luns, 14 de agosto de 2017

Novo currículo de técnico superior en Organización e Control de Obras de Construción

Pois ven a Consellería de Educación e xa puxo na súa páxina o DOG do pasado 31 de xullo (desculpade o atraso que este agosto ando liado co inglés) o currículo do cicloformativo de grao superior (2.000 horas) correspondente ao título de técnicosuperior en Organización e Control de Obras de Construción, incluído na familia profesional de Edificación e Obra Civil.


Se ben no artigo 5 detalla as competencias persoais e profesionais do técnico titulado, vos transcribo o artigo 4, no que explica a competencia xeral do titulado como segue:

Artigo 4. Competencia xeral: A competencia xeral do título de técnico superior en Organización e Control de Obras de Construción consiste en organizar a pé de obra traballos de execución de edificación e obra civil xestionando recursos, coordinando faenas e controlando unidades de obra realizadas, consonte as especificacións do proxecto, a planificación da obra, as instrucións recibidas, a normativa aplicable e as condicións establecidas en materia ambiental, de calidade, de seguridade e de saúde laboral.

Como teredes advertido os que esteades un pouco neste mundo, o titulado estará capacitado fundamentalmente para labores de encargado de obra.


Agora ben, qué fai un encargado de obra será o que vos preguntedes quenes non esteades tan postos: pois ben, é un elemento fundamental en calquera obra medianamente grande, que mentres o xefe de obra (polo común un arquitecto ou enxeñeiro técnico) leva o control económico e de calidade dos materiais, o encargado ven sendo quen está directamente enriba dos traballos, controlando en primeira instancia ás subcontratas e sendo en definitiva a man dereita do xefe de obra no que a organización e planificación se refire.


Xa un pouco máis en serio, para indícalo un pouquiño mellor e máis gráficamente, un pequeno gráfico extraído desta entrada do blogue de Víctor Yepes.


Con respecto á oportunidade de escomenzar con este título, que xa é ofertado no IES Politécnico de Vigo, cadra estupendamente (se cadra por máis sorte que outra cousa) co momento de recuperación do sector que comeza a albiscarse, fundamentalmente pola ausencia de persoal cualificado laboralmente para exercer esta función.

Se vos interesades polos encargados de obra, veredes que unha grande maioría deles foron rapaces que escomezaron traballar aos 17 anos sen ter idea de nada, e que despois de máis de quince anos vendo executarse obras e aprendendo a manexar planos (moitas veces a golpes) acabaron entendendo de construción o suficiente para que se lles adxudicara esta responsabilidade.


O que ocorre cando se fai un ciclo destes é que eses quince anos redúcense a tres. Non quero decir con isto que a un rapaz recen titulado poida adxudicárselle unha obra polas boas, terá que pasar por unha temporada de fogueo na construción, pero ao cabo de tres anos en obra xa estará capacitado para esta labor, que ademais tamén está bastante ben remunerada.

En fin, que aquí tendes outra opción para aqueles que pretendan iniciarse na construción, un ciclo de FP de nova creación que posiblemente sexa o que máis saída profesional e máis capacidade outorga na rama de Edificación e Obra Civil.  

Algunhas ligazóns por se queredes saber algo máis:


Deica.