Amosando publicacións coa etiqueta Infografía. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Infografía. Amosar todas as publicacións

xoves, 5 de xaneiro de 2017

Curso aberto de ArchiCAD.

Como propósito de ano novo baixeime o programa Archicad 20 da páxina oficial de Graphisoft. A verdade non ten moito inconvinte, podes rexistrarte como profesor ou alumno dun centro educativo para baixarte unha versión libre de 30 días ampliable a licenza educativa por un período dun ano a cambio de enviar unha documentación persoal e un documento que xustificara que son profesor. Rápidamente recibín unha licenza e púxenme con este invento.


A verdade picábame un pouco a curiosidade xa que teño lido pola rede que se queres ser BIM Manager deberas controlar non soio Revit senon tamén Archicad, aparte que os usuarios deste programa valórano máis que a Revit. 


Non pretendo con isto facervos optar por un ou outro, aínda que Archicad parece máis profesional non podemos deixar de carón que Revit pertence a Autodesk, o que lle da unha versatilidade pasmosa con outros programas desta casa. Así que aínda que Revit poida ter ases na manga para impoñerse en formato BIM non debéramos desprezar as posibilidades de Archicad e habería que manexarse algo con él. 

Para iso teño atopado a canle Youtube de Learning Archicad, moi interesante, en castelán e con bastantes vídeos titoriais que poden axudar moito á hora de iniciarse no manexo deste programa. 

Como mostra e para os que coma min non tendes idea de qué vai isto e queredes comezar a manexarvos con él (xa aviso que o manexo é moi distinto ao de AutoCAD) van uns primeiros titoriais que a verdade están sendo de bastante axuda. Explican o traballo con moito detalle e podes descargar os arquivos de traballo dunha ligazón ad.fly. Aínda que teñen data do 2013 a versión 20 non cambiou tanto e poden empregarse perfectamente, aportando máis de 15 horas de entrenamento nesta interesante ferramenta.  

























Se queredes algo de documentación escrita tendes tamén este titorial

Ánimo e que o ano comece ben o mellor. Deica. 

sábado, 31 de decembro de 2016

Navisworks: BIM en 4D

Outra das cousas coas que teño que poñerme, por se non me chegaban o BIM e mailo inglés, que Autodesk xa tirou da man un novo software de formato BIM, pero agora en 4D. O do 4D non é que sexa unha simple largada, ocorre que xa non somentes podemos efectuar mediante Revit ou ArchiCAD un modelo 3D moi preciso do edificio que pretendemos facer senon que tamén. podemos integrar o tempo como cuarta dimensión (dahí o 4D) e podemos efectuar un modelo do noso edificio no que se vexa a construción do mesmo ao longo do tempo. 


Por suposto que esta xestión dixital da construción será usualmente previa á propia construción, polo que Navisworks queda como unha ferramenta de planificación e xestión que promete un sinfín de capacidades para xefes de obra e Project Managers, merced á integración con Revit, intercambio de arquivos con Excel, Primavera (ao que semella que podería desbancar nun prazo non moi lonxano) ou mesmo PowerPoint. 


De feito xa vos guindo de seguido un video titorial no que se mostran as capacidades de intercambio con Revit e a capacidade de coordinación de ambos programas.  



As posibilidades dixitais do traballo na construción non parecen logo facer senon multiplicarse, e o problema, claro, é que hai que adaptarse a calquera innovación. Non parece fácil, pero o contrario é quedarse atrás. 

De momento, para ir comezando con este prometedor programiña, unhas axudas que me fun atopando de momento por ahí son as seguintes: 

Este titorial en Youtube do BIM Manager Jaime Guzmán Delgado para Navisworks 2016. 


E este módulo oficial de aprendizaxe tamén de Autodesk para Navisworks 2017.

Se vai aparecendo máis información ireina guindando por aquí.

Saúdos a todos e feliz 2017. 

venres, 28 de marzo de 2014

Execución de obra civil e infografía: as canles de Voxelstudio e Proin3d.

