martes, 18 de agosto de 2015

Normativas e guías internacionais de estruturas en Estructurando.

Como esto da información libre está cada vez máis aberto, pois vos guindo esta entrada publicada no blog amigo Estructurando na que publican en xeito de descarga libre normativas e guías de referencia no cálculo de estruturas na frioleira de 25 países distintos, fundamentalmente do eido latinoamericano. 

A documentación e normativas aportadas refírense tanto a deseño como a accións e conservación de estruturas, e abarcan tanto formigón como metálicas, mixtas, madeira e solos.

Vouna guindar tamén na páxina de Documentación básica de consulta xa que todo este material pode facer falta en calquera intre a calquera de nós (esto da deslocalización afecta cada vez máis) e francamente paréceme un magnífico aporte, especialmente tendo en conta que a descarga é libre. 

Espero que vos sirva de algo. Saúdos.  

domingo, 16 de agosto de 2015

Tese: Influencia de las NN.TT. en el docente universitario de topografía : estudio de casos.

Xa tiña visto por ahí a páxina do profesor Manuel José León Bonillo, da Universidade de Sevilla, e chamárame bastante a atención a cantidade de recursos, moi adecuada para calquera estudante de topografía. 

En todo caso chamoume tamén a atención ver casualmente a súa tese doctoral sobre o uso de novas tecnoloxías no ensino da topografía, publicado no repositorio da Universidad de Huelva. 

Sendo un documento bastante amplo e acabo de velo, simplemente o deixo ahí, se vos animades a comentalo poderíamos debatir sobre él. 

Saúdos. 

martes, 11 de agosto de 2015

activATIE: unha nova rede social para arquitectos técnicos.

Case de casualidade atopeime con esta páxina que se define a si mesma como unha rede social enfocada a Arquitectos Técnicos e Enxeñeiros de Edificación (aínda non sei se tal título, grao ou o que sexa vale para algo) que pretende ofrecer mediante o emprego das novas tecnoloxías servizos aos colexiados mediante a creación dunha rede de Colexios profesionais. Ao respecto gustaríame puntualizar que como colexiado nos colexios de A Coruña e Madrid teño acceso a ofertas e documentación de ambos colexios, xunto coa bolsa de traballo de ambos: como non estou colexiado nin en Lugo nin en Ourense nin en Pontevedra, curiosamente non podo acceder a ofertas laborais nin documentación de ningunha clase nestes colexios aos que non pertenzo, o que me provoca sentimentos encontrados. Ao respecto non me parecía unha mala nova a posible fusión de todos os colexios provinciais galegos nunha soa circunscripción autonómica, francamente. 

Pois ben, nesta páxina, que aínda parece estar arrincando, polo pronto ofrécese un servizo de formación on-line acreditado colexialmente, un catálogo de materiais proposto por fabricantes, foro de especialistas con asesoramento técnico, xunto coa posibilidade de promocionar a túa actividade e algunha cousiña máis. Enlazo video de presentación. 



De momento vos aviso que xa me rexistrei, proceso creo que un pouco latoso pero non demasiado, e que de momento si que teño visto algunhas cousas interesantes no catálogo de publicacións, que podedes descargar sen problemas. Entre elas unha guía da baldosa cerámica, videos sobre xestión de mantemento de edificio e diferentes manuais. Aparece tamén algunha documentación propia de outros colexios, o que sinceiramente é de agradecer tal detalle.  

Se cadra o que voto máis de menos é o acceso á área de ofertas de traballo, xa que para acceder ás ofertas especifícase que debes ser un usuario colexiado, pero polo que parece colexiado nun dos dez colexios oficiais que aparecen ao pe de páxina e entre os que non se atopan nin A Coruña nin Madrid. Teño solicitado información ao respceto, pero acabo de facelo e non sei cando me contestarán, espero que non se tarde. 

Podería ter futuro isto, esperemos que non se malogre e que sexa ben xestionado. 

Saúdos a todos. 

sábado, 11 de xullo de 2015

Replanteo (non topográfico) dun edificio.

