sábado, 22 de decembro de 2012

O máis sinxelo programa de deseño de pontes articuladas.


Como dicía o clásico “as ciencias adiantan que é unha barbaridade!”, e a día que pasa máis aínda.

Creo que tería eu sobre cinco anos cando vin por primeira vez “Morreron coas botas postas” (cunha tele en branco e negro que soio collía dúas cadeas que de propina pechaban a emisión á hora da sesta) e chamárame a atención a parte do film desenrolada na academia militar de West Point, toda unha institución nos USA. O que menos podía esperarme daquela é que eu podera un día chegar a trastear con programas feitos directamente dende tal academia, pero o certo é que aquí temos un que ademáis é chistosísimo e francamente útil para desenrolar conceptos básicos e non tan básicos do cálculo estructural, que a verdade o de facer polígonos de Cremona sempre me pareceu pouco didáctico (a ver se non me levo unha bronca á volta das vacacións por dicir isto).  



Cando elaborei unha UD de estruturas para tecnoloxía xa me vira con este programiña, na súa versión de 2007, que atopei case de casualidade buscando información para deseño de pontes, se ben en West Point teñen unha sección de enxeñeiros que no parece para nada conformista e ano a ano vanlle facendo melloras, esperándose a nova versión 2013 para xaneiro próximo. Cabe engadir que a academia fai un concurso de creación de pontes on-line dirixido ao equivalente á ESO en Norteamérica, con premio para o mellor deseño de ponte. Por suposto que o programa é de descarga libre con dominio público e instálase en Windows sen problemas. A versión 2012, dende esta ligazón.  



O funcionamento é moi sinxelo e intuitivo aínda que non saibas inglés, basicamente consiste en establecer unha luz de ponte (polo que vin poden facerse pontes de ata dous tramos con apoio intermedio) e unha altura sobre río, coa posibilidade de darlle apoio en estribos normais ou asegurando mediante cableado. 



Faise un deseño básico baseándose en barras e nodos (encontros de barras) que o propio programa dimensiona e que non teñen maior complicación para delinearse. 



Unha vez deseñada a ponte podemos facerlle sen máis unha proba dinámica para comprobar a resposta da estrutura ao paso dun camión, proba que podemos ver dende fóra da ponte ou incluso dende a cabina do camión, e na que se mostran en bermello as barras comprimidas e en azul as traccionadas, e se indican as deformacións producidas en cada momento do paso do camión, indicando qué elementos deben reforzarse. 



Comprobada a ponte cabe logo facer un traballo máis técnico buscando a optimización de elementos da mesma a fin de obter o mínimo custe de construción, custe que tamén calcula o programa en tempo real. 




Como problemiña, pois que as unidades non se dan en SI se non en sistema saxón (xa sabedes, pes, pulgadas, etc...) e por suposto o orzamento do mesmo tamén aparece en dólares, se ben como traballo base non está nada mal. O que me pregunto mirando isto é se os programas de cálculo que manexamos os técnicos europeos non poderían ser igual de simples e transparentes. De todas maneiras aquí vos queda por se queredes xogar un pouco os que poidades disfrutar dunhas vacacións e teñades curiosidade polas obras civís. 




Disfrutade del coma se fora un xogo.

Boas festas. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario