Amosando publicacións coa etiqueta Topografia. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Topografia. Amosar todas as publicacións

domingo, 9 de outubro de 2016

Completado o novo mapa en 3D do mundo.

Segundo esta nova do Centro Aeroespacial Alemán, xa foi completado o novo mapa tridimensional da Terra, cunha precisión e detalle nunca vistos ata agora. 

Para efectualo, o Centro efectuou unha misión que dou inicio no 2010 no aeródromo de Baikonur (Kazajstán) do satélite TanDEM-X, que foi unirse ao TerraSAR-X (xa lanzado no 2007) para efectuar entre ambos unha serie de pasadas en tándem sobre a Terra, efectuando medicións mediante radar que finalmente permitiron a elaboración dun modelo dixital de elevación da superficie terrestre con precisión nunca vista ata a data. 

Os dous satélites efectuando medición por radar.
Os sensores de radar escanearon aproximadamente 150 millóns de km cadrados para obter un paso de rexilla de 12 metros (o ancho dunha rúa) e cunha precisión da elevación determinada de 1 metro, efectuando tamén por primeira vez unha cobertura completa do globo terráqueo. 

Os dous satélites enviaron máis de 500 Terabites de datos, tan detallados que permitirán coñecer as modificacións nas extensións dos glaciares e os xeos polares. O proceso de compilación e organización de toda esta información ocupou a máis de mil profesionais durante dous anos. 

Escaneo do deserto de Nevada, EEUU. Observar os cráteres das probas nucleares efectuadas no pasado neste lugar.




Os datos xa están dispoñibles na páxina web de WorldDEM, xestionada por Airbus Defence and Space, se ben son de pago e requiren algo de tempo para ser subministrados. Con todo na ligazón anterior xa podemos contemplar un mapamundi detallado sen pagar. Para saber se está disposta a zona que nos interesa basta con facer zoom sobre a mesma e clicar para ver se está dispoñible.


Mentres tanto non se liberan estes arquivos podemos ir operando para grandes extensións de terreo cos MDT gratuítos con paso de malla de 200, 25 e 5 m que publica o IGN nesta ligazón.

Para saber máis: 


Páxina web de DLR. 

Modelos dixitais WorldDEM para descarga. 

Listado de produtos WorldDEM. 

Listas de prezos dos produtos e imaxes satelitais de Airbus. 

Modelos dixitais de elevación do IGN 


luns, 28 de marzo de 2016

Resolución do 26 de outubro de 2015, de requisitos técnicos para intercambio de información entre Catastro e Rexistros da Propiedade.

Non teño tempo de analizala, pero guindo aquí o contido da resolución publicado en BOE a fin que teñamos a man outra referencia legal cando teñamos que obter e facilitar datos técnicos de parcelas. 



Saúdos. 

luns, 12 de outubro de 2015

Cursos completos de Civil 3D 2016 en Youtube.


En relación coa entrada anterior, outra na que temos un curso completo de deseño xeométrico de estrada con Civil 3D 2016, dende a importación de puntos ata deseño xeométrico, movemento de terras e seccións obtidas. 






Para ver algunha cousa máis, a canle Youtube do autor, Wilder Yaranga. A súa páxina web, que inclúe os arquivos de puntos con que fixo os titoriais, nesta outra ligazón.

Unha canle Youtube na que aparecen moitos titoriais é a de Topocad C3D

Outro curso completo, orientado agora a estradas, está nesta lista de reprodución. Os arquivos de puntos do terreo están nesta entrada de blogue. 

Se ningún dos anteriores vos convence, tendes esta outra lista de reprodución na canle de Aleksander Laurent. 

Para aprender algo máis, estes apuntes de Civil 3D en CivilGeeks, xunto cos apuntes de Sergio J. Navarro

E dende a mesma páxina un manual de ploteado


E como pode facer moita falta, A PÁXINA OFICIAL DE AUTODESK PARA AXUDA DE CIVIL3D 2016



Que aproveite. 

domingo, 13 de setembro de 2015

Multimapas comparados.

