Rede de blogues de ensino.
Nalgúns destes blogues ofrezo contidos de películas ou música con copyright que non me pertenze. Non hai para iso máis intención que a de compartilo como medio de aprendizaxe. Tampouco colgo eu estes contidos á rede senon que simplemente dou enlaces aos mesmos. Quen pense que vulnero os seus dereitos de autor non ten máis que solicitarme a retirada dos enlaces mediante un correo electrónico.
Outra das cousas coas que teño que poñerme, por se non me chegaban o BIM e mailo inglés, que Autodesk xa tirou da man un novo software de formato BIM, pero agora en 4D. O do 4D non é que sexa unha simple largada, ocorre que xa non somentes podemos efectuar mediante Revit ou ArchiCAD un modelo 3D moi preciso do edificio que pretendemos facer senon que tamén. podemos integrar o tempo como cuarta dimensión (dahí o 4D) e podemos efectuar un modelo do noso edificio no que se vexa a construción do mesmo ao longo do tempo.
Por suposto que esta xestión dixital da construción será usualmente previa á propia construción, polo que Navisworks queda como unha ferramenta de planificación e xestión que promete un sinfín de capacidades para xefes de obra e Project Managers, merced á integración con Revit, intercambio de arquivos con Excel, Primavera (ao que semella que podería desbancar nun prazo non moi lonxano) ou mesmo PowerPoint.
De feito xa vos guindo de seguido un video titorial no que se mostran as capacidades de intercambio con Revit e a capacidade de coordinación de ambos programas.
As posibilidades dixitais do traballo na construción non parecen logo facer senon multiplicarse, e o problema, claro, é que hai que adaptarse a calquera innovación. Non parece fácil, pero o contrario é quedarse atrás.
De momento, para ir comezando con este prometedor programiña, unhas axudas que me fun atopando de momento por ahí son as seguintes:
Xa cos planos en fase final e concedida a licencia de edificación, o primeiro que temos que facer para continuar unha obra é trasladar as medidas do edificio dende o plano á realidade, nun proceso denominado "replanteo", que, como é lóxico, debe levarse con todo coidado. Ao respecto cabe engadir que cando a edificación a realizar ten certa entidade, e en todo caso sempre que se trate de obra civil, tal operación lévaa a cabo un topógrafo designado pola construtora, que tamén é supervisado pola dirección facultativa. Pero en edificación de obras de escasa entidade construtiva é habitual que tal operación sexa realizada polo encargado de obra tras un estudo dos planos e mediante ferramentas típicas do oficio (sedenla, escantillón, nivel de auga, cal e chumbadas). Por suposto que este xeito de traballo non é válido para obras liñais ou que requiran alta precisión, nas que é imprescindible o auxilio do topógrafo.
Cabe engadir que este proceso é moi pouco atendido na literatura técnica en castelán que teño manexado. Pola contra sí que teño atopado estudos e publicacións moi completas sobre esta fase de preparación de obra en libros franceses, especialmente o título "Implantation des maisons et branchements", de Henri Renaud, do que engado un pequeno gráfico de seguido.
Como podemos advertir no debuxo anterior, o plano feito representa o terreo, a orientación xeográfica, escala, elementos existentes naturais ou artificiais, redes de servizos, accesos, altimetría e límites do soar xunto coas distancias a lindeiros, edificacións veciñas e eixo da vía de acceso.
Especialmente os últimos tres puntos teñen gran importancia incluso en vivendas pequenas, xa que o artigo 217.3.a) da vixente lei 9/2002 de Ordenación Urbanística de Galicia define como infraccións graves as seguintes:
"As accións e omisións que constitúan incumprimento das normas relativas a parcelacións,
aproveitamento urbanístico, uso do solo, altura e número de plantas, superficie e volume máximo
edificables, situación das edificacións, distancias mínimas de separación a lindes e outros
elementos e ocupación permitida da superficie das parcelas ou de habitabilidade das vivendas,
cando non teñan o carácter de moi graves."
Por outra parte se implantamos unha nova vivenda unifamiliar, é case seguro que o PXOUM vixente a ubicará nunha zona de ordenanza de vivenda unifamiliar que marcará as distancias a lindeiros e eixos de vía das novas edificacións. Se estamos a seguir un Plan Parcial, no mesmo virán as condicións de edificación das fincas, onde virán especificados os espazos a ser ocupados polas edificacións, máis ou menos como temos no seguinte debuxo extraído da mesma obra citada anteirormente, onde se reflexa unha urbanización de vivendas familiares illadas.
