luns, 12 de outubro de 2015

Cursos completos de Civil 3D 2016 en Youtube.


En relación coa entrada anterior, outra na que temos un curso completo de deseño xeométrico de estrada con Civil 3D 2016, dende a importación de puntos ata deseño xeométrico, movemento de terras e seccións obtidas. 






Para ver algunha cousa máis, a canle Youtube do autor, Wilder Yaranga. A súa páxina web, que inclúe os arquivos de puntos con que fixo os titoriais, nesta outra ligazón.

Unha canle Youtube na que aparecen moitos titoriais é a de Topocad C3D

Outro curso completo, orientado agora a estradas, está nesta lista de reprodución. Os arquivos de puntos do terreo están nesta entrada de blogue. 

Se ningún dos anteriores vos convence, tendes esta outra lista de reprodución na canle de Aleksander Laurent. 

Para aprender algo máis, estes apuntes de Civil 3D en CivilGeeks, xunto cos apuntes de Sergio J. Navarro

E dende a mesma páxina un manual de ploteado


E como pode facer moita falta, A PÁXINA OFICIAL DE AUTODESK PARA AXUDA DE CIVIL3D 2016



Que aproveite. 

Titoriais en Youtube de programas de certificación de Eficiencia Enerxética.



Ben, a estas alturas xa coñeceredes os principios legais e técnicos da Certificación de Eficiencia Enerxética na edificación. 

Se non o sabedes, pois moi mal. Pero sempre podedes miralo no CTE DB HE e nas páxinas respectivas de Certificación de Eficiencia Enerxética nos Edificios e podedes descargarvos programas e ferramentas de cualificación no Rexistro de documentos recoñecidos do mesmo CTE, en ligazóns do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo. Si, ese mesmo que este sábado pasado publicou en BOE o RD 900/2015 de autoconsumo, o que inclúe o condanado Impuesto ao Sol. 

Agora ben, saberedes tamén que, de feito, a xustificación das esixencias básicas pedidas polo CTE é bastante complicada, por non dicir inabarcable dende o punto de vista do traballo manual, de operacións en papel e incluso con folla Excel. O certificador de hoxe en día debe contar obrigatoriamente co auxilio de programas informáticos adecuados a fin de emitir os seus cálculos, o que esixe manexo do programa e coñecementos construtivos e de interpretación dos resultados que lle permitan detectar o erro, que usualmente non se revela a non ser moi groseiro.

Como hai que saber de principios construtivos, coñecer a normativa e de propina manexar un programa polo común farragoso e con moitos detalles aos que atender, estar ao día neste eido faise moi costa arriba. Así que, como calquera axuda está ben, penduro aquí uns videos titoriais atopoados en Youtube que francamente teñen boa pinta (aínda non me puxen con eles) a ver se van valéndonos de algo.

O primeiro ven a cargo de ECOEFYS SL, empresa de auditoría enerxética, Entidade de Control e Cualificación Enerxética de edificios, e tamén de Formación especializada.

Esta empresa subiu a Youtube o seguinte video onde analiza cun exemplo un exercicio completo coa ferramenta unificada Lider-Calener (para obra nova). Poño de seguido o video completo, que dura case que dúas horas e media, así que como se pode facer moi longo podedes mirar na súa canle de Youtube, onde podemos atopar o mesmo exercicio dividido en tres partes, facendo a visión máis asumible. Na descrición do video tendes tamén ligazón para baixarvos os arquivos empregados no exemplo, todo  un detalle. Para máis descargas, a dirección de descargas da súa páxina web.


Ricardo Álvarez tamén sube a Youtube un titorial de modelización na mesma ferramenta unificada Lider-Calener (para obra nova). O vídeo, de seguido. 


Adrián Lloret sube igualmente outro video para modelización na ferramenta unificada Lider-Calener (para obra nova). 


Dende a Universidad Miguel Hernández de Elche, e da asignatura Eficiencia Energética, correspondente ao grao de Enxeñería Mecánica, tamén temos unha lista de reproducción na que desenrola igualmente un exemplo de aplicación do programa Lider. Tamén a páxina web da asignatura

Engine-er MEC sube tamén un titorial en dúas partes para emprego de Calener VYP (vivendas e pequeno terciario). De momento non ten máis videos, esperemos que continúe. 