O que me atopo esta vez é francamente curioso e ten non poucas aplicacións ao urbanismo e á ordeación do territorio. Localicei mediante esta entrada de Ingeniería en la Red a páxina de Javier Jiménez Shaw, enxeñeiro de software que fixo esta interesante aplicación denominada Multimapas nos que podes ver e comparar (mediante superposición ou sincronización) dous mapas dunha colección que abarca dende a cartografía de catastro ata as recentes ortofotos do PNOA ou os famosos vóos americanos de 1956. Para mostra un botón. 




A utilidade por suposto é inmensa sobre todo para comparar dun vistazo as evolucións urbanísticas do territorio nas últimas décadas, o que para o caso de Galicia pode ser máis ben lamentable.

O manexo é tamén moi sinxelo mediante un simple menú na cabeceira da páxina. Tes a opción de superpoñer mapas ou de partir a pantalla para mostrar os mapas comparados e podes descarregar resultados como un arquivo GPX para empregar no GPS, subir un arquivo do mesmo formato para modificar unha ruta ou obter as coordenadas e cotas dun punto do mapa.

Insisto que as posibilidades e utilidades son enormes, tanto para o técnico de ordeación que debe comprobar a antigüidade dunha edificación ou para o sendeirista que pretende trazar unha ruta.

O enlace da páxina, repetido aquí. 

Espero que vos sexa útil. Saúdos. 

domingo, 16 de agosto de 2015

Tese: Influencia de las NN.TT. en el docente universitario de topografía : estudio de casos.

Xa tiña visto por ahí a páxina do profesor Manuel José León Bonillo, da Universidade de Sevilla, e chamárame bastante a atención a cantidade de recursos, moi adecuada para calquera estudante de topografía. 

En todo caso chamoume tamén a atención ver casualmente a súa tese doctoral sobre o uso de novas tecnoloxías no ensino da topografía, publicado no repositorio da Universidad de Huelva. 

Sendo un documento bastante amplo e acabo de velo, simplemente o deixo ahí, se vos animades a comentalo poderíamos debatir sobre él. 

Saúdos. 

sábado, 11 de xullo de 2015

Replanteo (non topográfico) dun edificio.

Xa cos planos en fase final e concedida a licencia de edificación, o primeiro que temos que facer para continuar unha obra é trasladar as medidas do edificio dende o plano á realidade, nun proceso denominado "replanteo", que, como é lóxico, debe levarse con todo coidado. Ao respecto cabe engadir que cando a edificación a realizar ten certa entidade, e en todo caso sempre que se trate de obra civil, tal operación lévaa a cabo un topógrafo designado pola construtora, que tamén é supervisado pola dirección facultativa. Pero en edificación de obras de escasa entidade construtiva é habitual que tal operación sexa realizada polo encargado de obra tras un estudo dos planos e mediante ferramentas típicas do oficio (sedenla, escantillón, nivel de auga, cal e chumbadas). Por suposto que este xeito de traballo non é válido para obras liñais ou que requiran alta precisión, nas que é imprescindible o auxilio do topógrafo. 

Cabe engadir que este proceso é moi pouco atendido na literatura técnica en castelán que teño manexado. Pola contra sí que teño atopado estudos e publicacións moi completas sobre esta fase de preparación de obra en libros franceses, especialmente o título "Implantation des maisons et branchements", de Henri Renaud, do que engado un pequeno gráfico de seguido. 



Como podemos advertir no debuxo anterior, o plano feito representa o terreo, a orientación xeográfica, escala, elementos existentes naturais ou artificiais, redes de servizos, accesos, altimetría e límites do soar xunto coas distancias a lindeiros, edificacións veciñas e eixo da vía de acceso. 

Especialmente os últimos tres puntos teñen gran importancia incluso en vivendas pequenas, xa que o artigo 217.3.a) da vixente lei 9/2002 de Ordenación Urbanística de Galicia define como infraccións graves as seguintes: 

"As accións e omisións que constitúan incumprimento das normas relativas a parcelacións, aproveitamento urbanístico, uso do solo, altura e número de plantas, superficie e volume máximo edificables, situación das edificacións, distancias mínimas de separación a lindes e outros elementos e ocupación permitida da superficie das parcelas ou de habitabilidade das vivendas, cando non teñan o carácter de moi graves." 

Por outra parte se implantamos unha nova vivenda unifamiliar, é case seguro que o PXOUM vixente a ubicará nunha zona de ordenanza de vivenda unifamiliar que marcará as distancias a lindeiros e eixos de vía das novas edificacións. Se estamos a seguir un Plan Parcial, no mesmo virán as condicións de edificación das fincas, onde virán especificados os espazos a ser ocupados polas edificacións, máis ou menos como temos no seguinte debuxo extraído da mesma obra citada anteirormente, onde se reflexa unha urbanización de vivendas familiares illadas. 



Ao respecto cabe engadir aquí a diferenciación entre dous documentos que poden vir en proxecto: o replanteo do proxecto, que consiste en comprobar a realidade xeométrica da obra e a dispoñibilidade dos terreos previamente á tramitación do expediente de obra (Ley 30/2007 de Contratos del Sector Público, art. 110) e a acta de comprobación de replanteo (Ley 30/2007 artigo 212) que consiste na comprobación do replanteo feito previamente á licitación, no prazo dun mes dende a formalización do contrato. En todo caso hai que lerse tamén a Ley 38/99 de Ordenación de la Edificación, que indica cales son os asinantes da acta de comprobación de replanteo. Estes documentos non teñen valor técnico senon xurídico indicando que a obra pode empezarse, polo que non están involucrados nas operacións que logo se describen, e ademáis son de aplicación ás obras promovidas por administracións públicas, se ben crin convinte marcalos aquí a fin de evitar confusións co tema. Ao final poño tamén un modelo de acta de replanteo a cubrir para obra privada conforme aos artigos da LOE.  

Lóxicamente farémonos cargo que vale a pena adicarlle un tempiño de estudo aos datos de implantación a fin de ubicar a nova edificación alí onde a permite a licenza de edificación, co que evitaremos a posteriori problemas moi serios que poden impricar mesmo a orde de derruba do novo edificio se éste sobrepasa os lindeiros marcados pola ordeación urbana. 




Para efectuar o replanteo da obra o encargado comeza por marcar liñas de eixes ou de bordo de piares e muros. Para manter estas liñas materializadas en calquera intre coloca escantillóns nos que se marca o paso destas liñas mediante un cravo no que poden atarse os fíos ou ben mediante unha marca de lápis. Na seguinte imaxe observamos dous escantillóns marcando as aliñacións exteriores dun muro no seu encontro en esquiña: ao pasar fíos polas mesmas e mantelas tensas materialízase o encontro dos dous muros e cunha chumbada podemos ubicar exactamente a posición da esquiña. En calquera momento podemos retirar os fíos para traballar e en caso de duda poñelos de novo para localizar novamente a esquiña. Obsérvese que os escantillóns deben estar nivelados á mesma cota (preferentemente entre 30 e 50 cm por enriba da cota de explanación), obtendo un plano horizontal de referencia que cubre a obra toda e que permite localizar sen problemas o encontro dos fíos e determinar con claridade a esquiña. A seguinte imaxe pertence ao libro "Lecciones de topografía e replanteos" reseñado ao final na bibliografía. 


Na seguinte ilustración obtida da mesma publicación observamos o perímetro exterior dun edificio con soto materializado mediante escantillóns e fíos. Obsérvese que tras materializar o bordo exterior do muro de soto (marcado a trazos) procedeuse a efectuar a excavación do soto deixando noiros para impedir o desplome do terreo, e que unha vez feito este traballo procédese a colocar novamente os fíos para marcar a posición do encofrado exterior e poder colocalo previamente ao verquido de formigón. 


Agora ben, incluso estas operacións deben levarse con coidado e oficio. Ao respecto téñome atopado uns vídeos elaborados polo profesor Luis Blázquez, da EUAT da Universidad de Sevilla no ano 1992 onde reflexa con bastante agarimo este proceso, levado a cabo dun xeito completamente profesional. Guindoos de seguido para que os miredes con atención, paga a pena. 


No primeiro observamos as fases iniciais: comprobación ocular do soar (comprobar que non se aparta das previsións de proxecto) e confección (se non a elaborou o proxectista, cousa altamente recomendable) dun plano de replanteo en base ás medidas de proxecto. Trazado das aliñacións de fachada e comprobación da ortogonalidade coa regra dos múltiplos de 3-4-5 xa explicada nesta outra entrada, e comprobación das edificacións colindantes. 


