM en 4D

Outra das cousas coas que teño que poñerme, por se non me chegaban o BIM e mailo inglés, que Autodesk xa tirou da man un novo software de formato BIM, pero agora en 4D. O do 4D non é que sexa unha simple largada, ocorre que xa non somentes podemos efectuar mediante Revit ou ArchiCAD un modelo 3D moi preciso do edificio que pretendemos facer senon que tamén. podemos integrar o tempo como cuarta dimensión (dahí o 4D) e podemos efectuar un modelo do noso edificio no que se vexa a construción do mesmo ao longo do tempo. 


Por suposto que esta xestión dixital da construción será usualmente previa á propia construción, polo que Navisworks queda como unha ferramenta de planificación e xestión que promete un sinfín de capacidades para xefes de obra e Project Managers, merced á integración con Revit, intercambio de arquivos con Excel, Primavera (ao que semella que podería desbancar nun prazo non moi lonxano) ou mesmo PowerPoint. 


De feito xa vos guindo de seguido un video titorial no que se mostran as capacidades de intercambio con Revit e a capacidade de coordinación de ambos programas.  



As posibilidades dixitais do traballo na construción non parecen logo facer senon multiplicarse, e o problema, claro, é que hai que adaptarse a calquera innovación. Non parece fácil, pero o contrario é quedarse atrás. 

De momento, para ir comezando con este prometedor programiña, unhas axudas que me fun atopando de momento por ahí son as seguintes: 

Este titorial en Youtube do BIM Manager Jaime Guzmán Delgado para Navisworks 2016. 


E este módulo oficial de aprendizaxe tamén de Autodesk para Navisworks 2017.

Se vai aparecendo máis información ireina guindando por aquí.

Saúdos a todos e feliz 2017. 

venres, 30 de decembro de 2016

Redúcese cada vez máis o custe da enerxía fotovoltaica.

O Foro Económico Mundial, os mesmos que montan o follón ese de Davos, publica nun informe que o custe da enerxía fotovoltaica reduceuse un 20% nos derradeiros 5 anos, sendo xa competitiva esta fonte enerxética con outras como as centrais de produción eléctrica baseadas na queima de carbón, esperándose que esta enerxía sexa tan competitiva como a do gas natural para o ano 2020. Tendo en conta que somentes nos Estados Unidos instaláronse 125 paneis solares por minuto no ano 2016, a produción de enerxía solar estase convertindo xa nunha alternativa real aos combustibles fósiles. 


Se cadra o problema máis serio que teñen as renovables hoxe en día é que moitas delas fixéronse cunha tecnoloxía xa obsoleta, polo que parece necesario deixar que consuman o seu ciclo de vida a fin de ir sendo substituídas por outras máis rendibles. Parece un proceso largo que se complica precisamente polo rápido desenvolvemento destas tecnoloxías, pero é posible que para 2050 xa teñamos unha alternativa real ao petróleo.

Precisamente para estar preparados para este momento é para o que se precisa vontade política. Esperemos que non falle.

O informe, aquí. 


Saúdos e feliz 2017.