Os dous videos, de seguido. 




Certificados energéticos tamén sube unha lista de reproducción enteira na que elabora un titorial de sete videos nos que mostra un titorial de aplicación do CE3X (Edificios existentes). 

E por último guindo un vídeo da canle Youtube de Raúl Carmona Muñoz, que tamén ofrece servizos de formación a través de EasyCTE, páxina de consultoría e formación. Na súa canle Youtube ten bastantes vídeos que abranguen dende o cálculo de estruturas ata instalacións e CTE, e un  deles é o que vos poño no que indica cómo cumprir o DB HE-0.


Bastante que mirar, deica logo e que aproveite! 



domingo, 13 de setembro de 2015

Multimapas comparados.

O que me atopo esta vez é francamente curioso e ten non poucas aplicacións ao urbanismo e á ordeación do territorio. Localicei mediante esta entrada de Ingeniería en la Red a páxina de Javier Jiménez Shaw, enxeñeiro de software que fixo esta interesante aplicación denominada Multimapas nos que podes ver e comparar (mediante superposición ou sincronización) dous mapas dunha colección que abarca dende a cartografía de catastro ata as recentes ortofotos do PNOA ou os famosos vóos americanos de 1956. Para mostra un botón. 




A utilidade por suposto é inmensa sobre todo para comparar dun vistazo as evolucións urbanísticas do territorio nas últimas décadas, o que para o caso de Galicia pode ser máis ben lamentable.

O manexo é tamén moi sinxelo mediante un simple menú na cabeceira da páxina. Tes a opción de superpoñer mapas ou de partir a pantalla para mostrar os mapas comparados e podes descarregar resultados como un arquivo GPX para empregar no GPS, subir un arquivo do mesmo formato para modificar unha ruta ou obter as coordenadas e cotas dun punto do mapa.

Insisto que as posibilidades e utilidades son enormes, tanto para o técnico de ordeación que debe comprobar a antigüidade dunha edificación ou para o sendeirista que pretende trazar unha ruta.

O enlace da páxina, repetido aquí. 

Espero que vos sexa útil. Saúdos. 

sábado, 12 de setembro de 2015

Diccionarios on-line da construción.

Se cadra xa vai sendo tempo que nos poñamos a elaborar un dicionario on-line da construción en galego, non viría nada mal. 

O que sucede con isto da Internet é que cada vez a cousa vai máis rápido, cada vez temos máis información ao alcance da man e cada vez xorden máis iniciativas que vannos facendo a vida máis doada aos que temos que manexar moita información nunha actividade multidisciplinar como é a construción ou deseño de edificios.

Desta volta estábame paseando pola rede cando atopeime casualmente o dicionario da Fundación Laboral de la Construcción, no que, dun xeito bastante gráfico e resumido fan un listado de termos que non está para nada de máis para quen se inicia no eido da construción ou simplemente ten unha dúbida para un termo. A ligazón aquí

E como mostra, a definición neste mesmo diccionario do termo retroexcavadora



Como me puxen a curiosear de seguido con San Google, o certo é que non tardei en atopar outros dicionarios tamén interesantes.

O primeiro o dicionario do portal Construmática, este en principio un pouco máis simple xa que ten poucas imaxes, que sempre son de agradecer cando se trata de definir elementos construtivos. A ligazón, aquí

Outro que me chamou bastante a atención foi o do portal Construnario, este un pouco máis amable xa que aporta para os elementos definidos algúns gráficos e fichas técnicas descarregables. A ligazón e de seguido unha pequena mostra. 


Estas ferramentas en principio teñen bastante bó aspecto e parecen útiles, se ben espero nas mesmas unha pronta mellora.

Agora ben, se sodes profesionais, e, para o caso de estudantes, se volo podedes permitir, un dos mellores libriños que teño visto é o Diccionario visual de la Construcción, editado polo COAC e que trae unha amplísima mostra de termos construtivos e arquitectónicos, marabillosamente grafiado e que todo técnico debera ter a man. O COAG editouno tamén cunha versión de castelán-galego (a orixinal era castelán-catalá) que non teño localizado na rede, pero podedes acceder á versión castelán-catalá (ainda que recomendo encarecidamente a súa adquisición) mediante esta ligazón. Unhas mostras de seguido para certificar que este libro é unha pequena xoia. 





