Amosando publicacións coa etiqueta Urbanismo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Urbanismo. Amosar todas as publicacións

luns, 8 de xullo de 2024

Novas fichas técnicas de servidumes (colaboración COAG-APLU)

 Se nos preguntamos qué é unha servidume (e teñen bastante influencia no asunto urbanístico) podemos consultar o vixente Código Civil español, concretamente o libro 2º (dos bens, propiedade e modificacións) vendo o capítulo VII todo (é bastante amplo) onde define as servidumes como un gravame imposto a un inmoble en beneficio de outro pertencente a distinto dono.

 

En realidade é tan simple como que non podemos construír o que nos pete na nosa parcela sen ter en conta o que nos rodea. Se estás cerca dun aeroporto non podes facer edificios, se non mira no video o que poido pasar no aeroporto de Sao Paulo, Brasil. Para evitar riscos como estes a lexislación española limita as pistas, bordos, zonas de aproximación e despegue, restrinxindo o emprego da edificación nelas.

 


Como somos técnicos e non avogados, moitas veces temos problemas de interpretación ou de simple descoñecemento de cuestións estas. Por iso é tan de agradecer que o COAG resumira a normativa a empregar en edificación (tamén en urbanismo) nunhas interesantes fichas redactadas en colaboración coa Axencia de Protección da Legalidade Urbanística.

 

O seu interese é moito maior dado que estas fichas representan os límites marcados pola ampla lexislación correspondente (costas, estradas, ferrocarrís, minas, enerxía...) en forma gráfica (lembrade que sempre prevalece a forma escrita, se ben os técnicos agradecerán tanto como os legalistas estas aclaracións esquemáticas), e, moi importante, indicando no lateral de cada ficha as súas referencias legais (moito me temo que en breve comezarán desactualizarse), os conceptos base aplicables (definicións legais, que tanta falta nos fan) e mesmo autorizacións requiridas.

 





En definitiva, unha boa ferramenta a ter en conta para proxectistas e técnicos municipais. E ademáis de balde, nesta ligazón.

 

Sinceiros parabéns ao COAG e esperemos que se repitan iniciativas deste tipo.

 

Algunha ligazón con máis información:

 

https://www.xunta.gal/es/notas-de-prensa/-/nova/002173/xunta-presenta-las-fichas-tecnicas-para-facilitar-trabajo-los-agentes-urbanisticos

 

https://portal.coag.es/es/

 

https://axenciaurbanistica.xunta.gal/es

xoves, 27 de xullo de 2017

Operación Chamartín: unha inversión inmobiliaria de órdago.

Tras cousa dunha década dando tumbos polas administracións, parece agora definitivamente encarrilada a "Operación Chamartín" (tamén chamada "Castellana Norte"), consistente en soterrar as vías férreas que acceden á estación ferroviaria de Chamartín, en Madrid, liberando de seguido a superficie (máis de 3 millóns de metros cadrados de terreo urbano) para deixala con uso de vivenda e oficinas. 

Estado actual dos terreos, coa superficie de vías férreas en sombreado amarelo. 

Estado previsto, coa liña férrea soterrada, e edificios e zonas verdes en superficie.

O executivo de Manuela Carmena desbloquea así a operación, que a prensa atribúe a un consorcio conformado por BBVA e a construtora pontevedresa San José. Lembremos que os terreos pertencen a ADIF.

Se ben os promotores pretendían un total de 17.700 vivendas, ao parecer o executivo de Carmena autorizará unhas 11.000 das que o 20% estarán sometidas a algún réxime de protección oficial. A superficie adicada a comercio e oficinas acadará finalmente cerca de 2 millóns de metros cadrados de superficie construída, moi cerca tamén da proposta inicial dos promotores.

Parte do procedemento urbanístico consistirá nunha modificación puntual do PGOU de Madrid. Lembremos de todos os xeitos que as superficies construídas nesta zona estarán prefixadas non no Plan do concello de Madrid senon na lei de urbanismo da Comunidade, sendo previsible que o instrumento a empregar para a redacción definitiva consista nun Plan Especial de Reforma Interior.
Dende un punto de vista urbanístico, entendo que a operación é en principio positiva: como se aprecia na primeira imaxe existe unha enorme bolsa de solo actualmente desperdiciado para o medre urbano pola limitación imposta debido ao trazado férreo. Ampliar vivendas na cidade sen incrementar os límites actuais da mesma nin ocupar novos terreos é en principio máis ecolóxico, e agora que a crise do ladrillo parece estar a remitir o prezo das vivendas en superficie pode financiar sobradamente o soterramento da liña de tren. Soterramento que tamén permitirá a creación de zonas verdes e espazos libres en superficie.

Algunhas referencias en prensa:

Nova no diario El Mundo.  

Nova no diario 20 minutos. 

luns, 28 de marzo de 2016

Resolución do 26 de outubro de 2015, de requisitos técnicos para intercambio de información entre Catastro e Rexistros da Propiedade.

Non teño tempo de analizala, pero guindo aquí o contido da resolución publicado en BOE a fin que teñamos a man outra referencia legal cando teñamos que obter e facilitar datos técnicos de parcelas. 



Saúdos. 

domingo, 13 de setembro de 2015

Multimapas comparados.

O que me atopo esta vez é francamente curioso e ten non poucas aplicacións ao urbanismo e á ordeación do territorio. Localicei mediante esta entrada de Ingeniería en la Red a páxina de Javier Jiménez Shaw, enxeñeiro de software que fixo esta interesante aplicación denominada Multimapas nos que podes ver e comparar (mediante superposición ou sincronización) dous mapas dunha colección que abarca dende a cartografía de catastro ata as recentes ortofotos do PNOA ou os famosos vóos americanos de 1956. Para mostra un botón. 