Xa cos planos en fase final e concedida a licencia de edificación, o primeiro que temos que facer para continuar unha obra é trasladar as medidas do edificio dende o plano á realidade, nun proceso denominado "replanteo", que, como é lóxico, debe levarse con todo coidado. Ao respecto cabe engadir que cando a edificación a realizar ten certa entidade, e en todo caso sempre que se trate de obra civil, tal operación lévaa a cabo un topógrafo designado pola construtora, que tamén é supervisado pola dirección facultativa. Pero en edificación de obras de escasa entidade construtiva é habitual que tal operación sexa realizada polo encargado de obra tras un estudo dos planos e mediante ferramentas típicas do oficio (sedenla, escantillón, nivel de auga, cal e chumbadas). Por suposto que este xeito de traballo non é válido para obras liñais ou que requiran alta precisión, nas que é imprescindible o auxilio do topógrafo. 

Cabe engadir que este proceso é moi pouco atendido na literatura técnica en castelán que teño manexado. Pola contra sí que teño atopado estudos e publicacións moi completas sobre esta fase de preparación de obra en libros franceses, especialmente o título "Implantation des maisons et branchements", de Henri Renaud, do que engado un pequeno gráfico de seguido. 



Como podemos advertir no debuxo anterior, o plano feito representa o terreo, a orientación xeográfica, escala, elementos existentes naturais ou artificiais, redes de servizos, accesos, altimetría e límites do soar xunto coas distancias a lindeiros, edificacións veciñas e eixo da vía de acceso. 

Especialmente os últimos tres puntos teñen gran importancia incluso en vivendas pequenas, xa que o artigo 217.3.a) da vixente lei 9/2002 de Ordenación Urbanística de Galicia define como infraccións graves as seguintes: 

"As accións e omisións que constitúan incumprimento das normas relativas a parcelacións, aproveitamento urbanístico, uso do solo, altura e número de plantas, superficie e volume máximo edificables, situación das edificacións, distancias mínimas de separación a lindes e outros elementos e ocupación permitida da superficie das parcelas ou de habitabilidade das vivendas, cando non teñan o carácter de moi graves." 

Por outra parte se implantamos unha nova vivenda unifamiliar, é case seguro que o PXOUM vixente a ubicará nunha zona de ordenanza de vivenda unifamiliar que marcará as distancias a lindeiros e eixos de vía das novas edificacións. Se estamos a seguir un Plan Parcial, no mesmo virán as condicións de edificación das fincas, onde virán especificados os espazos a ser ocupados polas edificacións, máis ou menos como temos no seguinte debuxo extraído da mesma obra citada anteirormente, onde se reflexa unha urbanización de vivendas familiares illadas. 



Ao respecto cabe engadir aquí a diferenciación entre dous documentos que poden vir en proxecto: o replanteo do proxecto, que consiste en comprobar a realidade xeométrica da obra e a dispoñibilidade dos terreos previamente á tramitación do expediente de obra (Ley 30/2007 de Contratos del Sector Público, art. 110) e a acta de comprobación de replanteo (Ley 30/2007 artigo 212) que consiste na comprobación do replanteo feito previamente á licitación, no prazo dun mes dende a formalización do contrato. En todo caso hai que lerse tamén a Ley 38/99 de Ordenación de la Edificación, que indica cales son os asinantes da acta de comprobación de replanteo. Estes documentos non teñen valor técnico senon xurídico indicando que a obra pode empezarse, polo que non están involucrados nas operacións que logo se describen, e ademáis son de aplicación ás obras promovidas por administracións públicas, se ben crin convinte marcalos aquí a fin de evitar confusións co tema. Ao final poño tamén un modelo de acta de replanteo a cubrir para obra privada conforme aos artigos da LOE.  

Lóxicamente farémonos cargo que vale a pena adicarlle un tempiño de estudo aos datos de implantación a fin de ubicar a nova edificación alí onde a permite a licenza de edificación, co que evitaremos a posteriori problemas moi serios que poden impricar mesmo a orde de derruba do novo edificio se éste sobrepasa os lindeiros marcados pola ordeación urbana. 