Tamén, dende a Real Academia de Ingeniería de España, o Diccionario Español de Ingeniería


Por último, un pequeno resumo das ligazóns vistas. 







Espero que vos sexan útiles. 

Deica logo. 


venres, 21 de agosto de 2015

Project Sunroof: Google entrando na enerxía solar!

Todo o mundo pode aforrrar cartos na súa factura eléctrica. Cántos paneis precisas? Quén vai instalarchos? Cánto podes aforrar? Recibe a túa casa sol dabondo?

Moita xente procuraba por esta información en Google, así que Google tivo unha idea: facer emprego de Google Maps para que determines se che é rentable instalar paneis solares para producir a túa electricidade mediante o proxecto Project Sunroof. 


Google simplemente toma a información dispoñible xa en Google Maps e determina con iso canta enerxía solar recibe un teito, tendo en conta a iluminación, clima e incluso sombras de árbores e outros edificios sobre un teito. De seguido mide o espacio dispoñible para paneis e determina se a instalación é rendible. De propina indícache cales son os instaladores dispoñibles no teu vecindario. Un pequeno resumo no seguinte video: 


Polo momento é aplicable a unhas poucas zonas de EEUU, se ben Google xa informou que pretende expandilo a toda a nación e ao resto do mundo. E Google ten capacidade de facelo. Quén nos ía decir hai 15 anos, cando Internet estaba xa desenvolvida, que teríamos ferramentas tan potentes e útiles como Google Maps ou Street View? E Google xa está no camiño de autoabastecerse e non consumir máis que enerxías limpas captadas pola mesma compañía.

Agora ben, en España se cadra somos capaces de librarnos de tal avance, xa que as eléctricas teñen todo atado e ben atado, e para iso implantouse un Impuesto del Sol destiñado a facernos inviables tales iniciativas. Podedes informarvos máis sobre a oposición ao Impuesto del Sol en Twitter mediante o hastag #AutoconsumoSí. Incluso, por se non o sabíades, temos unha pequena aplicación aquí tamén moi semellante e que podedes consultar de inmediato, o Proyecto Huella Solar, que espero que non caia no esquecemento definitivo tras esa lei que supoño pretende eternizar a eterna dependencia enerxética española.


Do contrario non se explica que Ingeniería en la red nos mostre un mapa coma este


Para saber algo máis:

Nova en Renovables Verdes. 






martes, 18 de agosto de 2015

Normativas e guías internacionais de estruturas en Estructurando.

Como esto da información libre está cada vez máis aberto, pois vos guindo esta entrada publicada no blog amigo Estructurando na que publican en xeito de descarga libre normativas e guías de referencia no cálculo de estruturas na frioleira de 25 países distintos, fundamentalmente do eido latinoamericano. 

A documentación e normativas aportadas refírense tanto a deseño como a accións e conservación de estruturas, e abarcan tanto formigón como metálicas, mixtas, madeira e solos.

Vouna guindar tamén na páxina de Documentación básica de consulta xa que todo este material pode facer falta en calquera intre a calquera de nós (esto da deslocalización afecta cada vez máis) e francamente paréceme un magnífico aporte, especialmente tendo en conta que a descarga é libre. 

Espero que vos sirva de algo. Saúdos.  

domingo, 16 de agosto de 2015

Tese: Influencia de las NN.TT. en el docente universitario de topografía : estudio de casos.

Xa tiña visto por ahí a páxina do profesor Manuel José León Bonillo, da Universidade de Sevilla, e chamárame bastante a atención a cantidade de recursos, moi adecuada para calquera estudante de topografía. 

En todo caso chamoume tamén a atención ver casualmente a súa tese doctoral sobre o uso de novas tecnoloxías no ensino da topografía, publicado no repositorio da Universidad de Huelva. 

Sendo un documento bastante amplo e acabo de velo, simplemente o deixo ahí, se vos animades a comentalo poderíamos debatir sobre él. 