A utilidade por suposto é inmensa sobre todo para comparar dun vistazo as evolucións urbanísticas do territorio nas últimas décadas, o que para o caso de Galicia pode ser máis ben lamentable.

O manexo é tamén moi sinxelo mediante un simple menú na cabeceira da páxina. Tes a opción de superpoñer mapas ou de partir a pantalla para mostrar os mapas comparados e podes descarregar resultados como un arquivo GPX para empregar no GPS, subir un arquivo do mesmo formato para modificar unha ruta ou obter as coordenadas e cotas dun punto do mapa.

Insisto que as posibilidades e utilidades son enormes, tanto para o técnico de ordeación que debe comprobar a antigüidade dunha edificación ou para o sendeirista que pretende trazar unha ruta.

O enlace da páxina, repetido aquí. 

Espero que vos sexa útil. Saúdos. 

xoves, 11 de decembro de 2014

Ti vai facendo.

Unha pena. A día de hoxe vemos na prensa cómo se prevé a legalización de 6.000 edificacións situadas en solo rústico, quedando a regularización a criterio dos concellos.

Se cadra non ten nada que ver a proximidade das eleccións municipais. Se cadra.

Se cadra un día faise en Galicia unha lei mediante consenso entre os grupos maioritarios a fin de parar dunha vez o proceso de marbellización da franxa atlántica. Se cadra. 

sábado, 31 de maio de 2014

Nova reforma da Lei do Solo de Galicia.

Coa cantidade de reformas que leva a LOUPMRG nos seus escasos doce aniños, agora van e lle meten man de novo.

Cabe engadir de todos os xeitos que a nova reforma paréceme de momento a máis acertada. Se ben haberá que esperar ao texto completo para ver cómo queda, dúas cousas parécenme bastante importantes: empezando por ahí prevese que os concellos de menos de 5000 habitantes poderá aprobarse unha nova figura denominada "Plan básico", que será deseñado específicamente pola Xunta e que eu francamente preferiría que fora obrigatoriamente adoptado por esta para o caso de que non se efectúe polo Concello correspondente un PXOM nun prazo determinado, o que podería evitar desfeitas como que un terzo dos concellos galegos, despois de doce anos de aplicación da LOUPMRG sega sen ter planeamento xeral.

Outra sería a posibilidade de axilizar os trámites de xeito que un PXOM poida redactarse nun período de tres anos en lugar dos seis que chega a levarlle hoxe en día.

Como inconvintes, que a posibilidade de dotar aos Concellos pequenos de planeamento xeral non debe deixarse ao libre albedrío destes, senon que debería impoñérselles chegado o caso ou moitos concellos non chegarán nunca a efectualo. Por outra parte, se ben sería necesario axilizar a redacción do planeamento xeral, é de esperar que isto se faga facendo máis sinxela a documentación a redactar, do contrario non se adiantará tampouco gran cousa.

En fin, esperemos pronto ter máis novas do asunto e que as mesmas sexan favorables.

Deica.

domingo, 19 de xaneiro de 2014

Multa de 100.000 euros por chalet.

A día de hoxe vemos nesta nova publicada no diario La Voz de Galicia que a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) multa con 400.000 euros aos propietarios-promotores de catro chalets en Fisterra.

Simplemente destacaría do texto que, se ben o Concello afirma ter dictado orde de paralización das obras, estas atopábanse en solo clasificado como rústico, polo que os expedientes de reposición da legalidade parecen ter pasado a ser xestionados pola APLU.

sábado, 9 de marzo de 2013

Aumentan os contidos da canle Youtube da EGAP

Bueno, parece que a apertura da información faise cada día máis amplia e xa temos á nosa disposición novos temas na canle Youtube da Escola Galega de Administración Pública

Rebuscando un pouquiño pola mesma podemos atopar interesantes conferencias sobre contratación pública, urbanismo, procedemento administrativo, enerxías renovables ou novas tecnoloxías.

Se ben manifesto todos os meus parabéns pola iniciativa, se ben sería de agradecer que se publicaran dun xeito máis accesibles as presentacións en formato pdf, que conforman unha documentación ben interesante, e se cadra unha organización máis sistematizada da páxina web e da canle Youtube. 


Como exemplo deixo dous videos das conferencias adicadas a novas tecnoloxías en iluminación pública e a tipificación do solo de núcleo rural. 

Deica.





luns, 7 de xaneiro de 2013

Xunta: orde de comprobación de valores de inmobles.

Como derradeira disposición do ano 2012 a Xunta de Galicia emiteu a Orde de 27 do 12 do 2012 polo que se establecen os prezos de mercado aplicables a unha serie de inmobles rústicos e urbanos, de importancia no que se refire a transmisións patrimoniais, sucesións e donacións.

A ligazón aquí.

luns, 17 de decembro de 2012

Adiante a revisión do PXOM de A Coruña

Como informa a día de hoxe COPE Coruña, o concello da cidade anuncia que o próximo 26 levarase a pleno a revisión do PXOM para obter a aprobación inicial, a fin de contar co visto bo da Xunta nos tres primeiros meses do ano próximo.

Como se cadra se vos da por consultalo, vos poño a ligazón correspondente.

Espero que vos sexa útil, sempre podemos discutilo por aquí. Deica.