Para efectuar o replanteo da obra o encargado comeza por marcar liñas de eixes ou de bordo de piares e muros. Para manter estas liñas materializadas en calquera intre coloca escantillóns nos que se marca o paso destas liñas mediante un cravo no que poden atarse os fíos ou ben mediante unha marca de lápis. Na seguinte imaxe observamos dous escantillóns marcando as aliñacións exteriores dun muro no seu encontro en esquiña: ao pasar fíos polas mesmas e mantelas tensas materialízase o encontro dos dous muros e cunha chumbada podemos ubicar exactamente a posición da esquiña. En calquera momento podemos retirar os fíos para traballar e en caso de duda poñelos de novo para localizar novamente a esquiña. Obsérvese que os escantillóns deben estar nivelados á mesma cota (preferentemente entre 30 e 50 cm por enriba da cota de explanación), obtendo un plano horizontal de referencia que cubre a obra toda e que permite localizar sen problemas o encontro dos fíos e determinar con claridade a esquiña. A seguinte imaxe pertence ao libro "Lecciones de topografía e replanteos" reseñado ao final na bibliografía. 


Na seguinte ilustración obtida da mesma publicación observamos o perímetro exterior dun edificio con soto materializado mediante escantillóns e fíos. Obsérvese que tras materializar o bordo exterior do muro de soto (marcado a trazos) procedeuse a efectuar a excavación do soto deixando noiros para impedir o desplome do terreo, e que unha vez feito este traballo procédese a colocar novamente os fíos para marcar a posición do encofrado exterior e poder colocalo previamente ao verquido de formigón. 


Agora ben, incluso estas operacións deben levarse con coidado e oficio. Ao respecto téñome atopado uns vídeos elaborados polo profesor Luis Blázquez, da EUAT da Universidad de Sevilla no ano 1992 onde reflexa con bastante agarimo este proceso, levado a cabo dun xeito completamente profesional. Guindoos de seguido para que os miredes con atención, paga a pena. 


No primeiro observamos as fases iniciais: comprobación ocular do soar (comprobar que non se aparta das previsións de proxecto) e confección (se non a elaborou o proxectista, cousa altamente recomendable) dun plano de replanteo en base ás medidas de proxecto. Trazado das aliñacións de fachada e comprobación da ortogonalidade coa regra dos múltiplos de 3-4-5 xa explicada nesta outra entrada, e comprobación das edificacións colindantes. 


Planos a consultar antes de poñer as medidas definitivas e elaboración de plano base de replanteo. Ferrramentas. 


Materialización e comprobación das aliñacións e escuadrías. Colocación de escantillóns. Situación de eixos de piares. 


Materialización das medidas con xeso. Sinalización de zapatas e eixos de piares. 


Outro xeito de representar esta operación é o ofrecido polo arquitecto arxentino Martín Bonari, que ten unha interesante canle de Youtube. O primeiro vídeo nos indica cómo efectuar un plano de replanteo e o segundo cómo materializar o replanteo en obra. 




Aquí a colocación dos escantillóns ou camillas. 




E como o saber nunca está de máis vos colgo tamén unha práctica de replanteo elaborada por alumnos dunha escola latinoamericana onde resumen o proceso dun xeito máis curto e sinxelo. 



Bibliografía: 

Lecciones de topografía y replanteos. Antonio Miguel González Cabezas. 5ª edición. Editorial Club Universitario. Alicante, 2008. 

Replanteo de obras de edificación. Jordi Crespell i Serra. Tornapunta ediciones. Madrid, 2012. 

Topografía de obras. Ignacio de Corral Manuel de Villena. Alfaomega grupo editor, S.A. de C.V. México, 2000.

Implantation des maisons et branchements. Henri Renaud. Éditions Eyrolles, Paris 2006. 



Lexislación: 






Webgrafía: 







Deica. 

luns, 18 de maio de 2015

Curso de Autocad Civil 3D.

Vos paso o seguinte cursiño sobre operacións básicas con CIVL 3D versión 2015. 













Deica. 

martes, 17 de marzo de 2015

Algúns requerimentos básicos para traballar na construción no Reino Unido.




Se queres traballar no UK terás que obter a tarxetaCSCS, de obrigatoria presentación para todo aquel que traballe en obra no país. Esta tarxeta asegura que o seu portador ten a formación e cualificación requiridas para o seu posto de traballo. Para obtela é preciso que o traballador aprobe o exame pertinente de Seguridade, Saúde e Medio Ambiente. Para preparar o exame podes comprarte un libro ou DVD co temario (que tamén pode vir en castelán e que pode localizarse nas bibliotecas públicas do Reino Unido), o exame consistirá en 200 preguntas das que hai que responder acertadamente 180. Agora ben, cando se reserva cita para o exame pode solicitarse efectuar o exame en castelán, pero ten que ser cando se efectúa a reserva ou do contrario non poderás pedilo. 







Esta tarxeta ven en distintas cores en función da cualificación profesional do traballador. A un peón correspóndelle a verde, que ten unha validez de 5 anos tras os cales debe ser renovada facendo o exame de novo. A un albanel con experiencia que pretende seguir formándose correspóndelle a vermella, e tras pasar máis tempo e exames podes optar a tomar a tarxeta azul, que corresponde a un operario cualificado.


Máis información aquí e aquí.

E a páxina oficial para quitarse a tarxeta aquí. 

E un pequeno vídeo con subtítulos como mostra de cómo funciona esto da construcción no UK. 



luns, 16 de febreiro de 2015

A editorial da fundación ONCE: deseño e normativa de accesibilidade para descarga libre.

Sen dúbida unha sociedade avanzada caracterízase pola atención que presta ás persoas con dificultades para levar a cabo un xeito de vida estándar. Ao respecto a simple existencia dun organismo como a ONCE é unha boa nova para calquera país, e no estado español temos a fortuna de contar coa fundación ONCE, que facilitou a inserción laboral de miles de persoas con discapacidade, non somentes visual senon tamén física ou mental.  



Nun intre no que as esixencias da normativa sobre a edificación son cada vez maiores, e non se pode obviar o deseño integrador que permita o acceso e circulación en edificios ou espazos públicos e privados a persoas con diferentes graos de discapacidade (o que por suposto implica un desenrolo non só no sector da edificación senon tamén no do urbanismo e a mobilidade urbana), é moi de agradecer a labor de divulgación que tamén realiza a fundación ONCE a través desta ligazón onde recolle diferentes traballos que tratan de recoller e analisar a normativa e as boas prácticas de deseño aplicadas á accesibilidade.



A documentación con recomendacións para mobilidade elaborada pola ONCE está disposta para a súa descarga nesta ligazón, na que podemos efectuar unha busca por ano de publicación, tipo de discapacidade e data do documento.





Sendo bastante ampla a documentación a revisar, e estando este blogue adicado fundamentalmente a edificación e obra civil, polo menos poderíamos destacar, pola súa importancia para o deseñador e controlador de obra, as seguintes publicacións:

Manual de accesibilidad para técnicos municipales. 

Bares y restaurantes accesibles para todas las personas. 









Con todo, se procurades un pouquiño na mesma ligazón atoparedes máis publicacións de descarga gratuíta para o voso emprego.

Webgrafia: 








Esperando que sexa útil, recibide un saúdo. 



domingo, 15 de febreiro de 2015

Un aparejador in the UK.


Como esto cada día está máis complicado, a saída cara Inglaterra é unha opción a considerar. Pois trasteando en Youtube téñome atopado esta canle na que un arquitecto técnico nos fala das súas experiencias no Reino Unido. Como supoño que é recomendable aquí vola deixo, a ver se vos serve de algo. 


Saúdos. 

domingo, 8 de febreiro de 2015

A aplicación Control de Edificaciones.

Dende a fundación MUSAAT chega unha nova aplicación para dispositivos de telefonía móbil que axuda aos técnicos a abordar a labor de documentar correctamente a complicada tarefa de documentar o control de execución dunha obra. 

Dado que hoxe en día todos dispoñemos de teléfono móbil e moitos de tablets, resulta unha pena non aproveitar as capacidades destes aparatos para tomar fotografías, efectuar grabacións e almacenar información. 

Calquera persoa pode descarregarse tanto dende a app store de Apple para iPhones e iPads como dende Google Play para dispositivos Android en xeito de avaliación, ou edición limitada. Para obter a versión completa, quenes somos mutualistas de MUSAAT temos simplemente que introducir o correo e contraseña de rexistro privado en MUSAAT. Quenes non sexan mutualistas poden adquirir a versión completa a un prezo de 29,99 euros. 

