venres, 28 de marzo de 2014

Execución de obra civil e infografía: as canles de Voxelstudio e Proin3d.

Pois estaba buscando por Youtube algún video para ilustrar a execución dun emisario submarino e vou e atópome de novo cos videos de Voxel Studios e de Proin3d, empresas de producións audiovisuais e infografía que tamén teñen as súas propias canles de Youtube (aquí e aquí) onde mostran as súas creacións.

Con respecto ás mesmas, puntualizaría un detalle importante: non somente se centran nunha simple maqueta virtual de obras (cousa que por outra parte non estaría nada mal) senon que fan un cubrimento completo de importantes obras efectuadas por diversas construtoras detallando un dos aspectos máis importantes para o técnico medio: o proceso de execución das mesmas. Intentarei explicarme de seguido, en especial para os estudantes.



A imaxe que teño posta enriba é a da ponte atirantada de Talavera de la Reina, sobre o río Tajo. O seu diseño radical non foi gratuíto, xa que responde á necesidade de minimizar impacto ambiental non incluíndo pilas no río, e de paso aportando gran fermosura á entrada da cidade. Ata aquí todo ben para os neófitos, pero en especial cando se empeza na enxeñería hai que pensar que unha estrutura semellante, por moi ben que luza sobre o papel, require ser executada, e o proceso de execución pode ser tan complicado, innovador e rupturista como o propio deseño do elemento, por non falar que tal proceso debe ser levado a cabo cun custe lóxico e asumible. Do contrario mellor non empezala.

Ocorre con isto que, se ben eu son técnico en execución de obras, debe ser o aspecto da execución o menos contemplado nos temarios lectivos, motivo polo cal se lle esixe a un xefe de obra unha práctica mínima de tres anos laborais para que poida asumir en solitario obras algo complicadas, experiencia que debe ser adquirida a título persoal polo egresado. Estes mesmos problemas existen na formación profesional e son difícilmente solventables, asi que explicacións como as seguintes parecenme de todo punto pertinentes para os estudantes.

Pois ben, as dúas empresas citadas poñen de xeito libre os seus traballos infográficos na rede, de xeito que contemplándoos podemos facernos cargo dos procesos de execución, que aparecen bastante pormenorizados. Os videos non son unha simple maqueta virtual, senon un seguimento virtual da elaboración da obra, que se cadra nun día non tan lonxano terá que ser incorporado á documentación de obra final, como xa se fai cos planos "as built". Detalla a seguinte presentación o proceso de cimentación, a elaboración do piloño cos seus apoios, execución do taboeiro e remate final de mirador.


E como precisamente estábamos en aulas cos procesos de saneamento de poboacións, e moi concretamente coa situación do saneamento da ría de Vigo (unha paradisíaca ría que recibe os verquidos de cousa de 500.000 habitantes e na que se realizan actividades de cultivo mariño), pois podemos exemplarizalo co video de Voxelstudios sobre a nova EDAR de Vigo, ainda que este video é bastante descriptivo no referente ao resultado e non ao proceso construtivo.



E sen saírnos do saneamento da ría de Vigo, aquí temos outra infografía, esta vez elaborada por Proin3d, na que analisa con moito detalle todo o proceso de execución do emisario que transporta os efluentes da anterior EDAR ata o centro da ría.


Outras obras simpáticas de ver son a segunda fase da ampliación do peirao de Camariñas, o palacio Multiusos de Gran Canaria, a autovía Iznalloz-Darro ou o porto brasileiro de Açu.

Únicamente poñería como crítica que Voxelstudios fai comentarios das infografías cunha voz en off que puntualiza sobre as imaxes que estamos a ver, cousa que non é tan común nos videos de Proin3d, polo que, se ben estes poden ser comprendidos por aquel que teña unhas nocións básicas de obra civil, poden ser un pouco menos entendibles polos novatos.

En todo caso paréceme un material magnífico, moi ben elaborado e digno tanto de ser visto por estudantes en casa (e non me sinto máis que un eterno estudante, por certo) como de ser posto polo profesor na aula.

Espero que os disfrutedes, se ben non son máis que uns exemplos e tedes bastantes videos máis nas canles Youtube destas dúas empresas, das que vos repito ligazón:

Voxelstudios. 

Proin3d. 


E como sempre acaba aparecendo algo máis tendes aquí esta outra empresa: GEDESPRO3D 

Deica.

luns, 17 de marzo de 2014

Transformando arquivos PDF en DWG de Autocad.

Se cadra algún de vos pegou un arquivo pdf en Autocad para despois literalmente calcar o resultado e crear un dwg como o pdf de orixe. Tranquilos que eu tamén pringuei con iso.

Afortunadamente podemos descargarnos un programa gratuíto e de código aberto chamado Inkscape que permítenos pasar de pdf a dxf para despois abrir en Autocad como un dwg editable máis.

Non é moi perfecto xa que os sombreados quedan como liñas soltas ao igual que moitas entidades, pero axuda bastante se o que pretendes é pasar rápidamente ou editar un arquivo do que non dispoñes copia en dwg senon en pdf.

E como unha imaxe vale máis que mil palabras vos deixo un video dos que podedes encontrar na interesante canle Youtube de Autocad: Tutoriales, tips y trucos, canle que de paso vos pon outros videos ben recomendables para os que traballamos con Autocad.

O video do proceso de paso de pdf a dwg (uns 9 minutos):


Deica.

sábado, 15 de marzo de 2014

Proxecto de estruturas de formigón na edificación.

Como nunca está de máis lembrarse do complicado proceso de elaboración do proxecto dunha estrutura de edificación de formigón armado, non está de máis a entrada que vos traio hoxe.

A través do OCW da Universidad Politécnica de Madrid e en concreto das publicacións da área de coñecemento de Mecánica de Medios Continuos e Teoría de Estructuras, podemos irnos á asignatura de Proyecto de Estructuras de Hormigón de Edificación e dende alí descargar dende aquí un completiño prontuario para abordar o cálculo estrutural dun edificio en formigón armado.


Ao longo das diferentes partes que podemos baixar (e que non quedan mal encanutilladas para telas a man cando hai que calcular) repasamos, sempre coas oportunas referencias á normativa hespañola (EHE 08 e CTE), os principios de predimensionamento, fórmulas de armado para sección rectangular ou en T, repaso dos estados límites, disposición de armaduras, ábacos e detalles de armado, cimentacións (aínda en modo borrador pero bastante completa) e muros. Apórtanse tamén algunhas follas de cálculo para comprobacións.



A publicación complétase cun par de manuales de CYPE e SAP2000 así como con uns cantos exercicios tamén resoltos.

En suma, un material para ter a man xunto co prontuario da EHE 08 elaborado por Zaida Rincón xa publicado hai un par de entradas.


Espero que vos sirva de algo. Saúdos.

mércores, 5 de marzo de 2014

Galpón (Grupo de Amigos de Linux de Pontevedra).

Como isto da información libre debería estar acompañado de paso dun software libre, sorprendeume agradablemente atopar nunha publicación en Google + do meu contacto Evelio Sánchez (arquitecto e pontevedrés de pro) esta páxina web do Grupo de Amigos de Linux de Pontevedra.

Na mesma páxina tes unha wiki na que relatan os seus 10 anos de historia, aportan manuais (para configurar o teu propio mini servidor web, seguridade nas redes sociais ou instalar un módem Linuxant, a verdade teñen un nivel que me supera) ou publican directamente as súas conferencias.

Os artigos que publican tampouco son moco de pavo, nin as súas actividades, entre as que estás a tempo de anotarte a día de hoxe se tes ganas de construír a túa impresora en 3D.

Outro artigo que por sí mesmo merece unha entrada e maior divulgación é a que sinala a páxina de publicacións de libre acceso da UNESCO.

Está como para perder un bó tempiño mirando na páxina, aparte que da ligazóns a outros grupos de usuarios de software libre da comunidade, como os de A Coruña, Mugardos, Ordes ou Melide.

En definitiva, unha páxina a ter moi en conta que dende hoxe tedes tamén no grupo de ligazóns á dereita no apartado de informática.  

Deica.

martes, 4 de marzo de 2014

O prontuario da EHE 08 en Excel, por Zaida Rincón.

Pois estaba a procurar algunha cousa sobre Excel e cálculo estrutural na rede vou e atópome cun traballo de fin de carreira ben xeitoso efectuado por Zaida Rincón, da Escola de Enxeñería de Edificación da Universitat Politécnica de Catalunya, subido á rede no repositorio desta última.

Para descargar, nesta ligazón.

Se o descargades comprobaredes que tedes ao alcance da man, de xeito completamente gratuíto, unha folla Excel que permite calcular e comprobar seccións de formigón armado. Ollo, seccións, que para calcular unha estrutura fan falta máis cousas e un programa completo, se ben para comprobar elementos puntuais non ven nada mal ter a ferramentiña esta.

Ten bastante semellanza, e a verdade pretende suplir, a actualización do Prontuario del hormigón armado elaborado polo Instituto Español del Cemento y sus Aplicaciones, un pequeno programiña que moitos lembramos con cariño pero que tardou en actualizarse á norma EHE 08 e que finalmente o fixo a un prezo de 10 euros por licenza, e que con todo tamén podedes descarregar aquí.

O formato é moi simple: un libro Excel no que a primeira folla fai de índice abarcando as comprobacións de seccións que cubre o prontuario.



A partir de aquí o que temos que escoller no pe de pantalla é a comprobación que queremos efectuar, irmos a ela e efectuamos a comprobación requirida.



Como de todos os xeitos sempre pode haber complicacións e poden requirirse instrucións, no mesmo enlace do principio podemos baixar unha memoria e un manual de uso en castelán, xunto cun manual de uso en inglés. Para que logo faledes dos cataláns :)

Todo o documento está baixo unha licenza Creative Commons, así que podedes empregala citando a fonte e nas mesmas condicións de licenza.

Saúdos a todos, e por suposto unha calurosa aperta a Zaida pola magnífica aportación realizada.

sábado, 1 de marzo de 2014

Casos de estudo do CTE DB HE1

A asociación nacional de fabricantes de materiais illantes Andimat publica unha serie de casos prácticos de cumprimento do CTE DB HE1, coa pretensión de axudar aos técnicos a efectuar xustificacións do cumprimento do HE1.

Para isto presenta como primeiro exercicio a simulación enerxética dun edificio plurifamiliar de 7 prantas ubicado entre medianeiras efectuando a opción simplificada do CTE 2006 e xustificando as demandas enerxéticas segundo o apartado 2.2 do HE1 do 2013.

O exercicio completo, en formato pdf, eiquí.

Saúdos.