domingo, 5 de maio de 2013

Manexo de datos entre Autocad e Excel.

Aínda que na entrada anterior xa puxemos algo ao respecto, quería subir un par de vídeos titoriais coas posibilidades de paso de datos entre Autocad e Excel, bastante útiles para cuestións topográficas. 

O primeiro nos indica cómo pasar puntos de Excel a Autocad. 



Este outro cómo pasar puntos de Autocad a Excel. 


O portal Konstruir.com

Pois o seu nome é o que aparece no título, konstruir.com. Nesta páxina cólganse definicións, fotografías e documentos sobre teoría de construción, posúe un foro e apartados de descarga,  e oferta utilidades completamente gratuítas para xustificación de diversos apartados do CTE, despece de ferralla ou elaboración de plannings de obra.

De propina poñen titorais en formato de vídeo na súa canle de Youtube, e xa postos pensei que non estaría de máis poñervos un par de vídeos dos que teñen na mesma. 


O primeiro nos explica cómo empregar a utilidade que eles mesmos ofertan para efectuar un planning de prazos e inversións de obra mediante diagrama de Gantt. 



O segundo nos indica cómo pasar puntos de replanteo de Autocad a unha táboa Excel. Bastante interesante para os alumnos de 1º de Edificación. 


Tamén queda un link directo á páxina na lista de ligazóns a apuntes xerais sobre construción. 

sábado, 4 de maio de 2013

Ferramentas dixitais para mindmapping.


Empregaremos para referirnos a eles o termo saxón, se ben eu coñecinos como “diagramas orgánicos”, termo que me parece mais apropiado... en fin, o esnobismo parece estar bastante aceptado pola rede.

Un mapa mental consiste nun esquema de memorización representado de xeito radial, de maneira máis creativa e esquemática que un típico diagrama de chaves ou por puntos. Foron popularizados por Tony Buzan coa publicación no 74 do libro “Use yourhead”.

Ao elaborar un mindmap non metemos no mesmo toda a información, se non unha representación da mesma: a clave cando se elabora este tipo de esquemas é organizar a información e aumentar o esquematismo elaborado de xeito que un concepto poida quedar definido por unha soa palabra ou termo, que actúe como un “gancho” ou “palabra clave” que arrastre máis conceptos que xa coñecemos previamente, construíndo un “mapa” dos coñecementos que queremos lembrar, non explicando os mesmos.


Mindmap cos puntos clave de elaboración de mindmaps. 

Por outra parte, o seu xeito de desenrolo é bastante práctico, xa que partimos do centro do folio onde o elaboramos, tendo maior liberdade e espazo para facer unha organización dos conceptos que iremos anotando.


Borrador de apuntes polo método de mindmap.  

Por suposto que para facer mindmaps non son precisos máis que rotuladores de cores e un folio, se ben esta forma de organización de esquemas é adecuada para o seu tratamento dixital, de xeito que xa existen na rede aplicacións, moitas delas gratuítas, que nos permiten elaborar no noso ordenador mapas mentais fácil e rapidamente.

Mindmap dixital con conceptos básicos de instalacións eléctricas. 

Acerca da súa utilidade, emprego e elaboración teño atopado un curso básico de mapas mentais ben interesante elaborado pola Diputación Foral de Guipúscoa que poño á vosa disposición aquí.

Aparte dunha serie de seis vídeos onde explican detallada e graficamente o seu emprego podes descargar un arquivo en pdf na parte inferior, no link Anexo: descargar manual completo, para telo gardado. 

Se tedes interese polo procedemento (o teño empregado con bos resultados, por certo) vos deixo como remate algunhas direccións web dende onde podedes descargar programas gratuítos, se ben o meu favorito, o Concept Draw Professional que permite elaborar gráficos Pert, Grantt ou eléctricos, é de pago. Fago notar que pode ser unha inversión rendible para estudantes ou xerentes. 

Gratuítos: 





Mindmap para traballo en grupo. 






E para rematar un video de mostra con algunhas ideas ao respecto. 


Deica. 

domingo, 28 de abril de 2013

Instalación e primeiros pasos con Dialux (software para iluminación de edificios).