A fin de empregala como unha ferramenta sinxela de doado emprego en obra, ten apenas un menú con tres opcións fundamentais: 

1 Base de datos edificación. 

Incorpora unha base de datos de puntos de control ordeada por capítulos e subcapítulos. Dado que esta base de datos está baseada na normativa e na experiencia dos autores non ten por qué coincidir cos criterios do usuario, de xeito que fíxose como editable e ampliable polo usuario. 



2 Xestión de obras. 

Permite crear un número ilimitado de obras. Para cada unha delas hai que aportar unha información mínima de nome e emprazamento, xunto cun cadro de texto onde podemos introducir outros datos como responsable de obra ou teléfonos. Creada a obra, accedemos a ela e podemos crear os puntos de control da base de datos.

Para cada punto de control pódense introducir un número ilimitado de checks (visitas) nos que deixamos constancia da data de visita, poidendo agregar comentarios, fotos e gravacións. Tamén podemos marcar un sinal de advertencia cando un control foi desfavorable (triángulo bermello) para sinalar unha revisión posterior. 





2 Informes. 

Pódese crear un informe con tódolos controles efectuados nunha obra, incluíndo notas, gravacións de voz e por suposto fotos. O informe xenérase en formato html e pode enviarse a contactos da axenda. Cabe a posibilidade de efectuar informes parciais de subcapítulos ou capítulos de obra. 



Con respecto aos puntos de control, almacénanse no servidor de MUSAAT, se ben todo usuario de versión completa pode vencellala a unha conta Dropbox, onde se gardarían tódalas fotos tomadas en obra. 


Webgrafía: 




Nova no COAAT de Cantabria. 

Espero que vos sexa útil. Deica. 

sábado, 10 de xaneiro de 2015

Deseño dunha presa en Autocad Civil 3D 2013.

Vos adxunto o seguinte video feito polo compañeiro Israel Rodríguez Fernández. Aproveito para sinalar que da súa canle Youtube xa teño posto un par de entradas, esta e máis esta. 



No mesmo poderedes contemplar paso por paso a creación dunha presa empregando Civil 3D, neste caso a versión do 2013.

Ademáis, se mirades no primeiro comentario, podedes descargar pola súa cortesía, os arquivos de nivel e perfís da presa.

O autor tamén ten unha interesante lista de reprodución con outros 16 vídeos onde nos explica detalladamente o proceso de elaboración dunha obra liñal con Civil 3D. Para velo, aquí.

Como esto do Autocad Civil 3D 2015 ten para rato, aproveito para deixarvos a lista de reprodución do curso de Autocad Civil 3D 2015 de Whykons en Youtube, cunha serie de 15 capítulos onde nos detalla os procesos de traballo con esta ferramenta, que ofrece tantas posibilidades como esixe coñecemento na súa aplicación. Non deixa de ser recomendable ver a súa canle Youtube onde ofrece cursos de Revit, Sketchup e Office.

A verdade está complicado atopar cursos ou manuais completos e de acceso libre para Civil 3D, de todos os xeitos aquí vos queda outro en Youtube aplicado á versión 2013, e bastante enfocado á topografía.

Webgrafía sobre presas:

Manual de diseño y construcción de pequeñas presas. Uruguay.


Presas. Blog procedimientos en construcción. UPV.

Presas. OCW USAL.

Comité Nacional Español de Grandes Presas. 

Wikiwater: construcción de pequeñas presas superficiales. 


Ana Isabel López Archilla: Ecología y gestión de los sistemas acuáticos continentales (Máster en ecología UAM).

Francisco Sacristán-Mª Gabriela Mañueco: síntesis de la actividad de construcción de presas en España. Artículo revista Hispagua.  

E outra páxina que non está mal se andades con Civil3D é Tutoriales al día Civil 3D. 

Deica logo. 


xoves, 8 de xaneiro de 2015

Je suis Charlie.



http://afficherlasuite.com/2015/01/08/20-reponses-en-cartoon-dechirantes-a-la-tragedie-de-charlie-hebdo/