sábado, 20 de setembro de 2014

MOLA Structural Kit.

Disculparedes o chiste do título, pero a verdade creo que isto é o que máis me emociona dende os xogos para PC.  

Resulta ser que cando Marcio Sequeira de Oliveira facía un máster de arquitectura pensou que, efectivamente, o cálculo estrutural era un tema moi teórico e bastante abstracto, polo que matinou en efectuar un modelo visual que permitira contemplar dun xeito próximo o comportamento estrutural. 

Isto levouno a crear un kit de pezas na liña dos LEGO ou MECANO que servira, mediante a diferente combinación de elementos, para crear diferentes modelos estruturais. A relación básica de pezas podedes vela na seguinte imaxe. 


O resultado é sorprendente, xa que efectivamente diferentes combinacións de pezas levan a obter diferentes tipos de estruturas. Un exemplo o temos nas seguintes imaxes, nas que as pezas imantadas redondas con designación C fan o papel dos nós estruturais, mentres que a colocación nos bordos dos nós de elementos triangulares RC como cartelas permiten a estes nós funcionar como empotramentos. Deste xeito podemos combinar unhas poucas barras (pezas con forma de muelle) con pezas C para facer unha estrutura isostática, que podemos transformar en hiperestática coa colocación das pezas RC arredor do nó para coartar o xiro e converter unha articulación en empotramento, como vemos nas seguintes fotos. 



A tese do Marcio (que podedes descargar dende esta ligazón) demostrou que MOLA pode empregarse como un modelo válido cun funcionamento moi similar ao dunha estrutura real, o que o convirte nunha ferramenta en principio bastante válida para o estudo. 

O interese mostrado polo funcionamento do aparello por outros profesionais dende que en 2005 comezou a deseñalo moveu a Marcio a efectuar o prototipo dun kit que poidera poñerse á venda, o que ten moi bo aspecto e permite para unhas poucas pezas efectuar a montaxe de máis de 100 tipoloxías estruturais, pero que para ser producido a escala industrial e distribuido comercialmente require de crowfunding. 




Para que obteñan os 50.000 reais precisos podes facer unha aportación que pode ir de 20 a 10.000 reais, recibindo unha recompensa que vai dende o mail de agradecemento con mención no libro ata recibir, incluíndo gastos de envío internacionais, 10 kits MOLA para aulas cunha conferencia e sesión práctica. 


As aportacións que podes facer e as vantaxes que podes recibir están todas moi ben explicadas na páxina do proxecto. E, se ben apenas queda un mes para rematar o período de financiamento, os 50.000 reais están superados ampliamente, polo que de seguirse o planning teríamos MOLA nas tendas a partir de xullo de 2015. 

E se non queres ou non podes apoiar económicamente contribúe á difusión da idea compartindo esta entrada. Eu tampouco me beneficio por isto! :) En todo caso se MOLA xa me gustaba polo seu aspecto e utilidade, o seu xeito de procurar financiación mediante crowfunding xa me encanta. 

E para terminar e por se queredes saber máis, un pequeno video coa explicación do proxecto e as ligazóns pertinentes de seguido para ter algo máis que mirar. 







Deica.

Ningún comentario:

Publicar un comentario