Ao respecto cabe engadir aquí a diferenciación entre dous documentos que poden vir en proxecto: o replanteo do proxecto, que consiste en comprobar a realidade xeométrica da obra e a dispoñibilidade dos terreos previamente á tramitación do expediente de obra (Ley 30/2007 de Contratos del Sector Público, art. 110) e a acta de comprobación de replanteo (Ley 30/2007 artigo 212) que consiste na comprobación do replanteo feito previamente á licitación, no prazo dun mes dende a formalización do contrato. En todo caso hai que lerse tamén a Ley 38/99 de Ordenación de la Edificación, que indica cales son os asinantes da acta de comprobación de replanteo. Estes documentos non teñen valor técnico senon xurídico indicando que a obra pode empezarse, polo que non están involucrados nas operacións que logo se describen, e ademáis son de aplicación ás obras promovidas por administracións públicas, se ben crin convinte marcalos aquí a fin de evitar confusións co tema. Ao final poño tamén un modelo de acta de replanteo a cubrir para obra privada conforme aos artigos da LOE.
Lóxicamente farémonos cargo que vale a pena adicarlle un tempiño de estudo aos datos de implantación a fin de ubicar a nova edificación alí onde a permite a licenza de edificación, co que evitaremos a posteriori problemas moi serios que poden impricar mesmo a orde de derruba do novo edificio se éste sobrepasa os lindeiros marcados pola ordeación urbana.
Para efectuar o replanteo da obra o encargado comeza por marcar liñas de eixes ou de bordo de piares e muros. Para manter estas liñas materializadas en calquera intre coloca escantillóns nos que se marca o paso destas liñas mediante un cravo no que poden atarse os fíos ou ben mediante unha marca de lápis. Na seguinte imaxe observamos dous escantillóns marcando as aliñacións exteriores dun muro no seu encontro en esquiña: ao pasar fíos polas mesmas e mantelas tensas materialízase o encontro dos dous muros e cunha chumbada podemos ubicar exactamente a posición da esquiña. En calquera momento podemos retirar os fíos para traballar e en caso de duda poñelos de novo para localizar novamente a esquiña. Obsérvese que os escantillóns deben estar nivelados á mesma cota (preferentemente entre 30 e 50 cm por enriba da cota de explanación), obtendo un plano horizontal de referencia que cubre a obra toda e que permite localizar sen problemas o encontro dos fíos e determinar con claridade a esquiña. A seguinte imaxe pertence ao libro "Lecciones de topografía e replanteos" reseñado ao final na bibliografía.
Na seguinte ilustración obtida da mesma publicación observamos o perímetro exterior dun edificio con soto materializado mediante escantillóns e fíos. Obsérvese que tras materializar o bordo exterior do muro de soto (marcado a trazos) procedeuse a efectuar a excavación do soto deixando noiros para impedir o desplome do terreo, e que unha vez feito este traballo procédese a colocar novamente os fíos para marcar a posición do encofrado exterior e poder colocalo previamente ao verquido de formigón.
Agora ben, incluso estas operacións deben levarse con coidado e oficio. Ao respecto téñome atopado uns vídeos elaborados polo profesor Luis Blázquez, da EUAT da Universidad de Sevilla no ano 1992 onde reflexa con bastante agarimo este proceso, levado a cabo dun xeito completamente profesional. Guindoos de seguido para que os miredes con atención, paga a pena.
No primeiro observamos as fases iniciais: comprobación ocular do soar (comprobar que non se aparta das previsións de proxecto) e confección (se non a elaborou o proxectista, cousa altamente recomendable) dun plano de replanteo en base ás medidas de proxecto. Trazado das aliñacións de fachada e comprobación da ortogonalidade coa regra dos múltiplos de 3-4-5 xa explicada nesta outra entrada, e comprobación das edificacións colindantes.
Planos a consultar antes de poñer as medidas definitivas e elaboración de plano base de replanteo. Ferrramentas.
Materialización e comprobación das aliñacións e escuadrías. Colocación de escantillóns. Situación de eixos de piares.
Materialización das medidas con xeso. Sinalización de zapatas e eixos de piares.
Outro xeito de representar esta operación é o ofrecido polo arquitecto arxentino Martín Bonari, que ten unha interesante canle de Youtube. O primeiro vídeo nos indica cómo efectuar un plano de replanteo e o segundo cómo materializar o replanteo en obra.
Aquí a colocación dos escantillóns ou camillas.
E como o saber nunca está de máis vos colgo tamén unha práctica de replanteo elaborada por alumnos dunha escola latinoamericana onde resumen o proceso dun xeito máis curto e sinxelo.
Bibliografía:
Lecciones de topografía y replanteos. Antonio Miguel González Cabezas. 5ª edición. Editorial Club Universitario. Alicante, 2008.
Replanteo de obras de edificación. Jordi Crespell i Serra. Tornapunta ediciones. Madrid, 2012.
Topografía de obras. Ignacio de Corral Manuel de Villena. Alfaomega grupo editor, S.A. de C.V. México, 2000.
Implantation des maisons et branchements. Henri Renaud. Éditions Eyrolles, Paris 2006.
Dende Francia tamén chéganos hoxe a páxina da academia Nancy-Metz, que ofrece un baccaulauréat en arquitectura e construción dispensado en tres liceos distintos. Polo que teño visto este baccaulauréat, xunto con tres anos máis, serían a formación correspondente en Francia ao título de Enxeñeiro de Edificación, ou Arquitecto Técnico de grao ou o que sexa que son eu, que xa non teño nin idea.
Nesta páxina podes rexistrarte cunha conta como usuario, se ben para iso requírese un mail profesional educativo, polo que parece reservado ao alumnado.
O problema se cadra é organizar a información que colgan na rede, xa que en moitos casos trátase de tips, se ben son novedosos e penso que bastante ben enfocados, presentados como fichas pedagóxicas, que de todos os xeitos non está de máis remirar de cando en vez. Con todo ao parecer danlle bastante importancia ao uso de programas (asunto polo demáis completamente lóxico) polo que podemos comezar pola maqueta urbanística efectuada mediante Sketch Up.
A información aportada é bastante ampla, e como vemos abarca obra civil e edificación, sen deixar de lado urbanismo e eficiencia enerxética. De feito un dos documentos que máis me chamou a atención foi un estudio multidominio dun local, que partindo dunha maqueta BIM analiza a distribución de pezas, a iluminación, condicións térmicas e acústicas, así como a resistencia mecánica dos elementos.
Unha nova tecnoloxía simple e inxeniosa recén posta a punto para aproveitar a enerxía solar. A empresa sueca Soltech Energy está detrás destas tellas transparentes, aparentemente unha eficaz alternativa aos paneis solares.
"Swedish Solar Thermal Light Absorption Technology" é unha mestura dos medios tradicionais de captación de enerxía solar, a fotovoltaica e a térmica.
O principio é bastante simple: tellas transparentes de cristal dispóñense sobre toda a superficie de cuberta (de calquera tipo) sobre un revestimento negro concebido para gardar a calor. Un calor captado moi significativo. Sobre o teito dunha gardería infantil de Estocolmo, capital de Suecia, 150 m2 de teito de cristal xeraron en torno a 48.000 kwh/ano. o que da un rendemento dun 320 kwh/m2 por ano, o que significa máis do dobre do consumo enerxético anual dunha vivenda unifamiliar.
O sistema permite illar os teitos dos edificios, xerar electricidade e quentar auga. Poidendo instalarse sobre calquera tipo de teito, non aparenta ter máis que vantaxes. De feito as tellas poden seguir a quentar auga ainda que non faga sol. Hai un aforro de superficie significativa ao non ocupar máis que a superficie de tellado, e se ben a estética non é un factor esencial, non deixa de importar cando se realiza tal investimento.
A tarifa depende lóxicamente do tipo de edificio, pero evidentemente non pode determinarse máis que con orzamento previo, que de todolos xeitos pode superar varios miles de euros.
Como nunca está de máis lembrarse do complicado proceso de elaboración do proxecto dunha estrutura de edificación de formigón armado, non está de máis a entrada que vos traio hoxe.
Ao longo das diferentes partes que podemos baixar (e que non quedan mal encanutilladas para telas a man cando hai que calcular) repasamos, sempre coas oportunas referencias á normativa hespañola (EHE 08 e CTE), os principios de predimensionamento, fórmulas de armado para sección rectangular ou en T, repaso dos estados límites, disposición de armaduras, ábacos e detalles de armado, cimentacións (aínda en modo borrador pero bastante completa) e muros. Apórtanse tamén algunhas follas de cálculo para comprobacións.
A publicación complétase cun par de manuales de CYPE e SAP2000 así como con uns cantos exercicios tamén resoltos.
Simplemente destacaría do texto que, se ben o Concello afirma ter dictado orde de paralización das obras, estas atopábanse en solo clasificado como rústico, polo que os expedientes de reposición da legalidade parecen ter pasado a ser xestionados pola APLU.
Logo teríamos que buscarlle un nome non anglosaxón para o sistema ETICS (External Thermal Insulation Composite Systems with Rendering), pero polo momento é como se lle coñece á técnica de incrementar a inercia térmica da envolvente do edificio mediante a aplicación de illamento polo exterior sen destrución de fachada. Podemos irnos facendo cargo que a técnica ten moitas posibilidades se ben dúas vantaxes sobresaen da mesma: con ela eliminamos por completo as pontes térmicas e podemos facer unha rehabilitación destiñada a mellorar a eficiencia enerxética dun edificio sen perda de superficie útil nin desaloxo dos ocupantes, dun xeito relativamente pouco agresivo.
Sistema:
Os ETICS consisten nun illamento térmico polo exterior, conformados por un panel illante prefabricado adherido á envolvente do edificio, mediante adhesivo e fixación mecánica.
O illamento queda protexido mediante unha ou varias capas de morteiro, unha das cales leva unha malla como reforzo. O revestimento aplícase diretamente sobre o illante, sen cámara de aire.
Vantaxes técnicas do sistema:
1 Os ETICS aplícanse de xeito contínuo por toda a fachada, de xeito que o seu emprego evita a formación das pontes térmicas habituais en pilares de fachada, encontros fachada-forxado e dintel e peana de ocos.
2 Redución das oscilacións térmicas en fachadas, o que repercute nunha diminución das fisuras provocadas en fachada polos continuos cambios climáticos.
3 Mellora sensible do comportamento da fachada ante a penetración de auga.
Compoñentes do sistema:
1 Placas illantes: a máis empregada é a placa de poliestireno expandido EPS con densidade de 20 kg/m3 e espesores de 40, 50, 60 e 80 mm, con marcado CE según UNE EN 13163. Son válidas tamén as placas de poliestireno extruído XPS con marcado CE según UNE EN 13164 e as placas de lá mineral con marcado CE según UNE EN 13162.
2 Ancoraxe mecánica: ancoraxe plástica de polipropileno con aditivos. Debe escollerse a súa lonxitude en función do espesor da placa de illamento a fin de que a atravesen por completo ata o soporte, cunha profundidade de ancoraxe mínima de 40 mm. Os tamaños comúns atópanse entre 90 e 120 mm. Dispoñen de marcado CE segundo guía DITE 014. Cada casa subministradora fai indicacións do xeito de colocación e número de ancoraxes precisos.
3 Morteiro adhesivo: de base cementosa, con áridos, adhesivos e resinas, queda listo para o seu emprego unha vez mesturado con auga. Por toda a cara adherida, preferentemente percorrendo o borde e aplicando pegotes no centro.
4 Morteiro de capa base: aplicado directamente sobre as placas de illamento para reforzo da superficie, con llana ou máquina de proxectar cun espesor aproximado de 2 mm. Aplicarase en dúas capas, e ao rematar a primeira colocarase a malla de reforzo.
5 Malla de reforzo: armadura de fibra de vidro con misión estabilizante fronte a variacións térmicas e resistencias mecánicas. Existen dous tipos: malla normal para as partes altas do edificio (con peso de 130-200 g/m2) e malla reforzada (con peso de 735 g/m2) para zonas onde exista maior risco de impactos: zócalos, tramos inferiores de fachada, cantos de ocos ou alféizares, etc.Con solapes de 10 cm e nas aristas dando unha volta de 25 cm, e colocada a 45º en esquiñas de ocos.
Colocarase sobre a primeira capa de morteiro mentres está fresca facendo presión para que quede embebida, e tras o secado da primeira capa de morteiro botarase unha segunda que cubrirá completamente a malla de fibra de vidro. Tras aplicar a segunda capa e esperar un pouco se pasará por todo o enfoscado unha esponxa ou fratás, deixando a superficie o máis lisa posible.
6 Perfís: de aluminio para aportar resistencia mecánica. En forma de U para a liña máis inferior do revestimento e en esquiñeiro para reforzo das placas en encontros.
7 Imprimación: aplicada 24 horas da segunda capa de morteiro aplícase unha imprimación de fondeo con brocha ou rodillo para igualar e como ponte antes do acabado final.
8 Capa de acabado: mediante proxección, fratasado, raiado, talochado ou directo. como remate final.
Beneficios:
Múltiples. Comezan por un importante aforro enerxético, un aumento da inercia térmica do edificio que favorece tanto en estación cálida como fría, aforro económico para o propietario e un nada desdeñable incremento do período de vida da fachada. Como sempre hai que saber algo máis, vos deixo as referencias web de onde tirei a información. Saúdos.
Pois o seu nome é o que aparece no título, konstruir.com. Nesta páxina cólganse definicións, fotografías e documentos sobre teoría de construción, posúe un foro e apartados de descarga, e oferta utilidades completamente gratuítas para xustificación de diversos apartados do CTE, despece de ferralla ou elaboración de plannings de obra.
De propina poñen titorais en formato de vídeo na súa canle de Youtube, e xa postos pensei que non estaría de máis poñervos un par de vídeos dos que teñen na mesma. O primeiro nos explica cómo empregar a utilidade que eles mesmos ofertan para efectuar un planning de prazos e inversións de obra mediante diagrama de Gantt.
O segundo nos indica cómo pasar puntos de replanteo de Autocad a unha táboa Excel. Bastante interesante para os alumnos de 1º de Edificación.
Tamén queda un link directo á páxina na lista de ligazóns a apuntes xerais sobre construción.
Como xa teredes comprobado, teño subido ligazóns ás canles de Youtube das Universidades de Vigo e de Santiago. Como é lóxico, terá que tocarlle agora a unha canle máis especializada, neste caso centrada no eido do cálculo estrutural. Se coñecedes CYPECAD, o software desenrolado por CYPE Ingenieros tamén deberíades coñecer Zigurat, que ven sendo unha consultoría formadora en estruturas civís e de edificicación, e que destaca por ter sido pioneira na celebración de cursos e másters no eido do cálculo estrutural celebrados a distancia e on-line, e principalmente baseados no emprego do software CYPE. Pois dando un pequeno paso máis endiante Zigurat TVconsiste nunha canle de Youtube que nos ofrece xa aulas e conferencias impartidas nos eidos da xeotecnia, das estruturas de hormigón e mixtas e na rehabilitación e patoloxía. Como exemplo unha pequena charla impartida polo amigo Geojuanjo, co gallo do emprego de Youtube como medio de aprendizaxe.
Ben, se por algo me interesa pasear pola nube é pola información que podes obter, cada día máis abundante, de mellor acceso e de máis calidade. Ao respecto unha das miñas queixas correspóndese coa actuación que teñen os colexios profesionais sobre os cursos e documentación sobre novas normativas tan necesarios para calquer profesional de hoxe en día: non lle digo nada novo a calquera compañeiro se lle comento que os colexios profesionais colgan a documentación dos seus cursos en arquivos pdf, se ben aos mesmos solamente acceden os colexiados da circunscripción coa súa clave de acceso á zona privada. Ata ahí máis ou menos ben, pero ocorre que as circunscripcións colexiais de arquitectos técnicos abarcan o eido provincial, de xeito que eu mesmo, que estou de alta nos COAAT de A Coruña e Madrid, non teño acceso á documentación dos cursos efectuados nos colexios de Pontevedra, Lugo ou Ourense, sen ir máis lonxe. Nun momento en que nos caen enriba normativas como o CTE ou a de eficiencia enerxética, que obrigan a un estudo exhaustivo das mesmas, por non falar de que a súa amplitude fai imposible un dominio completo das mesmas que por outra parte obriga a unha especialización inevitable, resulta case cómico que os técnicos non teñamos acceso inmediato a apuntes sobre esta documentación. Se a isto engadimos que o acceso ás normas UNE segue sendo de pago, pois parece que se nos esixen cousas ao tempo que se nos dificulta o xeito de logralas. Aínda que non lle vexo un remedio rápido a esta situación, sí que lle podemos encontrar algún pequeno alivio con iniciativas como a do Instituto Valenciano de la Edificación, que o pasado abril non solamente celebrou unhas interesantes xornadas sobre a aplicación do CTE á edificación, senon que de propina colgou na súa páxina web todos os pdf das presentacións, xunto cos videos das poñencias e uns cantos enlaces para ampliar información. A verdade é tanta documentación que vale a pena baixala e ir mirándoa con tranquilidade, centrándose no documento básico no que requira profundizar. En todo caso queda ligazón ao curso tamén na columna esquerda, no apartado de Normativa Básica e Calidade.
Parabéns en todo caso ao FIVE e esperamos que máis organismos (en especial os oficiais, que son de carácter público e non teñen que funcionar como unha empresa que garde celosamente os seus documentos) se apunten a iniciativas como ésta.