venres, 28 de marzo de 2014

Execución de obra civil e infografía: as canles de Voxelstudio e Proin3d.

Pois estaba buscando por Youtube algún video para ilustrar a execución dun emisario submarino e vou e atópome de novo cos videos de Voxel Studios e de Proin3d, empresas de producións audiovisuais e infografía que tamén teñen as súas propias canles de Youtube (aquí e aquí) onde mostran as súas creacións.

Con respecto ás mesmas, puntualizaría un detalle importante: non somente se centran nunha simple maqueta virtual de obras (cousa que por outra parte non estaría nada mal) senon que fan un cubrimento completo de importantes obras efectuadas por diversas construtoras detallando un dos aspectos máis importantes para o técnico medio: o proceso de execución das mesmas. Intentarei explicarme de seguido, en especial para os estudantes.



A imaxe que teño posta enriba é a da ponte atirantada de Talavera de la Reina, sobre o río Tajo. O seu diseño radical non foi gratuíto, xa que responde á necesidade de minimizar impacto ambiental non incluíndo pilas no río, e de paso aportando gran fermosura á entrada da cidade. Ata aquí todo ben para os neófitos, pero en especial cando se empeza na enxeñería hai que pensar que unha estrutura semellante, por moi ben que luza sobre o papel, require ser executada, e o proceso de execución pode ser tan complicado, innovador e rupturista como o propio deseño do elemento, por non falar que tal proceso debe ser levado a cabo cun custe lóxico e asumible. Do contrario mellor non empezala.

Ocorre con isto que, se ben eu son técnico en execución de obras, debe ser o aspecto da execución o menos contemplado nos temarios lectivos, motivo polo cal se lle esixe a un xefe de obra unha práctica mínima de tres anos laborais para que poida asumir en solitario obras algo complicadas, experiencia que debe ser adquirida a título persoal polo egresado. Estes mesmos problemas existen na formación profesional e son difícilmente solventables, asi que explicacións como as seguintes parecenme de todo punto pertinentes para os estudantes.

Pois ben, as dúas empresas citadas poñen de xeito libre os seus traballos infográficos na rede, de xeito que contemplándoos podemos facernos cargo dos procesos de execución, que aparecen bastante pormenorizados. Os videos non son unha simple maqueta virtual, senon un seguimento virtual da elaboración da obra, que se cadra nun día non tan lonxano terá que ser incorporado á documentación de obra final, como xa se fai cos planos "as built". Detalla a seguinte presentación o proceso de cimentación, a elaboración do piloño cos seus apoios, execución do taboeiro e remate final de mirador.


E como precisamente estábamos en aulas cos procesos de saneamento de poboacións, e moi concretamente coa situación do saneamento da ría de Vigo (unha paradisíaca ría que recibe os verquidos de cousa de 500.000 habitantes e na que se realizan actividades de cultivo mariño), pois podemos exemplarizalo co video de Voxelstudios sobre a nova EDAR de Vigo, ainda que este video é bastante descriptivo no referente ao resultado e non ao proceso construtivo.



E sen saírnos do saneamento da ría de Vigo, aquí temos outra infografía, esta vez elaborada por Proin3d, na que analisa con moito detalle todo o proceso de execución do emisario que transporta os efluentes da anterior EDAR ata o centro da ría.


Outras obras simpáticas de ver son a segunda fase da ampliación do peirao de Camariñas, o palacio Multiusos de Gran Canaria, a autovía Iznalloz-Darro ou o porto brasileiro de Açu.

Únicamente poñería como crítica que Voxelstudios fai comentarios das infografías cunha voz en off que puntualiza sobre as imaxes que estamos a ver, cousa que non é tan común nos videos de Proin3d, polo que, se ben estes poden ser comprendidos por aquel que teña unhas nocións básicas de obra civil, poden ser un pouco menos entendibles polos novatos.

En todo caso paréceme un material magnífico, moi ben elaborado e digno tanto de ser visto por estudantes en casa (e non me sinto máis que un eterno estudante, por certo) como de ser posto polo profesor na aula.

Espero que os disfrutedes, se ben non son máis que uns exemplos e tedes bastantes videos máis nas canles Youtube destas dúas empresas, das que vos repito ligazón:

Voxelstudios. 

Proin3d. 


E como sempre acaba aparecendo algo máis tendes aquí esta outra empresa: GEDESPRO3D 

Deica.

Ningún comentario:

Publicar un comentario