Planos a consultar antes de poñer as medidas definitivas e elaboración de plano base de replanteo. Ferrramentas. 


Materialización e comprobación das aliñacións e escuadrías. Colocación de escantillóns. Situación de eixos de piares. 


Materialización das medidas con xeso. Sinalización de zapatas e eixos de piares. 


Outro xeito de representar esta operación é o ofrecido polo arquitecto arxentino Martín Bonari, que ten unha interesante canle de Youtube. O primeiro vídeo nos indica cómo efectuar un plano de replanteo e o segundo cómo materializar o replanteo en obra. 




Aquí a colocación dos escantillóns ou camillas. 




E como o saber nunca está de máis vos colgo tamén unha práctica de replanteo elaborada por alumnos dunha escola latinoamericana onde resumen o proceso dun xeito máis curto e sinxelo. 



Bibliografía: 

Lecciones de topografía y replanteos. Antonio Miguel González Cabezas. 5ª edición. Editorial Club Universitario. Alicante, 2008. 

Replanteo de obras de edificación. Jordi Crespell i Serra. Tornapunta ediciones. Madrid, 2012. 

Topografía de obras. Ignacio de Corral Manuel de Villena. Alfaomega grupo editor, S.A. de C.V. México, 2000.

Implantation des maisons et branchements. Henri Renaud. Éditions Eyrolles, Paris 2006. 



Lexislación: 






Webgrafía: 







Deica. 

luns, 18 de maio de 2015

Curso de Autocad Civil 3D.

Vos paso o seguinte cursiño sobre operacións básicas con CIVL 3D versión 2015. 













Deica. 

sábado, 10 de xaneiro de 2015

Deseño dunha presa en Autocad Civil 3D 2013.

Vos adxunto o seguinte video feito polo compañeiro Israel Rodríguez Fernández. Aproveito para sinalar que da súa canle Youtube xa teño posto un par de entradas, esta e máis esta



No mesmo poderedes contemplar paso por paso a creación dunha presa empregando Civil 3D, neste caso a versión do 2013.

Ademáis, se mirades no primeiro comentario, podedes descargar pola súa cortesía, os arquivos de nivel e perfís da presa.

O autor tamén ten unha interesante lista de reprodución con outros 16 vídeos onde nos explica detalladamente o proceso de elaboración dunha obra liñal con Civil 3D. Para velo, aquí.

Como esto do Autocad Civil 3D 2015 ten para rato, aproveito para deixarvos a lista de reprodución do curso de Autocad Civil 3D 2015 de Whykons en Youtube, cunha serie de 15 capítulos onde nos detalla os procesos de traballo con esta ferramenta, que ofrece tantas posibilidades como esixe coñecemento na súa aplicación. Non deixa de ser recomendable ver a súa canle Youtube onde ofrece cursos de Revit, Sketchup e Office.

A verdade está complicado atopar cursos ou manuais completos e de acceso libre para Civil 3D, de todos os xeitos aquí vos queda outro en Youtube aplicado á versión 2013, e bastante enfocado á topografía.

Webgrafía sobre presas:

Manual de diseño y construcción de pequeñas presas. Uruguay.


Presas. Blog procedimientos en construcción. UPV.

Presas. OCW USAL.

Comité Nacional Español de Grandes Presas. 

Wikiwater: construcción de pequeñas presas superficiales. 


Ana Isabel López Archilla: Ecología y gestión de los sistemas acuáticos continentales (Máster en ecología UAM).

Francisco Sacristán-Mª Gabriela Mañueco: síntesis de la actividad de construcción de presas en España. Artículo revista Hispagua.  

E outra páxina que non está mal se andades con Civil3D é Tutoriales al día Civil 3D

Deica logo. 


xoves, 1 de maio de 2014

Operacións básicas con Autocad Civil 3D versión 2013 II: Operacións básicas de enxeñería civil explicadas en videos de Youtube.

Continuando co post anterior, no que xa avisei que Autocad Civil 3D 2013 ten moito xugo que quitar, pois me teño atopado coa canle Youtube de Israel Rodríguez Fernández, que aparte de estudar na Universidade de Cantabria creou uns cantos videos nos que detalla, sen sonido pero con bastantes indicacións, os pasos para ir facendo un traballo de enxeñería civil con Civil 3D,

Como aperitivo, podemos ver os seguintes videos referentes ao traballo con Civil 3D:

001 Unión de cartografía - AutoCAD Civil 3D 2013



002 Modelo digital del terreno - AutoCAD Civil 3D 2013




003 Alineación - AutoCAD Civil 3D 2013



004 Perfil longitudinal - AutoCAD Civil 3D 2013



005 Sección transversal - AutoCAD Civil 3D 2013



006 Obra lineal - AutoCAD Civil 3D 2013



007 Cálculo de peralte - AutoCAD Civil 3D 2013



008 Superficie de obra lineal - AutoCAD Civil 3D 2013



009 Informes de trazado - AutoCAD Civil 3D 2013



010 Informe de replanteo - AutoCAD Civil 3D 2013


Hai aínda máis videos que analizan a creación de redes de saneamento ou o traballo con Presto, pero con estes daquí me parece que os neófitos teñen bastante que roer. En todo caso para ver os demáis ir á canle Youtube antes citada, polo demáis moi recomendable.

Deica. 

Operacións básicas con Autocad Civil 3D versión 2013 I: Importar puntos.

Aínda que xa está no mercado a versión do 2014, penso que todavía hai bastante que aprender e moito xugo que sacar ás aplicación de Autocad á enxeñería civil e topografía dende a súa versión 2013.

E aviso que a mesma non é moco de pavo. Temos que partir da base de que importamos puntos tomados directamente dende a estación total, datos que son logo puntos con coordenadas X eY xunto con cotas Z, e que por outra parte estes puntos deberon ser numerados no levantamento, coa posibilidade de incluirlles descricións de datos.

Por exemplo, vou poñer a imaxe dunha folla de cálculo de Excel cuberta polos alumnos que tamén nos serve para levar datos a Autocad Civil 3D.

Observade que os puntos desígnanse tan soio por un número, non nos valen designacións do tipo A1, P1, etc. 

Unha vez que teñamos este arquivo en Excel e que eliminemos todas as columnas excepto as de "Punto visado" e as correspondentes a "Coordenadas" (x, y, z) podemos salvalo en varios formatos que nos permiten pasar os puntos a Autocad Civil 3D. Para iso podemos gardar o arquivo Excel cunha extensión .csv (de Excel) ou .txt (bloc de notas) co seguinte formato.

Formato .txt. Observade que gardamos mediante este formato 1) número de punto, 2), 3) e 4) as coordenadas XYZ e por último unha descrición do punto, que se corresponden con celdas de Excel, todas separadas por comas. 

Unha vez que temos este arquivo de puntos definido podemos pasar a insertar todos os puntos á vez en Autocad como unha nube de puntos.

Para isto abrimos Autocad e poñemonos no menú Insertar, tendo coidado que o menú de ferramentas estea en Prospector. No mesmo iremos a abrir a orde "Puntos" para insertar os datos do traballo topográfico.


Ao despregar o menú de "Puntos de archivo" temos o seguinte cadro de diálogo. Clicamos no signo "+" e seguimos para un menú de apertura de arquivos, onde escollemos o -txt que nos interese.


É importante que cando carguemos o arquivo nos apareza un símbolo verde de conformidade como o que temos na seguinte figura, se pola contra aparece unha cruz branca nun círculo roxo non poderemos cargar o arquivo, seguramente por un problema de comas ou por ter un mal formato de numeración tipo P1 ou similar. Por outra parte escollo para este arquivo un formato PENZD (Punto, Este (x), Norte (y), Z (cota), D (descrición)) delimitado por comas (tamén pode valer delimitado por espazos). Cando o facemos aparece na caixa inferior unha previsualización dos puntos con número, abscisa, ordeada, elevación e código.


