sábado, 15 de marzo de 2014

Proxecto de estruturas de formigón na edificación.

Como nunca está de máis lembrarse do complicado proceso de elaboración do proxecto dunha estrutura de edificación de formigón armado, non está de máis a entrada que vos traio hoxe.

A través do OCW da Universidad Politécnica de Madrid e en concreto das publicacións da área de coñecemento de Mecánica de Medios Continuos e Teoría de Estructuras, podemos irnos á asignatura de Proyecto de Estructuras de Hormigón de Edificación e dende alí descargar dende aquí un completiño prontuario para abordar o cálculo estrutural dun edificio en formigón armado.


Ao longo das diferentes partes que podemos baixar (e que non quedan mal encanutilladas para telas a man cando hai que calcular) repasamos, sempre coas oportunas referencias á normativa hespañola (EHE 08 e CTE), os principios de predimensionamento, fórmulas de armado para sección rectangular ou en T, repaso dos estados límites, disposición de armaduras, ábacos e detalles de armado, cimentacións (aínda en modo borrador pero bastante completa) e muros. Apórtanse tamén algunhas follas de cálculo para comprobacións.



A publicación complétase cun par de manuales de CYPE e SAP2000 así como con uns cantos exercicios tamén resoltos.

En suma, un material para ter a man xunto co prontuario da EHE 08 elaborado por Zaida Rincón xa publicado hai un par de entradas.


Espero que vos sirva de algo. Saúdos.

mércores, 5 de marzo de 2014

Galpón (Grupo de Amigos de Linux de Pontevedra).

Como isto da información libre debería estar acompañado de paso dun software libre, sorprendeume agradablemente atopar nunha publicación en Google + do meu contacto Evelio Sánchez (arquitecto e pontevedrés de pro) esta páxina web do Grupo de Amigos de Linux de Pontevedra.

Na mesma páxina tes unha wiki na que relatan os seus 10 anos de historia, aportan manuais (para configurar o teu propio mini servidor web, seguridade nas redes sociais ou instalar un módem Linuxant, a verdade teñen un nivel que me supera) ou publican directamente as súas conferencias.

Os artigos que publican tampouco son moco de pavo, nin as súas actividades, entre as que estás a tempo de anotarte a día de hoxe se tes ganas de construír a túa impresora en 3D.

Outro artigo que por sí mesmo merece unha entrada e maior divulgación é a que sinala a páxina de publicacións de libre acceso da UNESCO.

Está como para perder un bó tempiño mirando na páxina, aparte que da ligazóns a outros grupos de usuarios de software libre da comunidade, como os de A Coruña, Mugardos, Ordes ou Melide.

En definitiva, unha páxina a ter moi en conta que dende hoxe tedes tamén no grupo de ligazóns á dereita no apartado de informática.  

Deica.

martes, 4 de marzo de 2014

O prontuario da EHE 08 en Excel, por Zaida Rincón.

Pois estaba a procurar algunha cousa sobre Excel e cálculo estrutural na rede vou e atópome cun traballo de fin de carreira ben xeitoso efectuado por Zaida Rincón, da Escola de Enxeñería de Edificación da Universitat Politécnica de Catalunya, subido á rede no repositorio desta última.

Para descargar, nesta ligazón.

Se o descargades comprobaredes que tedes ao alcance da man, de xeito completamente gratuíto, unha folla Excel que permite calcular e comprobar seccións de formigón armado. Ollo, seccións, que para calcular unha estrutura fan falta máis cousas e un programa completo, se ben para comprobar elementos puntuais non ven nada mal ter a ferramentiña esta.

Ten bastante semellanza, e a verdade pretende suplir, a actualización do Prontuario del hormigón armado elaborado polo Instituto Español del Cemento y sus Aplicaciones, un pequeno programiña que moitos lembramos con cariño pero que tardou en actualizarse á norma EHE 08 e que finalmente o fixo a un prezo de 10 euros por licenza, e que con todo tamén podedes descarregar aquí.

O formato é moi simple: un libro Excel no que a primeira folla fai de índice abarcando as comprobacións de seccións que cubre o prontuario.



A partir de aquí o que temos que escoller no pe de pantalla é a comprobación que queremos efectuar, irmos a ela e efectuamos a comprobación requirida.



Como de todos os xeitos sempre pode haber complicacións e poden requirirse instrucións, no mesmo enlace do principio podemos baixar unha memoria e un manual de uso en castelán, xunto cun manual de uso en inglés. Para que logo faledes dos cataláns :)

Todo o documento está baixo unha licenza Creative Commons, así que podedes empregala citando a fonte e nas mesmas condicións de licenza.

Saúdos a todos, e por suposto unha calurosa aperta a Zaida pola magnífica aportación realizada.

sábado, 1 de marzo de 2014

Casos de estudo do CTE DB HE1

A asociación nacional de fabricantes de materiais illantes Andimat publica unha serie de casos prácticos de cumprimento do CTE DB HE1, coa pretensión de axudar aos técnicos a efectuar xustificacións do cumprimento do HE1.

