luns, 8 de xullo de 2024

Novas fichas técnicas de servidumes (colaboración COAG-APLU)

 Se nos preguntamos qué é unha servidume (e teñen bastante influencia no asunto urbanístico) podemos consultar o vixente Código Civil español, concretamente o libro 2º (dos bens, propiedade e modificacións) vendo o capítulo VII todo (é bastante amplo) onde define as servidumes como un gravame imposto a un inmoble en beneficio de outro pertencente a distinto dono.

 

En realidade é tan simple como que non podemos construír o que nos pete na nosa parcela sen ter en conta o que nos rodea. Se estás cerca dun aeroporto non podes facer edificios, se non mira no video o que poido pasar no aeroporto de Sao Paulo, Brasil. Para evitar riscos como estes a lexislación española limita as pistas, bordos, zonas de aproximación e despegue, restrinxindo o emprego da edificación nelas.

 


Como somos técnicos e non avogados, moitas veces temos problemas de interpretación ou de simple descoñecemento de cuestións estas. Por iso é tan de agradecer que o COAG resumira a normativa a empregar en edificación (tamén en urbanismo) nunhas interesantes fichas redactadas en colaboración coa Axencia de Protección da Legalidade Urbanística.

 

O seu interese é moito maior dado que estas fichas representan os límites marcados pola ampla lexislación correspondente (costas, estradas, ferrocarrís, minas, enerxía...) en forma gráfica (lembrade que sempre prevalece a forma escrita, se ben os técnicos agradecerán tanto como os legalistas estas aclaracións esquemáticas), e, moi importante, indicando no lateral de cada ficha as súas referencias legais (moito me temo que en breve comezarán desactualizarse), os conceptos base aplicables (definicións legais, que tanta falta nos fan) e mesmo autorizacións requiridas.

 





En definitiva, unha boa ferramenta a ter en conta para proxectistas e técnicos municipais. E ademáis de balde, nesta ligazón.

 

Sinceiros parabéns ao COAG e esperemos que se repitan iniciativas deste tipo.

 

Algunha ligazón con máis información:

 

https://www.xunta.gal/es/notas-de-prensa/-/nova/002173/xunta-presenta-las-fichas-tecnicas-para-facilitar-trabajo-los-agentes-urbanisticos

 

https://portal.coag.es/es/

 

https://axenciaurbanistica.xunta.gal/es