domingo, 13 de setembro de 2015

Multimapas comparados.

O que me atopo esta vez é francamente curioso e ten non poucas aplicacións ao urbanismo e á ordeación do territorio. Localicei mediante esta entrada de Ingeniería en la Red a páxina de Javier Jiménez Shaw, enxeñeiro de software que fixo esta interesante aplicación denominada Multimapas nos que podes ver e comparar (mediante superposición ou sincronización) dous mapas dunha colección que abarca dende a cartografía de catastro ata as recentes ortofotos do PNOA ou os famosos vóos americanos de 1956. Para mostra un botón. 




A utilidade por suposto é inmensa sobre todo para comparar dun vistazo as evolucións urbanísticas do territorio nas últimas décadas, o que para o caso de Galicia pode ser máis ben lamentable.

O manexo é tamén moi sinxelo mediante un simple menú na cabeceira da páxina. Tes a opción de superpoñer mapas ou de partir a pantalla para mostrar os mapas comparados e podes descarregar resultados como un arquivo GPX para empregar no GPS, subir un arquivo do mesmo formato para modificar unha ruta ou obter as coordenadas e cotas dun punto do mapa.

Insisto que as posibilidades e utilidades son enormes, tanto para o técnico de ordeación que debe comprobar a antigüidade dunha edificación ou para o sendeirista que pretende trazar unha ruta.

O enlace da páxina, repetido aquí. 

Espero que vos sexa útil. Saúdos. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario