martes, 26 de novembro de 2013

Nivelación topográfica para principiantes.

Paseando por Internet atópome esta monografía de topografía para principiantes, enviada por Jesús Murillo.

Como nunca está de máis repasalo para os que a demos nin mirala para o meu alumnado, ahí vos queda.

Ah, xa que estamos co asunto da topografía tamén unha presentación en Slideshare de Carlos Pajuelo sobre procedementos de control topográfico en estradas.

Saúdos.

xoves, 21 de novembro de 2013

Tarifas mínimas... para o sector público.

Canto máis penso no que foi a eliminación por parte do goberno das tarifas mínimas colexiais a aplicar a encargos efectuados polos colexios profesionais máis penso que foi unha medida apresurada que non tivo en conta o efecto tan coñecido pola administración de "baixa temeraria", e que entendo que trouxo graves problemas de ausencia de calidade no sector da edificación.

Agora ben, agora resulta que hai que facer certificacións de EE nos edificios e hoxe o Ministerio de Hacienda publica unha resolución pola cal autoriza unhas tarifas mínimas a cobrar pola Sociedad Estatal de Gestión del Patrimonio SEGIPSA, que cobrará uns mínimos bastante ben especificados pola administración, é dicir, por ela mesma.

Os de a pé seguiremos a ser paganos.

sábado, 16 de novembro de 2013

Máis, moitísimo máis sobre os MOOCs.

Despois da primeira, a segunda e a terceira, esta sería a cuarta entrada que facemos neste blogue sobre os MOOC. Aínda que non dubido que o interese que os mesmos producen xustifica sobradamente tal atención.

De todos os xeitos podemos facer un rápido repasiño sobre os mesmos: o termo MOOC, ou Curso Aberto Masivo Online, comezouse a empregar en data tan recente como o ano 2008 por David Cormier, quen facía labouras de comunicación web e innovación na Universidade de Prince Edward Island.

Os MOOC son cursos universitarios aproveitables por calquera persoa en calquera parte do mundo sen custe algún. Non se reciben créditos por eles, pero algúns permiten a obtención dun certificado de aproveitamento. Os cursos abarcan gran cantidade de materias e son deseñados por primeiras figuras nos campos abarcados. Moitos están en inglés, ainda que non todos e procurando un pouquiño localízalos en castelán.

Posiblemente o máis coñecido é Coursera. Segundo se pode obter da rede, ten arredor de 17.000.000 de matrículas de estudantes de 190 países, acadando 240.000 matriculados nun só curso. Oferta uns 400 cursos en máis de 20 categorías, disponibles en 12 idiomas diferentes.

Edx oferta MOOCs e aulas interactivas on line en materias como dereito, ciencia, enxeñería, ciencias sociais, informática, saúde e intelixencia artificial.

MIT de Massachussets publica de xeito gratuíto a maioría das materias impartidas nas súas aulas, ofertando máis de 2.000 cursos.

Stanford posúe tamén cursos en aberto, que ao igual que no caso do MIT son boas opcións se o que pretendes é seguir ao teu propio ritmo.

Dende Europa, en Alemaña Iversity oferta cursos en inglés e alemán que entraron na rede o pasado mes de outubro. Future Learn é subsidiaria da British Open University, e se prevé que os seus cursos estean en liña este mes de novembro.

Para aprender linguas Duolingo ofrece ensinanzas gratuítas en idiomas. Con respecto a programación Code Academy oferta leccións libres e interactivas.

Con respecto a Open Culture, pois que é unha páxina á que lle teño moita simpatía xa que ten precisamente o espíritu de paseandopolanube: o seu editor localiza na web cursos, películas, documentais e videos libres, albergándoos no seu site. Os cursos son de audio e video, podendo descarregarse no PC ou para lectores mp3.

Agora ben, se do que tedes ganas é de curiosear máis aínda xa vos deixo á vosa disposición unha listaxe moitísimo máis ampla en http://www.mooc-list.com/

Que pasedes un bó anaco con isto, tedes material para facelo!



domingo, 10 de novembro de 2013