Para isto presenta como primeiro exercicio a simulación enerxética dun edificio plurifamiliar de 7 prantas ubicado entre medianeiras efectuando a opción simplificada do CTE 2006 e xustificando as demandas enerxéticas segundo o apartado 2.2 do HE1 do 2013.

O exercicio completo, en formato pdf, eiquí.

Saúdos.

venres, 28 de febreiro de 2014

Métodos planimétricos.

Agora que ven o antroido a ver se o alumnado de topografía lle vota unha ollada a este curioso documento titulado "Métodos planimétricos: Radiación, Itinerario, Intersección", publicado no repositorio da Universitat Politécnica de Catalunya coa autoría de Lluís Sanmiquel.

Non está demáis botarlle unha ollada, se tedes dudas as comentamos en aula ou mesmo nos comentarios desta publicación.

Tamén pode ser bastante interesante mirar a U. D. III: Métodos Topográficos, do profesor Julio Manuel de Luis Ruiz, que tamén podedes atopar no OCW da Universidade de Cantabria.

Saúdos.

domingo, 19 de xaneiro de 2014

Multa de 100.000 euros por chalet.

A día de hoxe vemos nesta nova publicada no diario La Voz de Galicia que a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) multa con 400.000 euros aos propietarios-promotores de catro chalets en Fisterra.

Simplemente destacaría do texto que, se ben o Concello afirma ter dictado orde de paralización das obras, estas atopábanse en solo clasificado como rústico, polo que os expedientes de reposición da legalidade parecen ter pasado a ser xestionados pola APLU.

sábado, 11 de xaneiro de 2014

Arquitecto Técnico en Inglaterra.

Como a cousa está que arde, hai que mirar novas vías e por hoxe vos traio un destiño nada desdeñable, o Reino Unido, e concretamente no sector da construcción.

O pasado mércores pola noite tivemos unha videoconferencia no Colexio de A Coruña onde se nos explicaron algunhas novas referentes á profesión, entre elas a posibilidade de colexiarnos directamente en Inglaterra co título de Enxeñería da Edificación. Como o tema parece interesante e ten bastante miga estou todavía en proceso de buscar información e referencias ao respecto para publicala noutra entrada máis estructurada, pero que saibades que a posibilidade ten visos de concretarse.

En todo caso e para ir abrindo boca o que me teño encontrado é esta entrada elaborada polo compañeiro Javier Aisa e publicada no blogue de Enrique Alario, na que xa nos explican un pouquiño que Inglaterra pode ser un destiño polo menos case tan apetecible como nos están poñendo Alemania hoxe en día.

Un dos temas interesantes é o alto grao de especialización e organización que atopamos na industria británica na construción. Do que teño mirado ata o momento podemos destacar que dentro do sector construtivo inglés un arquitecto técnico pode desenrolar a súa profesión en ata 32 especializacións (pathways) distintas, polo que cunha certa práctica laboral poderíamos encontrar camiños por onde tirar. Cabe engadir que se en España enteira somos negados para os idiomas no Reino Unido a situación é moito pior: non falan máis que o inglés, o que está limitando a expansión en Latinoamérica de constructoras inglesas, que se interesan por técnicos castelánfalantes aos que pagan soldos bastante aceptables.

A ver se entre este mes e o seguinte vos poño información máis completa.

Saúdos.

venres, 20 de decembro de 2013

ETICS: Illar os edificios cambiando a súa pel polo exterior.

Logo teríamos que buscarlle un nome non anglosaxón para o sistema ETICS (External Thermal Insulation Composite Systems with Rendering), pero polo momento é como se lle coñece á técnica de incrementar a inercia térmica da envolvente do edificio mediante a aplicación de illamento polo exterior sen destrución de fachada. Podemos irnos facendo cargo que a técnica ten moitas posibilidades se ben dúas vantaxes sobresaen da mesma: con ela eliminamos por completo as pontes térmicas e podemos facer unha rehabilitación destiñada a mellorar a eficiencia enerxética dun edificio sen perda de superficie útil nin desaloxo dos ocupantes, dun xeito relativamente pouco agresivo. 

Sistema: 

Os ETICS consisten nun illamento térmico polo exterior, conformados por un panel illante prefabricado adherido á envolvente do edificio, mediante adhesivo e fixación mecánica. 

O illamento queda protexido mediante unha ou varias capas de morteiro, unha das cales leva unha malla como reforzo. O revestimento aplícase diretamente sobre o illante, sen cámara de aire. 



Vantaxes técnicas do sistema: 

1 Os ETICS aplícanse de xeito contínuo por toda a fachada, de xeito que o seu emprego evita a formación das pontes térmicas habituais en pilares de fachada, encontros fachada-forxado e dintel e peana de ocos. 

2 Redución das oscilacións térmicas en fachadas, o que repercute nunha diminución das fisuras provocadas en fachada polos continuos cambios climáticos. 