Saúdos. 

martes, 11 de agosto de 2015

activATIE: unha nova rede social para arquitectos técnicos.

Case de casualidade atopeime con esta páxina que se define a si mesma como unha rede social enfocada a Arquitectos Técnicos e Enxeñeiros de Edificación (aínda non sei se tal título, grao ou o que sexa vale para algo) que pretende ofrecer mediante o emprego das novas tecnoloxías servizos aos colexiados mediante a creación dunha rede de Colexios profesionais. Ao respecto gustaríame puntualizar que como colexiado nos colexios de A Coruña e Madrid teño acceso a ofertas e documentación de ambos colexios, xunto coa bolsa de traballo de ambos: como non estou colexiado nin en Lugo nin en Ourense nin en Pontevedra, curiosamente non podo acceder a ofertas laborais nin documentación de ningunha clase nestes colexios aos que non pertenzo, o que me provoca sentimentos encontrados. Ao respecto non me parecía unha mala nova a posible fusión de todos os colexios provinciais galegos nunha soa circunscripción autonómica, francamente. 

Pois ben, nesta páxina, que aínda parece estar arrincando, polo pronto ofrécese un servizo de formación on-line acreditado colexialmente, un catálogo de materiais proposto por fabricantes, foro de especialistas con asesoramento técnico, xunto coa posibilidade de promocionar a túa actividade e algunha cousiña máis. Enlazo video de presentación



De momento vos aviso que xa me rexistrei, proceso creo que un pouco latoso pero non demasiado, e que de momento si que teño visto algunhas cousas interesantes no catálogo de publicacións, que podedes descargar sen problemas. Entre elas unha guía da baldosa cerámica, videos sobre xestión de mantemento de edificio e diferentes manuais. Aparece tamén algunha documentación propia de outros colexios, o que sinceiramente é de agradecer tal detalle.  

Se cadra o que voto máis de menos é o acceso á área de ofertas de traballo, xa que para acceder ás ofertas especifícase que debes ser un usuario colexiado, pero polo que parece colexiado nun dos dez colexios oficiais que aparecen ao pe de páxina e entre os que non se atopan nin A Coruña nin Madrid. Teño solicitado información ao respceto, pero acabo de facelo e non sei cando me contestarán, espero que non se tarde. 

Podería ter futuro isto, esperemos que non se malogre e que sexa ben xestionado. 

Saúdos a todos. 

sábado, 11 de xullo de 2015

Replanteo (non topográfico) dun edificio.

Xa cos planos en fase final e concedida a licencia de edificación, o primeiro que temos que facer para continuar unha obra é trasladar as medidas do edificio dende o plano á realidade, nun proceso denominado "replanteo", que, como é lóxico, debe levarse con todo coidado. Ao respecto cabe engadir que cando a edificación a realizar ten certa entidade, e en todo caso sempre que se trate de obra civil, tal operación lévaa a cabo un topógrafo designado pola construtora, que tamén é supervisado pola dirección facultativa. Pero en edificación de obras de escasa entidade construtiva é habitual que tal operación sexa realizada polo encargado de obra tras un estudo dos planos e mediante ferramentas típicas do oficio (sedenla, escantillón, nivel de auga, cal e chumbadas). Por suposto que este xeito de traballo non é válido para obras liñais ou que requiran alta precisión, nas que é imprescindible o auxilio do topógrafo. 

Cabe engadir que este proceso é moi pouco atendido na literatura técnica en castelán que teño manexado. Pola contra sí que teño atopado estudos e publicacións moi completas sobre esta fase de preparación de obra en libros franceses, especialmente o título "Implantation des maisons et branchements", de Henri Renaud, do que engado un pequeno gráfico de seguido. 



Como podemos advertir no debuxo anterior, o plano feito representa o terreo, a orientación xeográfica, escala, elementos existentes naturais ou artificiais, redes de servizos, accesos, altimetría e límites do soar xunto coas distancias a lindeiros, edificacións veciñas e eixo da vía de acceso. 

Especialmente os últimos tres puntos teñen gran importancia incluso en vivendas pequenas, xa que o artigo 217.3.a) da vixente lei 9/2002 de Ordenación Urbanística de Galicia define como infraccións graves as seguintes: 

"As accións e omisións que constitúan incumprimento das normas relativas a parcelacións, aproveitamento urbanístico, uso do solo, altura e número de plantas, superficie e volume máximo edificables, situación das edificacións, distancias mínimas de separación a lindes e outros elementos e ocupación permitida da superficie das parcelas ou de habitabilidade das vivendas, cando non teñan o carácter de moi graves." 

Por outra parte se implantamos unha nova vivenda unifamiliar, é case seguro que o PXOUM vixente a ubicará nunha zona de ordenanza de vivenda unifamiliar que marcará as distancias a lindeiros e eixos de vía das novas edificacións. Se estamos a seguir un Plan Parcial, no mesmo virán as condicións de edificación das fincas, onde virán especificados os espazos a ser ocupados polas edificacións, máis ou menos como temos no seguinte debuxo extraído da mesma obra citada anteirormente, onde se reflexa unha urbanización de vivendas familiares illadas. 



Ao respecto cabe engadir aquí a diferenciación entre dous documentos que poden vir en proxecto: o replanteo do proxecto, que consiste en comprobar a realidade xeométrica da obra e a dispoñibilidade dos terreos previamente á tramitación do expediente de obra (Ley 30/2007 de Contratos del Sector Público, art. 110) e a acta de comprobación de replanteo (Ley 30/2007 artigo 212) que consiste na comprobación do replanteo feito previamente á licitación, no prazo dun mes dende a formalización do contrato. En todo caso hai que lerse tamén a Ley 38/99 de Ordenación de la Edificación, que indica cales son os asinantes da acta de comprobación de replanteo. Estes documentos non teñen valor técnico senon xurídico indicando que a obra pode empezarse, polo que non están involucrados nas operacións que logo se describen, e ademáis son de aplicación ás obras promovidas por administracións públicas, se ben crin convinte marcalos aquí a fin de evitar confusións co tema. Ao final poño tamén un modelo de acta de replanteo a cubrir para obra privada conforme aos artigos da LOE.  

Lóxicamente farémonos cargo que vale a pena adicarlle un tempiño de estudo aos datos de implantación a fin de ubicar a nova edificación alí onde a permite a licenza de edificación, co que evitaremos a posteriori problemas moi serios que poden impricar mesmo a orde de derruba do novo edificio se éste sobrepasa os lindeiros marcados pola ordeación urbana. 




Para efectuar o replanteo da obra o encargado comeza por marcar liñas de eixes ou de bordo de piares e muros. Para manter estas liñas materializadas en calquera intre coloca escantillóns nos que se marca o paso destas liñas mediante un cravo no que poden atarse os fíos ou ben mediante unha marca de lápis. Na seguinte imaxe observamos dous escantillóns marcando as aliñacións exteriores dun muro no seu encontro en esquiña: ao pasar fíos polas mesmas e mantelas tensas materialízase o encontro dos dous muros e cunha chumbada podemos ubicar exactamente a posición da esquiña. En calquera momento podemos retirar os fíos para traballar e en caso de duda poñelos de novo para localizar novamente a esquiña. Obsérvese que os escantillóns deben estar nivelados á mesma cota (preferentemente entre 30 e 50 cm por enriba da cota de explanación), obtendo un plano horizontal de referencia que cubre a obra toda e que permite localizar sen problemas o encontro dos fíos e determinar con claridade a esquiña. A seguinte imaxe pertence ao libro "Lecciones de topografía e replanteos" reseñado ao final na bibliografía. 


Na seguinte ilustración obtida da mesma publicación observamos o perímetro exterior dun edificio con soto materializado mediante escantillóns e fíos. Obsérvese que tras materializar o bordo exterior do muro de soto (marcado a trazos) procedeuse a efectuar a excavación do soto deixando noiros para impedir o desplome do terreo, e que unha vez feito este traballo procédese a colocar novamente os fíos para marcar a posición do encofrado exterior e poder colocalo previamente ao verquido de formigón. 


Agora ben, incluso estas operacións deben levarse con coidado e oficio. Ao respecto téñome atopado uns vídeos elaborados polo profesor Luis Blázquez, da EUAT da Universidad de Sevilla no ano 1992 onde reflexa con bastante agarimo este proceso, levado a cabo dun xeito completamente profesional. Guindoos de seguido para que os miredes con atención, paga a pena. 


No primeiro observamos as fases iniciais: comprobación ocular do soar (comprobar que non se aparta das previsións de proxecto) e confección (se non a elaborou o proxectista, cousa altamente recomendable) dun plano de replanteo en base ás medidas de proxecto. Trazado das aliñacións de fachada e comprobación da ortogonalidade coa regra dos múltiplos de 3-4-5 xa explicada nesta outra entrada, e comprobación das edificacións colindantes. 


Planos a consultar antes de poñer as medidas definitivas e elaboración de plano base de replanteo. Ferrramentas. 


Materialización e comprobación das aliñacións e escuadrías. Colocación de escantillóns. Situación de eixos de piares. 


Materialización das medidas con xeso. Sinalización de zapatas e eixos de piares. 


Outro xeito de representar esta operación é o ofrecido polo arquitecto arxentino Martín Bonari, que ten unha interesante canle de Youtube. O primeiro vídeo nos indica cómo efectuar un plano de replanteo e o segundo cómo materializar o replanteo en obra. 




Aquí a colocación dos escantillóns ou camillas. 




E como o saber nunca está de máis vos colgo tamén unha práctica de replanteo elaborada por alumnos dunha escola latinoamericana onde resumen o proceso dun xeito máis curto e sinxelo. 



Bibliografía: 

Lecciones de topografía y replanteos. Antonio Miguel González Cabezas. 5ª edición. Editorial Club Universitario. Alicante, 2008. 

Replanteo de obras de edificación. Jordi Crespell i Serra. Tornapunta ediciones. Madrid, 2012. 

Topografía de obras. Ignacio de Corral Manuel de Villena. Alfaomega grupo editor, S.A. de C.V. México, 2000.

Implantation des maisons et branchements. Henri Renaud. Éditions Eyrolles, Paris 2006. 



Lexislación: 






Webgrafía: 







Deica. 

luns, 18 de maio de 2015

martes, 17 de marzo de 2015

Algúns requerimentos básicos para traballar na construción no Reino Unido.




Se queres traballar no UK terás que obter a tarxetaCSCS, de obrigatoria presentación para todo aquel que traballe en obra no país. Esta tarxeta asegura que o seu portador ten a formación e cualificación requiridas para o seu posto de traballo. Para obtela é preciso que o traballador aprobe o exame pertinente de Seguridade, Saúde e Medio Ambiente. Para preparar o exame podes comprarte un libro ou DVD co temario (que tamén pode vir en castelán e que pode localizarse nas bibliotecas públicas do Reino Unido), o exame consistirá en 200 preguntas das que hai que responder acertadamente 180. Agora ben, cando se reserva cita para o exame pode solicitarse efectuar o exame en castelán, pero ten que ser cando se efectúa a reserva ou do contrario non poderás pedilo. 







Esta tarxeta ven en distintas cores en función da cualificación profesional do traballador. A un peón correspóndelle a verde, que ten unha validez de 5 anos tras os cales debe ser renovada facendo o exame de novo. A un albanel con experiencia que pretende seguir formándose correspóndelle a vermella, e tras pasar máis tempo e exames podes optar a tomar a tarxeta azul, que corresponde a un operario cualificado.


Máis información aquí e aquí.

E a páxina oficial para quitarse a tarxeta aquí

E un pequeno vídeo con subtítulos como mostra de cómo funciona esto da construcción no UK. 



luns, 16 de febreiro de 2015

A editorial da fundación ONCE: deseño e normativa de accesibilidade para descarga libre.

Sen dúbida unha sociedade avanzada caracterízase pola atención que presta ás persoas con dificultades para levar a cabo un xeito de vida estándar. Ao respecto a simple existencia dun organismo como a ONCE é unha boa nova para calquera país, e no estado español temos a fortuna de contar coa fundación ONCE, que facilitou a inserción laboral de miles de persoas con discapacidade, non somentes visual senon tamén física ou mental.  