Pois estaba buscando por Youtube algún video para ilustrar a execución dun emisario submarino e vou e atópome de novo cos videos de Voxel Studios e de Proin3d, empresas de producións audiovisuais e infografía que tamén teñen as súas propias canles de Youtube (aquí e aquí) onde mostran as súas creacións.

Con respecto ás mesmas, puntualizaría un detalle importante: non somente se centran nunha simple maqueta virtual de obras (cousa que por outra parte non estaría nada mal) senon que fan un cubrimento completo de importantes obras efectuadas por diversas construtoras detallando un dos aspectos máis importantes para o técnico medio: o proceso de execución das mesmas. Intentarei explicarme de seguido, en especial para os estudantes.



A imaxe que teño posta enriba é a da ponte atirantada de Talavera de la Reina, sobre o río Tajo. O seu diseño radical non foi gratuíto, xa que responde á necesidade de minimizar impacto ambiental non incluíndo pilas no río, e de paso aportando gran fermosura á entrada da cidade. Ata aquí todo ben para os neófitos, pero en especial cando se empeza na enxeñería hai que pensar que unha estrutura semellante, por moi ben que luza sobre o papel, require ser executada, e o proceso de execución pode ser tan complicado, innovador e rupturista como o propio deseño do elemento, por non falar que tal proceso debe ser levado a cabo cun custe lóxico e asumible. Do contrario mellor non empezala.

Ocorre con isto que, se ben eu son técnico en execución de obras, debe ser o aspecto da execución o menos contemplado nos temarios lectivos, motivo polo cal se lle esixe a un xefe de obra unha práctica mínima de tres anos laborais para que poida asumir en solitario obras algo complicadas, experiencia que debe ser adquirida a título persoal polo egresado. Estes mesmos problemas existen na formación profesional e son difícilmente solventables, asi que explicacións como as seguintes parecenme de todo punto pertinentes para os estudantes.

Pois ben, as dúas empresas citadas poñen de xeito libre os seus traballos infográficos na rede, de xeito que contemplándoos podemos facernos cargo dos procesos de execución, que aparecen bastante pormenorizados. Os videos non son unha simple maqueta virtual, senon un seguimento virtual da elaboración da obra, que se cadra nun día non tan lonxano terá que ser incorporado á documentación de obra final, como xa se fai cos planos "as built". Detalla a seguinte presentación o proceso de cimentación, a elaboración do piloño cos seus apoios, execución do taboeiro e remate final de mirador.


E como precisamente estábamos en aulas cos procesos de saneamento de poboacións, e moi concretamente coa situación do saneamento da ría de Vigo (unha paradisíaca ría que recibe os verquidos de cousa de 500.000 habitantes e na que se realizan actividades de cultivo mariño), pois podemos exemplarizalo co video de Voxelstudios sobre a nova EDAR de Vigo, ainda que este video é bastante descriptivo no referente ao resultado e non ao proceso construtivo.



E sen saírnos do saneamento da ría de Vigo, aquí temos outra infografía, esta vez elaborada por Proin3d, na que analisa con moito detalle todo o proceso de execución do emisario que transporta os efluentes da anterior EDAR ata o centro da ría.


Outras obras simpáticas de ver son a segunda fase da ampliación do peirao de Camariñas, o palacio Multiusos de Gran Canaria, a autovía Iznalloz-Darro ou o porto brasileiro de Açu.

Únicamente poñería como crítica que Voxelstudios fai comentarios das infografías cunha voz en off que puntualiza sobre as imaxes que estamos a ver, cousa que non é tan común nos videos de Proin3d, polo que, se ben estes poden ser comprendidos por aquel que teña unhas nocións básicas de obra civil, poden ser un pouco menos entendibles polos novatos.

En todo caso paréceme un material magnífico, moi ben elaborado e digno tanto de ser visto por estudantes en casa (e non me sinto máis que un eterno estudante, por certo) como de ser posto polo profesor na aula.

Espero que os disfrutedes, se ben non son máis que uns exemplos e tedes bastantes videos máis nas canles Youtube destas dúas empresas, das que vos repito ligazón:

Voxelstudios. 

Proin3d. 


E como sempre acaba aparecendo algo máis tendes aquí esta outra empresa: GEDESPRO3D 

Deica.