xoves, 27 de xullo de 2017

Operación Chamartín: unha inversión inmobiliaria de órdago.

Tras cousa dunha década dando tumbos polas administracións, parece agora definitivamente encarrilada a "Operación Chamartín" (tamén chamada "Castellana Norte"), consistente en soterrar as vías férreas que acceden á estación ferroviaria de Chamartín, en Madrid, liberando de seguido a superficie (máis de 3 millóns de metros cadrados de terreo urbano) para deixala con uso de vivenda e oficinas. 

Estado actual dos terreos, coa superficie de vías férreas en sombreado amarelo. 

Estado previsto, coa liña férrea soterrada, e edificios e zonas verdes en superficie.

O executivo de Manuela Carmena desbloquea así a operación, que a prensa atribúe a un consorcio conformado por BBVA e a construtora pontevedresa San José. Lembremos que os terreos pertencen a ADIF.

Se ben os promotores pretendían un total de 17.700 vivendas, ao parecer o executivo de Carmena autorizará unhas 11.000 das que o 20% estarán sometidas a algún réxime de protección oficial. A superficie adicada a comercio e oficinas acadará finalmente cerca de 2 millóns de metros cadrados de superficie construída, moi cerca tamén da proposta inicial dos promotores.

Parte do procedemento urbanístico consistirá nunha modificación puntual do PGOU de Madrid. Lembremos de todos os xeitos que as superficies construídas nesta zona estarán prefixadas non no Plan do concello de Madrid senon na lei de urbanismo da Comunidade, sendo previsible que o instrumento a empregar para a redacción definitiva consista nun Plan Especial de Reforma Interior.
Dende un punto de vista urbanístico, entendo que a operación é en principio positiva: como se aprecia na primeira imaxe existe unha enorme bolsa de solo actualmente desperdiciado para o medre urbano pola limitación imposta debido ao trazado férreo. Ampliar vivendas na cidade sen incrementar os límites actuais da mesma nin ocupar novos terreos é en principio máis ecolóxico, e agora que a crise do ladrillo parece estar a remitir o prezo das vivendas en superficie pode financiar sobradamente o soterramento da liña de tren. Soterramento que tamén permitirá a creación de zonas verdes e espazos libres en superficie.

Algunhas referencias en prensa:

Nova no diario El Mundo.  

Nova no diario 20 minutos.