Dende a páxina web de DIAL podedes descargarvos gratuítamente o software DIALUX, unha ferramenta bastante interesante para xustificar cálculos lumínicos, que aparece dividido como un programa para cálculo en interiores e de edificios completos (Dialux EVO 2) e un programa para cálculo de iluminación en viais, instalacións deportivas e espazos abertos (Dialux 4.11).

Despois de terlle botado un ollo admito que a interfaz e as posibilidades de comandos parecen bastante amigables e interesantes, se ben un programa que ofrece moitas posibilidades é tamén complicadiño de manexar. Unha das primeiras dificultades é que a descarga antes recomendada non aporta unha base de datos de luminarias, en boa parte xa que a lista de fabricantes é moi amplia, así como a oferta de luminarias e os empregos das mesmas. Isto obriga a que para operar no programa teñamos que localizar os catálogos da marca que nos interesa (por outra parte un amplio número de marcas ten desenrolado catálogos con formato específico para o emprego en Dialux), descargalo e logo metelo no noso programa creando unha base de datos de luminarias. 


Como o proceso en xeral parece un pouco farragoso (qué principio non o é?) teño buscado información sobre o programa, e ainda que non atopei o manual en pdf sí que descubrín uns vídeos elaborados por por Miguel Vadillo (aquí a súa canle en Youtube, con bastantes vídeos formativos de oferta moi variada) que poño de seguido por se tedes que poñervos co programiña.

1 Descarga e instalación de Dialux.


2 Descarga e instalación de catálogo Philips de luminarias.



3 Proxecto de interior. 

4 Proxecto de interior. 


5 Proxecto de interior (outro local no mesmo proxecto). 


6 Realización dunha película (paseo virtual) co resultado anterior. 


Por outra parte, dende A Coruña Daniel Rocha Crespo (aquí a súa páxina) nos aporta un pequeno titorial de traballo co programa e os arquivos do proxecto que serveu de base ao mesmo. Útil, francamente.

Tamén dende Colombia, un traballiño ou guía para o deseño de instalacións interiores efectuado polos estudantes Julián Andrés Rodríguez e Cristian Alejandro Llano. Moi interesante igualmente, se ben non podemos pasarnos de aplicar a correspondente normativa española.

Deica outra. 

sábado, 20 de abril de 2013

Catálogo visual de estradas de Galicia.

A través da páxina web da Xunta de Galicia chegamos á consellería de Medio ambiente, territorio e infraestruturas, que nos ofrece un catálogo visual de estradas de Galicia. 

Consiste o mesmo nunha base de datos que te permite percorrer visualmente as vías principais das catro provincias galegas, polo menos aquelas transferidas á Xunta de Galicia. Podes facer un percorrido completo polas estradas aparecidas, de xeito completamente visual e poidendo determinar número de carrís, ancho de calzada, peraltes, pendentes, coordenadas UTM e existencia de zanxas, beirarrúas, cunetas... onde sexa preciso trazar redes de servizos. Tamén podes contemplar o estado das infraestruturas e comprobar o trazado de curvas, situación de travesías e localización de rotondas e sinalización. As fotos aparecen coa súa data, o que te permite facer unha idea da súa actualización.

O uso non supón grande dificultade, poidendo facer o percorrido por PKs, pero tamén tes a opción de descarregar un manual en pdf na parte superior esquerda.

Como mostra o inicio do percorrido da estrada AC-404 Santa Comba-Baio. 



domingo, 14 de abril de 2013

Angulos en topografía: unidades, sistemas e introdución en formato Excel.


Como faremos algún exercicio con folla excel, na que haberá que meter datos de ángulos, e estes teñen algunha complicación con Excel, vos fago un pequeno resumo das unidades e sistemas que podemos atoparnos en medición de ángulos topográficos.  


01 Orixe de ángulos horizontais. Cadrantes.
Convén indicar, antes que nada, que a referencia angular para o CERO, en Topografía, é o eixo “y”, que marcará o Norte. Por tanto, unha vez que estacionamos e visamos para marcar un orixe de ángulos estamos marcando o eixo "y" do plano en planta. Isto corresponde coas coordenadas que logo nos aportará a estación total cando lle pidamos resultados en coordenadas. 

