domingo, 3 de marzo de 2013

UUDD da USC: ciencia e tecnoloxía en galego.

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela, colaborando co Servizo de Publicacións e Intercambio Científico xa leva algún tempo preparando unha documentación á que ben podíamos botarlle unha visual. 

A fin de promover a elaboura de Unidades Didácticas de calidade para uso docente, de promover a constitución dunha base de Unidades Didácticas que se poidan editar en diversos soportes e de contribuír ao uso do galego na actividade docente, mediante un Obradoiro de elaboración de Unidades Didácticas (no que teñen peso principal os profesores desta mesma Universidade) tense creado unha serie de temas de consulta en formato dixital dos que non podo menos que alabar a concreción e claridade dos que teño mirado ata agora e que aparte de ampliar o repositorio desta entidade case milenaria prestan gran utilidade aos que teñamos que mirar por termos similares. 

As Unidades Didácticas publicadas ata agora abranguen eidos como as ciencias experimentais, da saúde, sociais e xurídicas, ensinanzas técnicas e humanidades. Atópanse en formato pdf, con ISBN da Universidade de Santiago. Pódese acceder ás mesmas de xeito libre, estando permitida a consulta, descarga e impresión das mesmas, atopándose baixo as condicións das licenzas Creative Commons, constituíndo un novo triunfo do acceso libre. 

Aquí tendes o acceso ás UUDD publicadas ata o de agora. 

Con respecto aos meus alumnos, avisarlles que xa poden ir remirando, dentro do apartado de ensinanzas técnicas, as referidas á materia de "Deseño e construción de obras lineais" do curso 2011. 

Aparte deixo ligazón á dereita, no apartado de OCW

Boa semana. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario