Amosando publicacións coa etiqueta CALCULO ESTRUTURAL. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta CALCULO ESTRUTURAL. Amosar todas as publicacións

sábado, 26 de marzo de 2016

Autodesk Robot Structural Analysis Professional 2016

Nada, que como a Semana Santa é unha data propicia para estropear por Internet e baixarse cousas, desta probei con Robot Structural, a versión de cálculo de estruturas da casa Autodesk, que como sabedes comparte os seus programas se son para emprego educacional. 

De momento moi pouquiño que falar, simplemente que instalalo xa dou traballo, non tanto como REVIT pero sí o suficiente como para ter que desactivar firewall e antivirus mentres executamos a instalación, a primeira vez non o fixen e quedoume colgada a medio camiño. Como estes programas teñen que descargar varios xigas, xa vos imaxinades a alegría que dou. 

A primeira vista aparenta complexo, se ben os comentarios nos foros son que pronto, en compaña de REVIT, pode facerse con todo o mercado. 

Como non teño para moito máis, de momento poño aquí links que poden ser útiles aos que pretendades poñervos co programa. 






E por suposto unha serie de videos para irse introducindo. 






















E para rematar, este titorial de cómo facer estruturas de formigón armado



Deica. 

martes, 18 de agosto de 2015

Normativas e guías internacionais de estruturas en Estructurando.

Como esto da información libre está cada vez máis aberto, pois vos guindo esta entrada publicada no blog amigo Estructurando na que publican en xeito de descarga libre normativas e guías de referencia no cálculo de estruturas na frioleira de 25 países distintos, fundamentalmente do eido latinoamericano. 

A documentación e normativas aportadas refírense tanto a deseño como a accións e conservación de estruturas, e abarcan tanto formigón como metálicas, mixtas, madeira e solos.

Vouna guindar tamén na páxina de Documentación básica de consulta xa que todo este material pode facer falta en calquera intre a calquera de nós (esto da deslocalización afecta cada vez máis) e francamente paréceme un magnífico aporte, especialmente tendo en conta que a descarga é libre. 

Espero que vos sirva de algo. Saúdos.  

xoves, 25 de decembro de 2014

A academia Nancy-Metz: construción en francés.

Dende Francia tamén chéganos hoxe a páxina da academia Nancy-Metz, que ofrece un baccaulauréat en arquitectura e construción dispensado en tres liceos distintos. Polo que teño visto este baccaulauréat, xunto con tres anos máis, serían a formación correspondente en Francia ao título de Enxeñeiro de Edificación, ou Arquitecto Técnico de grao ou o que sexa que son eu, que xa non teño nin idea.

Nesta páxina podes rexistrarte cunha conta como usuario, se ben para iso requírese un mail profesional educativo, polo que parece reservado ao alumnado.
O problema se cadra é organizar a información que colgan na rede, xa que en moitos casos trátase de tips, se ben son novedosos e penso que bastante ben enfocados, presentados como fichas pedagóxicas, que de todos os xeitos non está de máis remirar de cando en vez. Con todo ao parecer danlle bastante importancia ao uso de programas (asunto polo demáis completamente lóxico) polo que podemos comezar pola maqueta urbanística efectuada mediante Sketch Up.

O seguinte, por seguir con outro, sería esta ficha co cálculo dunha viga de formigón armado mediante Autodesk Robot Structural Analysis


Outra podería ser a de predimensionamento dunha ponte mixta mediante Eurocódigo, facendo uso do programa ACOBRI. 


A información aportada é bastante ampla, e como vemos abarca obra civil e edificación, sen deixar de lado urbanismo e eficiencia enerxética. De feito un dos documentos que máis me chamou a atención foi un estudio multidominio dun local, que partindo dunha maqueta BIM analiza a distribución de pezas, a iluminación, condicións térmicas e acústicas, así como a resistencia mecánica dos elementos. 


Se seguimos a procurar temos, aparte dos tips, tamén temos ligazóns a cursos interesantes como os cursos on line de Nicolas Tixier ou Nicolas Rémy, a propia páxina de cursos online da Université de Grenoble, ficheiros de carga de estruturas, a base de datos alemana Structurae ou utilidades sobre modelizado 3D e maquetas e prototipos.

Hai que aprender algo de francés, se ben eu podería axudar un pouco na labor. Espero que vos sexa útil.

Felices festas e feliz aninovo. 


domingo, 21 de decembro de 2014

Infociments: unha interesante páxina francesa sobre formigón armado.

O que vos traio desta vez, lastimosamente, me temo que solo servirá para aqueles que teñan algunhas nocións de francés. Aínda que a verdade hoxe en día hai múltiples recursos na rede para aprender francés ou calquera outro idioma.


Infociments defínese a si mesmo como o site da industria cementera francesa, agrupada en cinco principales produtoras. 


Dende a súa páxina temos acceso completamente libre e sen necesidade de rexistro a máis de 1.000 artigos técnicos adicados ao cemento, ao formigón e ás súas aplicacións na edificación, na estrada e na enxeñería civil.  


O seu apartado de publicacións é francamente amplo, e abrangue a propia industria cementeira francesa (con informes de actividade, dossier de prensa, estatísticas), cementos e formigóns (cunha completa coleción de fichas técnicas, trípticos e revistas), edificación (cunha impresionante colección de fichas, solucións, conferencias e coloquios) a estradas e enxeñería civil


A temática abarcada é bastante ampla, e por ende exhaustiva. Todos os compoñentes, incluíndo armaduras pasivas e activas, os procesos construtivos, o deseño e a calidade e medio ambiente ou incluso a posibilidade de emprego de ferralla de aceiro inoxidable están tratados dun xeito tan minucioso que é francamente difícil atoparlle tacha algunha, e fan que esta páxina deba estar ineludiblemente na carpeta de favoritos de calquera técnico.


Sen pretender establecer comparacións odiosas, sí que podería indicar que en IECA xa poderían botarlle un vistazo, aparte de deixar como de acceso libre programas como o Prontuario Informático do Formigón, felizmente substituído por Zaida Rincón, que non sei a qué ven cobrar, ainda que sexa por un prezo asequible, por unha utilidade da que eles son os primeiros beneficiados.

Calquera outra cousa, deixade un comentario.

Deica. 

sábado, 20 de setembro de 2014

MOLA Structural Kit.

Disculparedes o chiste do título, pero a verdade creo que isto é o que máis me emociona dende os xogos para PC.  

Resulta ser que cando Marcio Sequeira de Oliveira facía un máster de arquitectura pensou que, efectivamente, o cálculo estrutural era un tema moi teórico e bastante abstracto, polo que matinou en efectuar un modelo visual que permitira contemplar dun xeito próximo o comportamento estrutural. 

Isto levouno a crear un kit de pezas na liña dos LEGO ou MECANO que servira, mediante a diferente combinación de elementos, para crear diferentes modelos estruturais. A relación básica de pezas podedes vela na seguinte imaxe. 


O resultado é sorprendente, xa que efectivamente diferentes combinacións de pezas levan a obter diferentes tipos de estruturas. Un exemplo o temos nas seguintes imaxes, nas que as pezas imantadas redondas con designación C fan o papel dos nós estruturais, mentres que a colocación nos bordos dos nós de elementos triangulares RC como cartelas permiten a estes nós funcionar como empotramentos. Deste xeito podemos combinar unhas poucas barras (pezas con forma de muelle) con pezas C para facer unha estrutura isostática, que podemos transformar en hiperestática coa colocación das pezas RC arredor do nó para coartar o xiro e converter unha articulación en empotramento, como vemos nas seguintes fotos. 



A tese do Marcio (que podedes descargar dende esta ligazón) demostrou que MOLA pode empregarse como un modelo válido cun funcionamento moi similar ao dunha estrutura real, o que o convirte nunha ferramenta en principio bastante válida para o estudo. 

O interese mostrado polo funcionamento do aparello por outros profesionais dende que en 2005 comezou a deseñalo moveu a Marcio a efectuar o prototipo dun kit que poidera poñerse á venda, o que ten moi bo aspecto e permite para unhas poucas pezas efectuar a montaxe de máis de 100 tipoloxías estruturais, pero que para ser producido a escala industrial e distribuido comercialmente require de crowfunding. 




Para que obteñan os 50.000 reais precisos podes facer unha aportación que pode ir de 20 a 10.000 reais, recibindo unha recompensa que vai dende o mail de agradecemento con mención no libro ata recibir, incluíndo gastos de envío internacionais, 10 kits MOLA para aulas cunha conferencia e sesión práctica. 


As aportacións que podes facer e as vantaxes que podes recibir están todas moi ben explicadas na páxina do proxecto. E, se ben apenas queda un mes para rematar o período de financiamento, os 50.000 reais están superados ampliamente, polo que de seguirse o planning teríamos MOLA nas tendas a partir de xullo de 2015. 

E se non queres ou non podes apoiar económicamente contribúe á difusión da idea compartindo esta entrada. Eu tampouco me beneficio por isto! :) En todo caso se MOLA xa me gustaba polo seu aspecto e utilidade, o seu xeito de procurar financiación mediante crowfunding xa me encanta. 

E para terminar e por se queredes saber máis, un pequeno video coa explicación do proxecto e as ligazóns pertinentes de seguido para ter algo máis que mirar. 







Deica.

sábado, 28 de xuño de 2014

O blogue de Manuel Alvarez López.

A verdade paso moito tempo surfeando na rede, moitas veces vendo páxinas que prometen moito máis do que dan (normalmente esixindo unha membresía ou o pago directo por cada un dos arquivos descargados) e levando moitas decepcións, pero a veces atopas blogues francamente interesantes imbuidos do espíritu da libre divulgación da información que aportan bastante a aqueles que estamos en temas construtivos, tanto se é polo diario interese da profesión como por aumentar coñecementos, que nunca sobran.

Un destes casos que me animaron foi ver o blogue de Manuel Alvarez López, enxeñeiro de estruturas actualmente afincado en Perú, que me ten ganado pola mano xa que no seu blogue, aparte de artigos e apuntes sobre estruturas, divulga libros de narrativa, fálanos de viaxes, películas, ten a súa lista de páxinas web, ofrece enlaces para aprender inglés ou francés, ou tomar cursos gratuítos ou simplemente falar de política.

A verdade é que sospeito que lle pasou como a min e que cando veu a súa carpeta de favoritos a rebosar pensou que era mellor metelo todo nun blogue e de paso compartir de xeito altruísta a súa información :).

Aqueles interesados na enxeñería civil podedes pasar un bo rato mirandoo, e os que non tamén.

Para sinalar e que non o perdades os que esteades interesados no cálculo estrutural, un recurso bastante útil que tendes á vosa disposición é este curso gratuíto de muros pantalla impartido por Zigurat, no que podedes matricularvos para seguir o proceso dun caso real de muro pantalla empregando o programa CYPE.

Un abrazo a Manuel e saúdos a todos.

luns, 9 de xuño de 2014

Programas e textos de mecánica de solos dende Holanda.

Pois púxenme a revisar posts antigos da páxina CivilGeeks, que sinceiramente paréceme recomendable, cando vou e me topo con este post que me leva a un OCW da Universidade Tecnolóxica de Delft (con outros OCWs que parecen interesantes) e máis en concreto a esta páxina, sinxela pero efectiva, publicada polo profesor Arnold Verruijt.


Como veredes se entrades na páxina web do profesor, na mesma ofértanse de balde programas de cálculo de estabilidade de noiros, compresión de soportes metálicos e un curso básico sobre mecánica de solos. Podedes descarregalos sen problemas, xa que son de libre distribución, se ben o autor non se responsabiliza dos resultados.



Tampouco é para nada despreciable a ligazón concreta ao libro de mecánica do solo elaborado polo profesor e actualizado a data do ano 2012. Unha ollada por enriba fíxome bastante graza pola claridade ilustrativa e a formulación. Ten o problema de estar en inglés, pero non vos queixedes, que non está en holandés e todos teremos que aprender algo da lingua do imperio, para o cal non faltan recursos na rede. Iso sí, non despreciedes outras linguas.

Espero que vos sirva de algo. Saúdos.

domingo, 8 de xuño de 2014

NG Structures: a App de "Números gordos en el proyecto de estructuras".

Se estades metidos nesto do cálculo de estruturas, moi probablemente coñecedes un fantástico libriño titulado "Números gordos en el proyecto de estructuras".

A filosofía dos autores deste libriño é sinxela: se ben non podemos evitar hoxe en día a utilización de programas informáticos que elaboren un cálculo complexo dunha estrutura de edificación ou obra civil para rematar o proxecto estrutural da mesma, sí é certo que no proceso de elaboración debéramos pasar por unha fase de predimensionado na que establecéramos, coa exactitude suficiente para desenrolar logo os cálculos precisos, un dimensionado de ancho de vigas, sección de columnas e pranta de zapatas que, sendo modificable en función do cálculo obtido, evite un exceso de modificacións durante os cálculos e elabore os mesmos sen desperdicios considerables de material. Eu engadiría que o libriño está francamente ben e non é unha mala introdución ao alumnado que quere aprender a calcular estruturas.

Pois ben, os seus autores pretenderon ir un paso máis aló e xa nos presentan na súa páxina web e na súa páxina de Facebook unha aplicación que nos da os resultados do libriño pero xa sen ter que coller unha servilleta e un portaminas para comprobar o número gordo.


A verdade a aplicación xa nos presta un servicio dende o momento en que probablemente teñamos que tomar unha decisión rápida nunha obra sen ter a man os famosos formularios para cada tipo de viga.

E tamén, por suposto, por se estamos en obra e nos entra a duda da lonxitude de ancoraxe que require unha barra determinada.


Cada problema é abordado de xeito rápido con solución certeira e unha pequena explicación teórica das hipótesis consideradas e o xeito de resolución. 


Outros detalles da interface, por se vos interesan: 




Como pode vir ben, vos deixo lista dalgúns dos problemas estruturais que aborda: 

SECCIONES
- Flexión simple en hormigón armado
- Cortante en hormigón armado
HORMIGÓN
- Zapata
- Muro
- Pilar
- Armado de vigas biapoyadas y continuas
- Flechas en vigas biapoyadas y continuas
- Punzonamiento en pilares centrales, de borde y de esquina
ACERO
- Vigas biapoyadas y continuas
- Pilar / Pandeo
EJECUCIÓN
- Durabilidad
- Descimbrado
- Curado
- Anclaje y solapo
- Control de calidad


A aplicación é descargable dende esta ligazón pagando menos de seis euros, dispoñible para iPhone (compatible con iPad) e tamén para Android.

E vale que é facer propaganda gratuíta, pero penso que a utilidade da aplicación o merece.

Vémonos.

sábado, 15 de marzo de 2014

Proxecto de estruturas de formigón na edificación.

Como nunca está de máis lembrarse do complicado proceso de elaboración do proxecto dunha estrutura de edificación de formigón armado, non está de máis a entrada que vos traio hoxe.

A través do OCW da Universidad Politécnica de Madrid e en concreto das publicacións da área de coñecemento de Mecánica de Medios Continuos e Teoría de Estructuras, podemos irnos á asignatura de Proyecto de Estructuras de Hormigón de Edificación e dende alí descargar dende aquí un completiño prontuario para abordar o cálculo estrutural dun edificio en formigón armado.


Ao longo das diferentes partes que podemos baixar (e que non quedan mal encanutilladas para telas a man cando hai que calcular) repasamos, sempre coas oportunas referencias á normativa hespañola (EHE 08 e CTE), os principios de predimensionamento, fórmulas de armado para sección rectangular ou en T, repaso dos estados límites, disposición de armaduras, ábacos e detalles de armado, cimentacións (aínda en modo borrador pero bastante completa) e muros. Apórtanse tamén algunhas follas de cálculo para comprobacións.



A publicación complétase cun par de manuales de CYPE e SAP2000 así como con uns cantos exercicios tamén resoltos.

En suma, un material para ter a man xunto co prontuario da EHE 08 elaborado por Zaida Rincón xa publicado hai un par de entradas.


Espero que vos sirva de algo. Saúdos.

martes, 4 de marzo de 2014

O prontuario da EHE 08 en Excel, por Zaida Rincón.

Pois estaba a procurar algunha cousa sobre Excel e cálculo estrutural na rede vou e atópome cun traballo de fin de carreira ben xeitoso efectuado por Zaida Rincón, da Escola de Enxeñería de Edificación da Universitat Politécnica de Catalunya, subido á rede no repositorio desta última.

Para descargar, nesta ligazón.

Se o descargades comprobaredes que tedes ao alcance da man, de xeito completamente gratuíto, unha folla Excel que permite calcular e comprobar seccións de formigón armado. Ollo, seccións, que para calcular unha estrutura fan falta máis cousas e un programa completo, se ben para comprobar elementos puntuais non ven nada mal ter a ferramentiña esta.

Ten bastante semellanza, e a verdade pretende suplir, a actualización do Prontuario del hormigón armado elaborado polo Instituto Español del Cemento y sus Aplicaciones, un pequeno programiña que moitos lembramos con cariño pero que tardou en actualizarse á norma EHE 08 e que finalmente o fixo a un prezo de 10 euros por licenza, e que con todo tamén podedes descarregar aquí.

O formato é moi simple: un libro Excel no que a primeira folla fai de índice abarcando as comprobacións de seccións que cubre o prontuario.



A partir de aquí o que temos que escoller no pe de pantalla é a comprobación que queremos efectuar, irmos a ela e efectuamos a comprobación requirida.



Como de todos os xeitos sempre pode haber complicacións e poden requirirse instrucións, no mesmo enlace do principio podemos baixar unha memoria e un manual de uso en castelán, xunto cun manual de uso en inglés. Para que logo faledes dos cataláns :)

Todo o documento está baixo unha licenza Creative Commons, así que podedes empregala citando a fonte e nas mesmas condicións de licenza.

Saúdos a todos, e por suposto unha calurosa aperta a Zaida pola magnífica aportación realizada.

venres, 24 de maio de 2013

Os proxectos de Eduardo Torroja.

Se estades nesto do hormigón, non tedes perdón se non sabedes quén foi Eduardo Torroja, se cadra o enxeñeiro que realmente perfeccionou a técnica de armado e pretensado na península.

Pois a través de Estructurando (páxina polo demáis absolutamente recomendable), e concretamente nesta entrada, descubro que o CEDEX escaneou os orixinais dos seus proxectos e os deixa en formato pdf á vosa disposición, concretamente nesta ligazón


Solamente como exemplo (como ando un pouco apurado non descarguei e deixo as mesmas imaxes que hai na entrada de Estructurando) ver cómo vos podedes descargar os planos do proxecto da ponte sobre o Eo, incluíndo os cálculos e as notas manuscritas do mesmísimo Eduardo. 



De propina ligazón á páxina do Centro de Estudios Históricos de Obras Públicas y Urbanismo, organismo encadrado no CEDEX que efectúa a publicación e no que podedes atopar outras obras ben interesantes sobre a historia da obra pública estatal.

Deica. 

mércores, 13 de febreiro de 2013

Utilidades Excel para cálculo estrutural.

MaaB Arquitectura y Urbanismo slp ven sendo un despacho bilbaíno de arquitectos que ten feito unhas obras bastante simpáticas que podedes contemplar na súa páxina web. 

Aparte da súa páxina web manteñen tamén un simpático blogue denominado Arkyotras, onde falan tanto de arquitectura clásica e moderna como de cine, arqueoloxía ou xenética. Con eles sinto a impresión de que é tan fácil desperdigarse no seu blogue coma no meu. 

Pero ao que íamos: tamén teñen no seu blogue para o teu acceso unhas follas de cálculo simples pero bastante ben feitas nas que abordan as comprobacións para vigas de formigón armado, vigas e piares de madeira maciza e laminada, e simplemente vigas de madeira




Por suposto que non imos calcular un edificio con follas de cálculo, pero os que xa teñades algo de práctica con CYPECAD ou outros programas de cálculo saberedes que estes programas non corrixen automáticamente os fallos detectados no proceso de cálculo dunha estrutura, senon que non deixan aos usuarios a obriga de efectuar as correccións, momento no cal pode vir ben ter unha ferramenta destas a man para efectuar comprobacións antes de introducir as correccións no programa. 




As follas son de manexo fácil, moi gráficas e efectúan bastantes comprobacións, aparte de estar bastante ben explicadas nos posts onde as deixan, así que deixo a ligazón que creo que pode ser útil.




Ah, apuntar tamén que as follas distribúense baixo unha licenza Creative Commons, que nos permite copiar, distribuir e comunicar a obra previo recoñecemento do autor. 

Deica. 

Zigurat TV

Como xa teredes comprobado, teño subido ligazóns ás canles de Youtube das Universidades de Vigo e de Santiago. Como é lóxico, terá que tocarlle agora a unha canle máis especializada, neste caso centrada no eido do cálculo estrutural. 

Se coñecedes CYPECAD, o software desenrolado por CYPE Ingenieros tamén deberíades coñecer Zigurat, que ven sendo unha consultoría formadora en estruturas civís e de edificicación, e que destaca por ter sido pioneira na celebración de cursos e másters no eido do cálculo estrutural celebrados a distancia e on-line,  e principalmente baseados no emprego do software CYPE

Pois dando un pequeno paso máis endiante Zigurat TV consiste nunha canle de Youtube que nos ofrece xa aulas e conferencias impartidas nos eidos da xeotecnia, das estruturas de hormigón e mixtas e na rehabilitación e patoloxía. 

Como exemplo unha pequena charla impartida polo amigo Geojuanjo, co gallo do emprego de Youtube como medio de aprendizaxe. 



martes, 22 de xaneiro de 2013

Infografía: construción dunha torre en estrutura mixta.

Un curioso vídeo mexicano mostrando as fases de montaxe dunha estrutura metal-formigón nun edificio de gran altura. 


sábado, 22 de decembro de 2012

O máis sinxelo programa de deseño de pontes articuladas.


Como dicía o clásico “as ciencias adiantan que é unha barbaridade!”, e a día que pasa máis aínda.

Creo que tería eu sobre cinco anos cando vin por primeira vez “Morreron coas botas postas” (cunha tele en branco e negro que soio collía dúas cadeas que de propina pechaban a emisión á hora da sesta) e chamárame a atención a parte do film desenrolada na academia militar de West Point, toda unha institución nos USA. O que menos podía esperarme daquela é que eu podera un día chegar a trastear con programas feitos directamente dende tal academia, pero o certo é que aquí temos un que ademáis é chistosísimo e francamente útil para desenrolar conceptos básicos e non tan básicos do cálculo estructural, que a verdade o de facer polígonos de Cremona sempre me pareceu pouco didáctico (a ver se non me levo unha bronca á volta das vacacións por dicir isto).  



Cando elaborei unha UD de estruturas para tecnoloxía xa me vira con este programiña, na súa versión de 2007, que atopei case de casualidade buscando información para deseño de pontes, se ben en West Point teñen unha sección de enxeñeiros que no parece para nada conformista e ano a ano vanlle facendo melloras, esperándose a nova versión 2013 para xaneiro próximo. Cabe engadir que a academia fai un concurso de creación de pontes on-line dirixido ao equivalente á ESO en Norteamérica, con premio para o mellor deseño de ponte. Por suposto que o programa é de descarga libre con dominio público e instálase en Windows sen problemas. A versión 2012, dende esta ligazón.  



O funcionamento é moi sinxelo e intuitivo aínda que non saibas inglés, basicamente consiste en establecer unha luz de ponte (polo que vin poden facerse pontes de ata dous tramos con apoio intermedio) e unha altura sobre río, coa posibilidade de darlle apoio en estribos normais ou asegurando mediante cableado. 



Faise un deseño básico baseándose en barras e nodos (encontros de barras) que o propio programa dimensiona e que non teñen maior complicación para delinearse. 



Unha vez deseñada a ponte podemos facerlle sen máis unha proba dinámica para comprobar a resposta da estrutura ao paso dun camión, proba que podemos ver dende fóra da ponte ou incluso dende a cabina do camión, e na que se mostran en bermello as barras comprimidas e en azul as traccionadas, e se indican as deformacións producidas en cada momento do paso do camión, indicando qué elementos deben reforzarse. 



Comprobada a ponte cabe logo facer un traballo máis técnico buscando a optimización de elementos da mesma a fin de obter o mínimo custe de construción, custe que tamén calcula o programa en tempo real. 




Como problemiña, pois que as unidades non se dan en SI se non en sistema saxón (xa sabedes, pes, pulgadas, etc...) e por suposto o orzamento do mesmo tamén aparece en dólares, se ben como traballo base non está nada mal. O que me pregunto mirando isto é se os programas de cálculo que manexamos os técnicos europeos non poderían ser igual de simples e transparentes. De todas maneiras aquí vos queda por se queredes xogar un pouco os que poidades disfrutar dunhas vacacións e teñades curiosidade polas obras civís. 




Disfrutade del coma se fora un xogo.

Boas festas. 

domingo, 16 de decembro de 2012

O viaducto do encoro de Contreras.

Se ben os cálculos e o deseño son unha parte clave na construción dunha ponte, a complexidade desta que vos traio hoxe obriga a un proceso construtivo que constitúe todo un traballo en sí mesmo. Como podedes comprobar unha cousa é facer os planos desta obra de enxeñería e outra é levala a cabo. O que ocorre é que sen unha execución adecuada os planos non pasan de ser unha elaboración mental.

O que vos ven aquí ven sendo o viaducto do AVE no encoro de Contreras, entre Castilla La Mancha e Valencia. A ponte pertenece a ADIF, foi construída pola UTE San José-AZVI e tivo como proxectistas a Javier Manterola, Antonio Martínez, Juan Antonio Navarro e Silvia Fonte.
 
E como corresponde a unha obra de tales características a precisión adquire niveis incomprensibles, como mostra a infografía.
 

Tamén considero digna de destacar a integración no ambiente lograda, para mostra un botón achegado por un compañeiro pescador.
 

mércores, 28 de novembro de 2012

O concurso de maquetas de pontes de enxeñeiros de Bilbao

A verdade moito me temo que se empezo por decirvos que os enxeñeiros de Bilbao fan pontes de mondadentes que aguantan pesos de 700 kilos ides pensar que estou a botar un chiste de bilbaínos. Pero nada máis lonxe da realidade.


A Escola Técnica Superior de Ingeniería de Bilbao xa ten celebrado 11 edicións do concurso de maquetas de pontes feitas con palillos. Estes concursos están acadando cada vez máis fama ata o punto que xa vexo aquí o inicio dun novo deporte basco, á altura das competicións de erguemento de pedras, carreiras de bois ou sega de fincas. De feito este certame xa é patrocinado pola BBK.

Se cadra o único que lle vexo como defecto é que aínda é un certame limitado a poucos participantes (un dos seus concursantes leva gañadas 7 das 11 competicións) e que o número de estruturas presentadas tamén é pequeno, quedando o último ano en 7. Por outra parte o certame establece dous premios, un para estética (o mellor deseño) e outro para resistencia (as pontes presentadas sométense a carga ata que parten, tendo o autor da última que quede en pe o privilexio de poder “indultala”), polo que o esmero na elaboura da maqueta tamén da satisfaccións, o que non é de estrañar vendo algún dos deseños.


Vos deixo con outro video, recopilación das reportaxes televisivas e unha entrevista de radio efectuadas sobre o evento, que nos da unha idea do traballo fantástico que fan estes alumnos, que aparecen comentando as súas obras, o cal non deixa de ter algo de interés se pensamos no tempo que adicamos a escoitar os estúpidos comentarios que fan a maioría dos futbolistas tras cada partido.

Polo menos se nos recortan en ensino e nos retiran laboratorios e material informático vainos quedar facer enxeñería con mondadentes.