martes, 12 de decembro de 2017

Publicada a Guía Técnica de aplicación do RIPCI.

Aparte de ter publicado o Real Decreto 513/2017, Reglamento de Instalaciones deProtección  contra Incendios, o Ministerio de Economía, Industria e Competitividade emitiu unha guía técnica a fin de facilitar a aplicación doregulamento

Ao texto engádense recuadros sombreados con aclaracións, xunto coas aclaracións que as CCAA estimaron oportunas con respecto á aplicación do regulamento dentro das súas respectivas competencias. 

A guía estará permanentemente revisada e actualizada na ligazón do apartado de “Industria > Calidad y Seguridad Industrial > Instalaciones Industriales > Instalaciones de protección contra incendios”.

Algunhas puntualizacións sobre o regulamento están a vosa disposición neste video de AENOR.


E para deixalos ao final, as ligazóns repetidas:



Saúdos. 

luns, 14 de agosto de 2017

Novo currículo de técnico superior en Organización e Control de Obras de Construción

Pois ven a Consellería de Educación e xa puxo na súa páxina o DOG do pasado 31 de xullo (desculpade o atraso que este agosto ando liado co inglés) o currículo do cicloformativo de grao superior (2.000 horas) correspondente ao título de técnicosuperior en Organización e Control de Obras de Construción, incluído na familia profesional de Edificación e Obra Civil.


Se ben no artigo 5 detalla as competencias persoais e profesionais do técnico titulado, vos transcribo o artigo 4, no que explica a competencia xeral do titulado como segue:

Artigo 4. Competencia xeral: A competencia xeral do título de técnico superior en Organización e Control de Obras de Construción consiste en organizar a pé de obra traballos de execución de edificación e obra civil xestionando recursos, coordinando faenas e controlando unidades de obra realizadas, consonte as especificacións do proxecto, a planificación da obra, as instrucións recibidas, a normativa aplicable e as condicións establecidas en materia ambiental, de calidade, de seguridade e de saúde laboral.

Como teredes advertido os que esteades un pouco neste mundo, o titulado estará capacitado fundamentalmente para labores de encargado de obra.


Agora ben, qué fai un encargado de obra será o que vos preguntedes quenes non esteades tan postos: pois ben, é un elemento fundamental en calquera obra medianamente grande, que mentres o xefe de obra (polo común un arquitecto ou enxeñeiro técnico) leva o control económico e de calidade dos materiais, o encargado ven sendo quen está directamente enriba dos traballos, controlando en primeira instancia ás subcontratas e sendo en definitiva a man dereita do xefe de obra no que a organización e planificación se refire.


Xa un pouco máis en serio, para indícalo un pouquiño mellor e máis gráficamente, un pequeno gráfico extraído desta entrada do blogue de Víctor Yepes.


Con respecto á oportunidade de escomenzar con este título, que xa é ofertado no IES Politécnico de Vigo, cadra estupendamente (se cadra por máis sorte que outra cousa) co momento de recuperación do sector que comeza a albiscarse, fundamentalmente pola ausencia de persoal cualificado laboralmente para exercer esta función.

Se vos interesades polos encargados de obra, veredes que unha grande maioría deles foron rapaces que escomezaron traballar aos 17 anos sen ter idea de nada, e que despois de máis de quince anos vendo executarse obras e aprendendo a manexar planos (moitas veces a golpes) acabaron entendendo de construción o suficiente para que se lles adxudicara esta responsabilidade.


O que ocorre cando se fai un ciclo destes é que eses quince anos redúcense a tres. Non quero decir con isto que a un rapaz recen titulado poida adxudicárselle unha obra polas boas, terá que pasar por unha temporada de fogueo na construción, pero ao cabo de tres anos en obra xa estará capacitado para esta labor, que ademais tamén está bastante ben remunerada.

En fin, que aquí tendes outra opción para aqueles que pretendan iniciarse na construción, un ciclo de FP de nova creación que posiblemente sexa o que máis saída profesional e máis capacidade outorga na rama de Edificación e Obra Civil.  

Algunhas ligazóns por se queredes saber algo máis:


Deica. 

xoves, 27 de xullo de 2017

Operación Chamartín: unha inversión inmobiliaria de órdago.

Tras cousa dunha década dando tumbos polas administracións, parece agora definitivamente encarrilada a "Operación Chamartín" (tamén chamada "Castellana Norte"), consistente en soterrar as vías férreas que acceden á estación ferroviaria de Chamartín, en Madrid, liberando de seguido a superficie (máis de 3 millóns de metros cadrados de terreo urbano) para deixala con uso de vivenda e oficinas. 

Estado actual dos terreos, coa superficie de vías férreas en sombreado amarelo. 