O senso de xiro, para ángulos positivos, é o coincidente coas agullas do reloxo. Por iso os cadrantes que se forman nos goniómetros serán os da figura da dereita:





02 Unidades de medición angular. 

2.1 Sistema centesimal (GRA na ET). De lectura inmediata, fácil manexo e interpretación de expresión decimal ou complexa. 

Porro introduciu coa súa taquimetría a división centesimal da circunferencia, que consiste en dividila en 400 partes iguais correspondéndolle a cada un deses arcos un ángulo central que é o grado centesimal. Cada grado divídese en 100 partes, sendo cada unha delas o minuto centesimal, e cada minuto divídese en 100 partes iguais, sendo cada unha delas o segundo centesimal.


Deste xeito o círculo completo ten:


2.2 Sistema sexasesimal (DEG na ET). Sistema incómodo polo xeito de operar cos resultados, temos que facer transformacións.
Se dividimos a circunferencia en 360 partes iguais, a cada un destes arcos correspóndelle un ángulo central do cal a magnitude é o grado sexaseximal. Cada grado sexaseximal divídese en 60 partes iguais, sendo cada unha delas o minuto sexaseximal e cada minuto en outras 60 partes iguais, que son o segundo sexaseximal.



Así pois, un círculo completo terá:

360º = 360 * 60 = 21.600’’ = 360 * 60 * 60 = 1.296.000’’

2.3 Sistema circular (RAD na ET).O número de radiáns que posúe un ángulo é función do arco ao radio, é dicir, é a lonxitude do arco medida co radio como unidade.


2.3 Sistema de milésimas artilleiras.



03 Equivalencia de unidades. 

A equivalencia entre as unidades centesimais, sexaseximais e radiáns queda como segue: 


04 Introdución de datos en Excel. 

Excel opera en radiáns, polo que se facemos unha folla de cálculo temos que efectuar o paso de unidades. Lembremos que os aparatos topográficos miden en sistema centesimal. Por tanto, se nunha celda temos que operar cun ángulo de sistema centesimal, o xeito de facelo será deixando na celda unha ecuación co seguinte formato: 

=G7*(SENO(C7*PI()/200))^2                     

A explicación é que Excel traballa en radiáns, polo que para traballar en sexaseximais ou centesimais hai que empregar PI

Se empregamos sexaseximais (360º) a equivalencia entre sexaseximais e radiáns é 180º = Π rad

 Se empregamos centesimais (400º) a equivalencia é de 200º = Π rad, de onde sae a fórmula anterior. 

O cal queda resumido na seguinte figura. 



Para saber máis: 


Jacinto Santamaría – Teófilo Sanz. Manual de Prácticas de topografía y cartografía. P. 50
José Antonio Pardiñas García, J.A. La estación total. P. 21 e ss.
Martín Morejón, L. Topografía y replanteos. Barcelona, 1975. P. 16 e ss. 





Levantamento topográfico con poligonal pechada e método de reiteración.

Dende Arequipa, Perú, Danny González nos aporta unha serie de catro vídeos onde nos analiza a forma de traballo para efectuar unha poligonal pechada aplicando o método de reiteración. Tras unha introdución teórica, aproveita para explicarnos o funcionamento dunha folla de cálculo elaborada por él, moi completa e que efectúa xa automáticamente conversións e compensacións. Nas descricións dos vídeos deixa ligazón a un vínculo de Mediafire onde vos podedes descargar a folla de cálculo. Se non vedes o link de descarga premedes na información do víeo "Mostrar máis " e ahí vos aparece.

Como complemento, os catro vídeos. Un visionado moi útil. 









venres, 5 de abril de 2013

domingo, 24 de marzo de 2013

Canle televisiva da UPM

Vou ter que facer un apartado específico con links ás TVs das universidades que vou localizando en Youtube. 

Desta tócalle á UPM, que xa ten uns cantos contidos entre os que destaco apartados de urbanismo e enxeñería económica. 

A canle Youtube da UPM aquí. 

E como mostra unha pequena referencia sobre a rehabilitación da cidade histórica de Santiago neste video. 


mércores, 13 de marzo de 2013

Aviso para os alumnos de 1º de Idc.

Listado dos traballos que faltan por entregar na asignatura de Trazas de Construción.

Avísase que non se recibirán máis traballos a partir do exame, a efectuar o próximo luns.

En caso de duda, contactar co profesor a través do correo ricardovar@gmail.com



Listado de alumnos.
01 Alonso Fernández, J. Falta o 4º traballo, de nivelación en 3D.
02 Araujo López, L.Todo entregado.
03 Arias Rivera, M. Todo entregado.
04 Bernardez Lusquiños, J. Ningún traballo entregado.
05 Estévez Lago, A. Ningún traballo entregado.
06 Fernández Acuña, U.Todo entregado.
07 Ferreira Correia, D. Ningún traballo entregado.
08 Gonzalez Cruces, R. Falta por entregar o traballo de triángulos. O de nivelación en 2D debe colocarse na súa carpeta.
09 Hervello Gomez, J. Falta o 4º traballo, de nivelación en 3D.
10 Morales Fernández, L. Ningún traballo entregado.
11 Mosquera Benitez, A. Falta o 4º traballo, de nivelación en 3D.
12 Peña Romero, C. Ningún traballo entregado.
13 Rivera Bermejo, J. Ningún traballo entregado.
14 Rodríguez Martínez, Y.Todo entregado.
15 Santamarina Pérez, A. Ningún traballo entregado.
16 Senra Iglesias, M. Ningún traballo entregado.
17 Silveira Vázquez, J. Faltan por entregar os traballos de triángulos e de catálogo de suministros topográficos.
18 Simón Salgado, C. Ningún traballo entregado.
19 Venero Gil, A. Falta o 4º traballo, de nivelación en 3D.



sábado, 9 de marzo de 2013

Aumentan os contidos da canle Youtube da EGAP

Bueno, parece que a apertura da información faise cada día máis amplia e xa temos á nosa disposición novos temas na canle Youtube da Escola Galega de Administración Pública. 

Rebuscando un pouquiño pola mesma podemos atopar interesantes conferencias sobre contratación pública, urbanismo, procedemento administrativo, enerxías renovables ou novas tecnoloxías.

Se ben manifesto todos os meus parabéns pola iniciativa, se ben sería de agradecer que se publicaran dun xeito máis accesibles as presentacións en formato pdf, que conforman unha documentación ben interesante, e se cadra unha organización máis sistematizada da páxina web e da canle Youtube. 


Como exemplo deixo dous videos das conferencias adicadas a novas tecnoloxías en iluminación pública e a tipificación do solo de núcleo rural. 

Deica.





domingo, 3 de marzo de 2013

UUDD da USC: ciencia e tecnoloxía en galego.

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela, colaborando co Servizo de Publicacións e Intercambio Científico xa leva algún tempo preparando unha documentación á que ben podíamos botarlle unha visual. 

A fin de promover a elaboura de Unidades Didácticas de calidade para uso docente, de promover a constitución dunha base de Unidades Didácticas que se poidan editar en diversos soportes e de contribuír ao uso do galego na actividade docente, mediante un Obradoiro de elaboración de Unidades Didácticas (no que teñen peso principal os profesores desta mesma Universidade) tense creado unha serie de temas de consulta en formato dixital dos que non podo menos que alabar a concreción e claridade dos que teño mirado ata agora e que aparte de ampliar o repositorio desta entidade case milenaria prestan gran utilidade aos que teñamos que mirar por termos similares. 

As Unidades Didácticas publicadas ata agora abranguen eidos como as ciencias experimentais, da saúde, sociais e xurídicas, ensinanzas técnicas e humanidades. Atópanse en formato pdf, con ISBN da Universidade de Santiago. Pódese acceder ás mesmas de xeito libre, estando permitida a consulta, descarga e impresión das mesmas, atopándose baixo as condicións das licenzas Creative Commons, constituíndo un novo triunfo do acceso libre. 

Aquí tendes o acceso ás UUDD publicadas ata o de agora. 

Con respecto aos meus alumnos, avisarlles que xa poden ir remirando, dentro do apartado de ensinanzas técnicas, as referidas á materia de "Deseño e construción de obras lineais" do curso 2011. 

Aparte deixo ligazón á dereita, no apartado de OCW. 

Boa semana.