Cabe engadir que se fixemos o traballo dende Excel é moi posible que os decimais aparezan separados por comas e non por puntos, como o require Civil 3D. Para remediar isto, cando teñamos pasado os datos a txt podemos editar o contido e substituír as comas por puntos (graciñas, Raquel). É moi importante que nos datos que pasemos a Autocad os decimais aparezan marcados por puntos, do contrario o programa pensará que, ao haber unha coma, pasamos dunha coordenada a outra e fará un guirigai de datos.

Se temos todo correcto facemos clic en Aceptar e cargamos os puntos ao debuxo. Facemos Zoom extensión e miramos o resultado.


A verdade é que en principio non é moi prometedor. Pero podemos editalo.

A clave destes arquivos é que creamos un ficheiro de puntos COGO (puntos con coordenadas xeográficas) que non teñen nada que ver cos puntos típicos de Autocad. Estes puntos veñen coas súas coordenadas, numeración e información, pero nesta visualización non podemos aprecialo. Para conseguilo temos que entrar no espacio de ferramentas en modo Prospector, facer clic en "Grupos de puntos", escoller o noso grupo de puntos e facer botón dereito no mesmo escollendo "Propiedades". Con iso abrimos a fiestra de "Propiedades" e miramos na primeira pestaña de "Información". Agora poderemos ver as dúas ordes que empregaremos de seguido: "Estilo de punto" e "Estilo de etiqueta de punto".


En primeiro lugar actuamos sobre "Estilo de punto". Por defecto ven en formato "Basic", formando simplemente un aspa. Se despregamos as opcións de estilo de punto podemos empregar outras máis atractivas como "Benchmark", que emprego a continuación. Ten este formato.


Como dixemos antes, trátase de puntos COGO que posúen información por si mesmos e teñen un tratamento parecido ao dos bloques de Autocad. Para que se visualicen número de punto, cota e descrición despregamos "Estilo de etiqueta de punto" e escollemos a opción "Point-Elevation-Description".


Unha vez feito isto xa podemos clicar en "Aplicar" e "Aceptar". O resultado ven sendo o seguinte:


Apenas se entenden os textos, polo que actuamos modificando a escala (que é escala de textos e puntos) e que está sinalada en roxo na foto superior como mellor nos conveña en función das unidades empregadas. Neste caso paso de 1:1000 a 1:100 e queda como segue.


Outra vista de varios puntos coas súas características agora visibles.


Agora teremos que crear unha superficie de terreo. Para iso, sempre dende Prospector, facemos clic co botón dereito sobre "Superficies" e dámoslle a "Crear superficie".


O novo cadro de diálogo queda como segue:


Dámoslle a Aceptar e xa temos a superficie creada. Pero non lle temos asignado ningún punto, polo que non apreciamos nada.


Temos que despregar novamente a orde de "Superficies" dende o espacio de ferramentas en Prospector. Agora temos a nosa superficie creada, "Superficie topográfica", pero lembremos que non ten ningún punto asignado. Despregamos logo a opción de "Definición" e escollemos "Grupos de puntos". Escollemos "Añadir".


Agora escollemos "Todos los puntos" e dámoslle a "Aplicar" e "Aceptar".


Con isto xenera unha liña de contorno e teríamos rematada a creación da superficie do terreo co debuxo das curvas de nivel do terreo.


Aquí outro exemplo.


Con isto teríamos definido o terreo, pero lembremos que Civil 3D ofrece moitas máis posibilidades como son a inclusión de liñas de condución ou estradas, con obtención inmediata de perfís (lonxitudinais e transversais) así como cubicación de movementos de terras.

Para ver cómo podemos facer algunhas destas cousas mellor sigo no seguinte post, onde o tedes pero que moi completo.

Pero como sempre hai que saber algo máis vos deixo un interesante blog con tutoriais do programa: Tutoriales Civil 3D.

E en concreto dous artigos que ten bastante interesantes:

Importación de levantamentos topográficos a través de arquivos de texto. 

Creación de superficie a partir de curvas de nivel.

E por suposto, os foros en castelán de Autodesk.

Tamén esta entradiña: http://topografiaenautocad.blogspot.com.es/2012/07/importar-cartera-autocad-civil-3d-2012.html

http://www.geofumadas.com/civil-3d-diseo-de-carreteras-leccin-1/

Deica.