Estado previsto, coa liña férrea soterrada, e edificios e zonas verdes en superficie.

O executivo de Manuela Carmena desbloquea así a operación, que a prensa atribúe a un consorcio conformado por BBVA e a construtora pontevedresa San José. Lembremos que os terreos pertencen a ADIF.

Se ben os promotores pretendían un total de 17.700 vivendas, ao parecer o executivo de Carmena autorizará unhas 11.000 das que o 20% estarán sometidas a algún réxime de protección oficial. A superficie adicada a comercio e oficinas acadará finalmente cerca de 2 millóns de metros cadrados de superficie construída, moi cerca tamén da proposta inicial dos promotores.

Parte do procedemento urbanístico consistirá nunha modificación puntual do PGOU de Madrid. Lembremos de todos os xeitos que as superficies construídas nesta zona estarán prefixadas non no Plan do concello de Madrid senon na lei de urbanismo da Comunidade, sendo previsible que o instrumento a empregar para a redacción definitiva consista nun Plan Especial de Reforma Interior.
Dende un punto de vista urbanístico, entendo que a operación é en principio positiva: como se aprecia na primeira imaxe existe unha enorme bolsa de solo actualmente desperdiciado para o medre urbano pola limitación imposta debido ao trazado férreo. Ampliar vivendas na cidade sen incrementar os límites actuais da mesma nin ocupar novos terreos é en principio máis ecolóxico, e agora que a crise do ladrillo parece estar a remitir o prezo das vivendas en superficie pode financiar sobradamente o soterramento da liña de tren. Soterramento que tamén permitirá a creación de zonas verdes e espazos libres en superficie.

Algunhas referencias en prensa:

Nova no diario El Mundo.  

Nova no diario 20 minutos. 

sábado, 17 de xuño de 2017

Algunhas informacións sobre catastro.

A verdade é que despois da famosa resolución de 29 de outubro de 2015, da que por certo tamén tiñamos falado neste blogueeu mesmo todavía teño líos con este tema e non o mirei ben, pero se queredes votarlle un ollo, de momento atopeime na canle Youtube do Ministerio de Hacienda y Función Pública (non é unha coña, de veras) unha listaxe de videos onde da pautas para o traballo de interacción, así como para a xeración e obtención dos GML. 


Como sempre vai ben ter varias fontes, tamén vos meto de seguido outro video do Colegio Territorial de Arquitectos de Valencia que analisa as novidades lexislativas da lei Hipotecaria e do Catastro, xunto coa xeración dos ficheiros GML. 


E para amplialo un pouquiño máis, outro vídeo das conferencias impartidas na Universidad Miguel Hernández con motivo das I Jornadas Técnicas del Máster en Valoración, Catastro y Sistemas de Información Territorial UMH (Curso 2015‐2016). 



xoves, 5 de xaneiro de 2017

Curso aberto de ArchiCAD.

Como propósito de ano novo baixeime o programa Archicad 20 da páxina oficial de Graphisoft. A verdade non ten moito inconvinte, podes rexistrarte como profesor ou alumno dun centro educativo para baixarte unha versión libre de 30 días ampliable a licenza educativa por un período dun ano a cambio de enviar unha documentación persoal e un documento que xustificara que son profesor. Rápidamente recibín unha licenza e púxenme con este invento.


A verdade picábame un pouco a curiosidade xa que teño lido pola rede que se queres ser BIM Manager deberas controlar non soio Revit senon tamén Archicad, aparte que os usuarios deste programa valórano máis que a Revit. 


Non pretendo con isto facervos optar por un ou outro, aínda que Archicad parece máis profesional non podemos deixar de carón que Revit pertence a Autodesk, o que lle da unha versatilidade pasmosa con outros programas desta casa. Así que aínda que Revit poida ter ases na manga para impoñerse en formato BIM non debéramos desprezar as posibilidades de Archicad e habería que manexarse algo con él. 

Para iso teño atopado a canle Youtube de Learning Archicad, moi interesante, en castelán e con bastantes vídeos titoriais que poden axudar moito á hora de iniciarse no manexo deste programa. 

Como mostra e para os que coma min non tendes idea de qué vai isto e queredes comezar a manexarvos con él (xa aviso que o manexo é moi distinto ao de AutoCAD) van uns primeiros titoriais que a verdade están sendo de bastante axuda. Explican o traballo con moito detalle e podes descargar os arquivos de traballo dunha ligazón ad.fly. Aínda que teñen data do 2013 a versión 20 non cambiou tanto e poden empregarse perfectamente, aportando máis de 15 horas de entrenamento nesta interesante ferramenta.  

























Se queredes algo de documentación escrita tendes tamén este titorial

Ánimo e que o ano comece ben o mellor. Deica.