Nun intre no que as esixencias da normativa sobre a edificación son cada vez maiores, e non se pode obviar o deseño integrador que permita o acceso e circulación en edificios ou espazos públicos e privados a persoas con diferentes graos de discapacidade (o que por suposto implica un desenrolo non só no sector da edificación senon tamén no do urbanismo e a mobilidade urbana), é moi de agradecer a labor de divulgación que tamén realiza a fundación ONCE a través desta ligazón onde recolle diferentes traballos que tratan de recoller e analisar a normativa e as boas prácticas de deseño aplicadas á accesibilidade.



A documentación con recomendacións para mobilidade elaborada pola ONCE está disposta para a súa descarga nesta ligazón, na que podemos efectuar unha busca por ano de publicación, tipo de discapacidade e data do documento.





Sendo bastante ampla a documentación a revisar, e estando este blogue adicado fundamentalmente a edificación e obra civil, polo menos poderíamos destacar, pola súa importancia para o deseñador e controlador de obra, as seguintes publicacións:

Manual de accesibilidad para técnicos municipales. 

Bares y restaurantes accesibles para todas las personas. 









Con todo, se procurades un pouquiño na mesma ligazón atoparedes máis publicacións de descarga gratuíta para o voso emprego.

Webgrafia: 








Esperando que sexa útil, recibide un saúdo. 



domingo, 15 de febreiro de 2015

Un aparejador in the UK.


Como esto cada día está máis complicado, a saída cara Inglaterra é unha opción a considerar. Pois trasteando en Youtube téñome atopado esta canle na que un arquitecto técnico nos fala das súas experiencias no Reino Unido. Como supoño que é recomendable aquí vola deixo, a ver se vos serve de algo. 


Saúdos. 

domingo, 8 de febreiro de 2015

A aplicación Control de Edificaciones.

Dende a fundación MUSAAT chega unha nova aplicación para dispositivos de telefonía móbil que axuda aos técnicos a abordar a labor de documentar correctamente a complicada tarefa de documentar o control de execución dunha obra. 

Dado que hoxe en día todos dispoñemos de teléfono móbil e moitos de tablets, resulta unha pena non aproveitar as capacidades destes aparatos para tomar fotografías, efectuar grabacións e almacenar información. 

Calquera persoa pode descarregarse tanto dende a app store de Apple para iPhones e iPads como dende Google Play para dispositivos Android en xeito de avaliación, ou edición limitada. Para obter a versión completa, quenes somos mutualistas de MUSAAT temos simplemente que introducir o correo e contraseña de rexistro privado en MUSAAT. Quenes non sexan mutualistas poden adquirir a versión completa a un prezo de 29,99 euros. 

A fin de empregala como unha ferramenta sinxela de doado emprego en obra, ten apenas un menú con tres opcións fundamentais: 

1 Base de datos edificación. 

Incorpora unha base de datos de puntos de control ordeada por capítulos e subcapítulos. Dado que esta base de datos está baseada na normativa e na experiencia dos autores non ten por qué coincidir cos criterios do usuario, de xeito que fíxose como editable e ampliable polo usuario. 



2 Xestión de obras. 

Permite crear un número ilimitado de obras. Para cada unha delas hai que aportar unha información mínima de nome e emprazamento, xunto cun cadro de texto onde podemos introducir outros datos como responsable de obra ou teléfonos. Creada a obra, accedemos a ela e podemos crear os puntos de control da base de datos.

Para cada punto de control pódense introducir un número ilimitado de checks (visitas) nos que deixamos constancia da data de visita, poidendo agregar comentarios, fotos e gravacións. Tamén podemos marcar un sinal de advertencia cando un control foi desfavorable (triángulo bermello) para sinalar unha revisión posterior. 





2 Informes. 

Pódese crear un informe con tódolos controles efectuados nunha obra, incluíndo notas, gravacións de voz e por suposto fotos. O informe xenérase en formato html e pode enviarse a contactos da axenda. Cabe a posibilidade de efectuar informes parciais de subcapítulos ou capítulos de obra. 



Con respecto aos puntos de control, almacénanse no servidor de MUSAAT, se ben todo usuario de versión completa pode vencellala a unha conta Dropbox, onde se gardarían tódalas fotos tomadas en obra. 


Webgrafía: 




Nova no COAAT de Cantabria. 

Espero que vos sexa útil. Deica.