3 Mellora sensible do comportamento da fachada ante a penetración de auga. 


Compoñentes do sistema: 



1 Placas illantes: a máis empregada é a placa de poliestireno expandido EPS con densidade de 20 kg/m3 e espesores de 40, 50, 60 e 80 mm, con marcado CE según UNE EN 13163. Son válidas tamén as placas de poliestireno extruído XPS con marcado CE según UNE EN 13164 e as placas de lá mineral con marcado CE según UNE EN 13162. 


2 Ancoraxe mecánica: ancoraxe plástica de polipropileno con aditivos. Debe escollerse a súa lonxitude en función do espesor da placa de illamento a fin de que a atravesen por completo ata o soporte, cunha profundidade de ancoraxe mínima de 40 mm. Os tamaños comúns atópanse entre 90 e 120 mm. Dispoñen de marcado CE segundo guía DITE 014. Cada casa subministradora fai indicacións do xeito de colocación e número de ancoraxes precisos. 




3 Morteiro adhesivo: de base cementosa, con áridos, adhesivos e resinas, queda listo para o seu emprego unha vez mesturado con auga. Por toda a cara adherida, preferentemente percorrendo o borde e aplicando pegotes no centro. 



4 Morteiro de capa base: aplicado directamente sobre as placas de illamento para reforzo da superficie, con llana ou máquina de proxectar cun espesor aproximado de 2 mm. Aplicarase en dúas capas, e ao rematar a primeira colocarase a malla de reforzo. 

5 Malla de reforzo: armadura de fibra de vidro con misión estabilizante fronte a variacións térmicas e resistencias mecánicas. Existen dous tipos: malla normal para as partes altas do edificio (con peso de 130-200 g/m2) e malla reforzada (con peso de 735 g/m2) para zonas onde exista maior risco de impactos: zócalos, tramos inferiores de fachada, cantos de ocos ou alféizares, etc.Con solapes de 10 cm e nas aristas dando unha volta de 25 cm, e colocada a 45º en esquiñas de ocos. 
Colocarase sobre a primeira capa de morteiro mentres está fresca facendo presión para que quede embebida, e tras o secado da primeira capa de morteiro botarase unha segunda que cubrirá completamente a malla de fibra de vidro. Tras aplicar a segunda capa e esperar un pouco se pasará por todo o enfoscado unha esponxa ou fratás, deixando a superficie o máis lisa posible. 




6 Perfís: de aluminio para aportar resistencia mecánica. En forma de U para a liña máis inferior do revestimento e en esquiñeiro para reforzo das placas en encontros. 




7 Imprimación: aplicada 24 horas da segunda capa de morteiro aplícase unha imprimación de fondeo con brocha ou rodillo para igualar e como ponte antes do acabado final. 



8 Capa de acabado: mediante proxección, fratasado, raiado, talochado ou directo. como remate final.  

Beneficios: 

Múltiples. Comezan por un importante aforro enerxético, un aumento da inercia térmica do edificio que favorece tanto en estación cálida como fría, aforro económico para o propietario e un nada desdeñable incremento do período de vida da fachada. 

Como sempre hai que saber algo máis, vos deixo as referencias web de onde tirei a información. Saúdos. 


http://www.anfapa.com/pdfs/etics.pdf#page=2

http://www.anfapa.com/pdfs/articulos_etics5.pdf

http://www.arquisolux.com/herramienta.php/es/40

http://www.topox.es/media/pdf/esp/Aislamiento_por_el_Exterior_TOPOX.pdf

http://www.basf.es/ecp1/Spain/es_ES/function/conversions:/publish/upload/02_Products_Industries/02_Solutions/SM10MAD-Final

http://basf.xeradordeprezos.info/basf_ob_heck_mad/index.html

http://www.sate-etics.com/

http://www.interempresas.net/Logistica/Articulos/42811-Sistemas-ETICS-una-nueva-piel-para-los-edificios.html


Primeira sanción por falsear unha certificación enerxética.

Nesta nova publicada no diario El Mundo observamos que un técnico, do que non se recolle a titulación, foi multado pola comunidade de Madrid por falsear unha certificación enerxética. 

Debemos prestar atención ao feito de que o técnico asinou unha cualificación enerxética A, cando a vivenda correspondíalle unha clase C. 

Ao parecer, a Comunidade está efectuando labouras de vixiancia das certificacións expedidas, centrándose nas que obteñen cualificación A ou B. 

O importe da sanción foi de 4.000 euros. Cabe recordar que os seguros de responsabilidade civil normalmente non inclúen o abono de multas.  

Coidadiño e saúdos. 

martes, 26 de novembro de 2013

Nivelación topográfica para principiantes.

Paseando por Internet atópome esta monografía de topografía para principiantes, enviada por Jesús Murillo.

Como nunca está de máis repasalo para os que a demos nin mirala para o meu alumnado, ahí vos queda.

Ah, xa que estamos co asunto da topografía tamén unha presentación en Slideshare de Carlos Pajuelo sobre procedementos de control topográfico en estradas.

Saúdos.